Quequedequenoconte


Velaí o nome do denominado panfleto de testemuña e defensa do mundo rural galego, fermosa iniciativa dunha panda de xente ben interesante, que fixo opción e loita pola vida na aldea, na comarca da montaña da Coruña. Vestida de negro, non sei se como reclamo dun loito imposto desde a capital, chega no seu número 5, berrando contra a desfeita da lingua. Coma metáfora, leva na portada unha foto de Virxilio Viéitez: a matanza do porco. "Coa desfeita do noso medio rural morre boa parte da nosa identidade nacional. Salvar o rural e salvar a nación" afirma Xosé Lois García nun editorial case dramático. Debe levar razón, o noso país deseñase desde despachos e corporacións afincados nas urbes e nas pequenas vilas, sempre de costas á Galiza rural, onde pervive a memoria. Os que mandan desde os bancos, as empresas,os gobernos, gastan traxe e garabata e falan castelán e móvense en luxosos carros nada adoitos a enlamarse polas pistas do rural.

Poemas, relatos, viñetas de Andrade, O Carrabouxo, Xaquín Marín e os retratos de Virxilio Viéitez van amosando ao longo de 30 páxinas sen publicidade, un soño e unha loita, que veñen a dicir: por que nos roubades o mellor que tiñamos?

Non deixa de ser estraña esta compaña de xente: músicos, mestres, curas, frades, poetas, escritores...todos inmersos nunha procesión de ánimas para petar nas conciencias da xente do pobo.

E traen a memoria de Xosé Carlos Peleteiro, frade paúl, que morreu repentinamente o pasado 5 de xaneiro. Xunto os seus irmáns Manolo e Bieito,tamén paúles, fixeron patria durante anos na zona de Cesullas, onde levaban varias parroquias, onde crearon a asociación "Monte Medela". Xentes sinxelas e sen protagonismos, pero capaces de por o carro coma calquera labrego. Fondos coñecedores do mundo rural, e animadores do traballo colectivo, porén non foron valorados polas xerarquías que silenciosas deixáronos marchar para terras do Bierzo. No entanto non perderon o contacto coa Patria, e atopábalos en reunións, asembleas, manifestacións.

Xosé Carlos, conta Alfonso Blanco Torrado, endexamais fuxiu do arado, como acusaban a moitos da súa idade na universidade que tiñan a menos recoñecer a súa orixe rural. "Con moito orgullo reivindicaba aquela cultura labrega que el mamara: o idioma, a paisaxe, o sentido comunal da vida e dos traballos na aldea, a literatura oral...entregouse ao estudo concienciudo das causas e consecuencias do atraso no mundo rural, buscando saídas solidarias e participativas".

Manolo e Bieito, deixan lembranza do seu irmán nas páxinas da revista: "Non me canso de saudarte" seica sempre dicía, e tamén "Hai que andar" repetía con insistencia para lograr o empreño que se propuña. Non regateou esforzos para que todos se uniran.

Alguén debería ir recollendo xa a historia destas xentes como Xosé Carlos, que non quixeron brillar coma estrelas pero foron lume imprescindibel no camiño de liberación de tanta xente.

Convídovos a que coñezades e difundades este panfleto que ten contacto na rede, detrás del, un fato de amigos coñecidos, ademais dos citados: Mini e Mero, Gumer Campaña Ferro, Alicia López Pardo, Miguel R. Carnota, Lourenzo Díaz García.