Que se presente Botín ás eleccións e morra o conto
A estas alturas de vodevil francamente creo que a mellor opción sería que Emilio Botín, chefe do Banco de Santander, dese un paso ao fronte e se presentese el propio ás eleccións. Acabaríamos coa comedia, ópera bufa máis ben, e de paso nos aforraríamos a insufríbel tortura mediática coa que se nos ameaza a conta da sucesión do outrora activo electoral da socialdemocracia española. A postulación de don Emilio pouparíanos o tormento de se Chacón para arriba, Chacón para baixo ou as sesudísimas avaliacións sobre a expertice comunicativa de Alfredo Pérez Rubalcaba.
Porque en realidade é de todo punto indiferente quen encabece a candidatura da opción que aínda se di a si propia socialdemócrata, posto que o seu contido non está en discusión. O seu contido é no plano económico puramente neoliberal escola Merkel e no plano internacional puramente proimperialista escola Obama. O seu contido no plano dos intereses materiais tamén está ben clariño: aí os únicos que deciden son os plutócratas que visitan cada vez con máis frecuencia a Moncloa. E, entre eles, como primus inter pares indiscutíbel, aparece a figura de Emilio Botín.
Plano dos intereses materiais, si, porque non doutro xeito se pode cualificar a entrega a este grupo de privilexiados do sistema de caixas de aforro e do fundo público de pensións. As sedicentes reformas non son tais, son simplesmente operacións de desamortización de bens públicos ao servizo da oligarquía. En plena crise do capitalismo serodio, é de libro que o capital precisa novas áreas de expansión. Tanto na area internacional, daí os tambores de guerra, como na doméstica, daí a ferocidade coa que se olla para as pensións públicas e as caixas de aforro. Botín encabeza a operación saqueo e o obediente xerente que xire os seus asuntos -onte Aznar, hoxe Zapatero- simplesmente se limita a cumprir os designios do chefe.
REDUCIR OS SALARIOS, INCREMENTAR AS PLUSVALÍAS
A secuencia non deixa de ser esperpéntica e coloca basicamente baixo sospeita a todo o aparato de comunicación do Goberno PSOE. Primeiro vai Zapatero á cimeira da UE en Bruxelas a recibir o mandato do conglomerado neoliberal que goberna a Unión, un novo diktat que consiste no de sempre: en reducir os salarios para incrementar as plusvalías. Logo, Zapatero, cos novos retallamentos sociais na carteira, chega a Madrid e, sen solución de continuidade, se reúne co estado maior da burguesía española. Nesa reunión emerxe a figura de Botín e a súa recomendación ao presidente español de que aprace o debate sucesorio, como se a tal cuestión tivese a menor relevancia práctica. Tena na política dos rexoubos e das brincadeiras. Carece totalmente dela na política real. Aí, acontecer o que acontecer, o percurso está escrito: a maioría social encaixa un novo gol pola escuadra e o Gran Capital anótase outros tres puntos na liga que o enfronta co Traballo.
Paralelamente a estas chuscas escaramuzas, a outra facción do grupo dominante, a representada no plano político polo PP, escenifica un enrubescente achegamento ás clases medias e ao pequeno e mediano empresario. É unha táctica ben coñecida na Dereita con inclinacións ultra, a de -en época de crise do capitalismo- encirrar os medos nas capas medias e baixas para as conducir cara á reacción pura e dura. Unha táctica que nos anos 30 do pasado século deu lugar á emerxencia do fascismo e que agora, recén encetada a segunda década do XXI, se traduce na persistencia do berlusconismo en Italia e na acumulación de forzas do lepenismo na Franza.
Aquí os herdeiros políticos do franquismo xogan o mesmo xogo, o de postularse como representantes dos pequenos e dos medianos, frente a unha socialdemocracia en bancarrota que xa aparece con nitidez ante a opinión pública como unha correa de transmisión do grande capital. Por suposto que estamos ante unha operación de finximento: a dereita-dereita do PP é tan prograncapital como o centro-dereita do PSOE. Botín ten nesta partida as cartas marcadas: no capitalismo de casino, sempre gaña a banca.
A ALTERNATIVA
Neste contexto, cobra un especial valor o grande suceso atinxido polo BNG na súa Convención Electoral Municipal. Un acto de extraordinaria forza escénica, con enorme carga emocional, e cun contido político de grande relevancia, o de afirmar que si hai Alternativa e que ademais é unha Alternativa integral, unha Alternativa en todos os planos. O nacionalismo popular galego -o nacionalismo real, o que existe- transmite sen complexos a idea de que é unha cosmovisión que se explica por si mesma, que non necesita ningún complemento, ningún apósito, ningún outro ismo. E esa autoconciencia de ser Alternativa é xusto o que se precisa para asaltar a hexemonía das forzas políticas -PP e PSOE, PSOE e PP- que adhiren á vez o proxecto neoliberal e neocentralista.
Os termos da dialéctica real estabeleceunos con acerto Guillerme ao situar o nacionalismo galego no campo da defensa de Galiza e das maiorías sociais, "porque de Botín e as grandes corporacións xa se ocupan outros". Eses outros son os que non teñen movido nin un músculo da face mentres os mercados secuestran a Democracia. Daí se infire que en Galiza a loita pola soberanía nacional do País e pola defensa dos intereses das maiorías sociais é, en esencia, unha loita pola Democracia. Así foi desde Castelao até hoxe.
A Grande Depresión de 1929 criou as condicións para o aparecimento de Hitler. A Grande Recesión de 2008 levouse por diante a Democracia Formal. As relacións de dominación nunca foron tan evidentes nen tan claras para o público. Quen realmente manda aparece con absoluta impudicia nas primeiras páxinas dos xornais, con tirantes que anecdoticamente lembran os de Fraga. O Comité Executivo da Burguesía debería propoñer como candidato único a Botín e que morra o conto, el pode perfectamente unificar a conservadores e socialdemócratas. Tanto ten. Poñan a quen poñan, diante en Galiza só hai unha Alternativa. A do BNG, a única que ten na cabeza unha Galiza mellor e un mundo distinto.