Que se agacha cando se pide a reforma electoral?

Que se agacha cando se pide a reforma electoral?

Unhas consignas moitas veces reproducida nas reivindicacións que o movemento, bautizado pola prensa coma o dos indignados ou o do 15M eran a de que “non nos representan” ou a de “unha persoa, un voto” en alusión a que o sistema electoral é profundamente inxusto. Malia a complexidade, que tratadas a fondo estas consignas implican, incluída a confusión entre elección, identificación e representación, cómpre reflexionar sobre o feito dunha boa parte do conservadorismo español sentírense en enorme sintonía coas mesmas, sobre todo coa segunda. E isto, penso, non se debeu exclusivamente a unha formulación ambigua, apta para todas as interpretacións, senón a un certo transfundo de españolismo que, agachado no movemento, os media amplificaron na súa cruzada antinacionalista. Considero que este aspecto debe ser obxecto de reflexión e debate, sen medo a amolar, porque eludir algo con tanta relevancia política non debe supor unha renuncia intelectual nin da esquerda nin do nacionalismo.

En primeiro termo acheguémonos á expresión de “non nos representan”. Moitas e variadas razóns poden dar lugar a esta expresión de reproche político. Caben tanto as que xorden da aceptación dos fundamentos do sistema de representación electoral vixente nos sistemas de democracia liberal, mais albiscan elementos viciados que cómpre corrixir, coma as que xorden do cuestionamento dos fundamentos do propio sistema representativo. Situacións como a exclusión ou limitación de certos colectivos para poder facer real e efectiva á participación electoral, tal como aconteceu e acontece en diversas partes do mundo (mulleres, etnias, pertenza a minorías, etc), lexitima de abondo para que estes grupos denuncien a falla de representatividade das institucións resultantes. Tamén o fraude no proceso e no procedemento de elección constitúe unha razón lexitimadora para acusar a ausencia de representatividade. Mesmo a adopción, por parte dos electos, de posturas abertamente contrarias ás que defenderon fronte aos electores, para lograr o seu apoio, supón un engano que enche de razón aos bulrados para recriminar a súa permanencia. Tamén é posíbel que o resultado non sexa do agrado dos perdedores e procuren o revanchismo tentando deslexitimar uns resultados que si aceptarían de serlles favorábeis, o que resulta dificilmente xustificábel en calquera organización ou institución, social ou política, cuxos órganos de goberno ou xestión se conformen a través dun sistema representativo. Pode, así mesmo, que non se acepte, como fai o anarquismo, o sistema de participación electoral e se considere que de ningún xeito alguén partícipe nestes procesos estea lexitimado para representar. E seguindo unha lista interminábel pódese tamén, desde unha perspectiva nacionalista, considerar que as únicas institucións verdadeiramente representativas son aquelas que nacen da soberanía, non recoñecida constitucionalmente, do propio pobo. Mais a esta variada casuística habería que engadir a dificuldade de determinar os destinatarios de tal reproche. É a institución como tal ou son os membros como individuos? E de ser o último caso, son todos os representantes ou só algúns? Porque estes matices son máis importantes do que parece xa que definen honestamente os termos cos que se consigue a intelixibilidade da contestación e do reproche. Resulta ilustrativa a reflexión de Nadia Urbinati de que “aínda que a elección é un procedemento que esixe igualdade aritmética, a representación é un proceso político que opera no ámbito da igualdade proporcional porque constitúe un medio mediante o que as diferenzas procuran visibilidade e defensa pública

En segundo termo acheguémonos á demanda de reforma do sistema electoral. Evidentemente pódese reflexionar sobre a bondade dun sistema electoral e reclamar unha modificación do mesmo porque exista unha baixa representación de grupos e colectivos sociais; porque afecte negativamente a minorías culturais e étnicas; porque certos territorios estean infrarepresentados; porque determinados grupos políticos non poidan concorrer ao proceso ou teñan enormes dificultades para obter representación. E así podemos seguir enumerando posíbeis situacións. Pois ben, no caso español, parece que un dos principais problemas é o dos nacionalismos. Calquera que teña feito un seguimento das reflexións que nos medios se verqueron ao respecto, puido constatar que as forzas políticas nacionalistas apareceron como as grandes responsábeis e beneficiadas da inxustiza electoral. Consonte dita campaña, estas forzas conseguirían facilmente os seus escanos mentres que outras forzas españolas, en comparación, tiñan enormes dificultades para acadalos. A conclusión inmediata foi que un voto nacionalista vale máis que un voto español e…o delirio, ¡cada español un voto!. Resultaba que os nacionalistas votábamos tres ou catro veces.

,Antes de enumerar algunhas das propostas do nacionalismo español, cómpre analizar as incertezas das conclusións antes mencionadas. Todo o mundo sabe que o sistema electoral non é máis que un factor, entre moitos, que hai que ter en conta no resultado dos procesos electorais. Pois ben, en principio as forzas nacionalistas tenden a estar en desvantaxe nuhas eleccións de ámbito estatal. O seu electorado é minoritario e restrinxido con respecto ao que poden ter acceso as forzas españolas. A clave sicolóxica da propia institución favorece a perspectiva española. Por outra banda aínda que Galiza, Euskadi e Catalunya lograsen ter todos os seus deputados nacionalistas, xamais poderían imporse a un bloque “nacional” español. Observemos, así mesmo, que co mesmo sistema e con similar número de votos, no seu conxunto, determinada forza da esquerda española acadou resultados moito máis exitosos noutras convocatorias. O que non vale é reclamar os resultados obtidos fóra da circunscrición na que se computan coma se fosen roubados. Isto é unha trampa moi mal intencionada. Se eu compito nun determinado ámbito e logro incidir nel podo acadar o éxito, máis non podo reclamar o “efecto mochila” sumatorio dos votos acadados noutro ámbito de xogo. O verdadeiro esforzo vese sobre a porcentaxe da cidadanía na que exerces influenza electoral na propia circunscrición. O número de votos é un dato, mais non o único. E isto omítese deliberadamente. Vexamos algúns exemplos: UpyD obtivo un deputado en Valencia con 84.394 votos sobre un censo de case dous millóns de electores posíbeis, e só cun 5,93% sobre o voto válido. O BNG en A Coruña obtivo un deputado con 77.945 votos sobre un censo de pouco máis dun millón de electores posíbeis, mais cun 11,7% de voto válido. Desde logo se se tratase de vender non hai dúbida de quen se tivo que esforzar máis e quen o tiña máis doado. En Valencia UPyD podía vender mellor, máis facilmente e sacou proveito. En Madrid UpyD obtivo 4 deputados co 10,3% da clientela. Amaiur en Guipuzkoa tivo 3 deputados gañándose ao 35% dos votos válidos. Agora ben, a circunscrición provincial ten inconvenientes, certo; eu gostaría de votar no ámbito territorial que considero natural, a miña nación, Galiza. Mais cando outros propoñen unha circunscrición electoral única, española, o que pretenden é eliminar a representación de identidades diferentes. Nunha proposta semellante só existen españois e un único ámbito de representación, España. Sorprendentemente certos defensores da “democracia real” non se indignan fronte a esta uniformización asimilacionista e negadora da diversidade, nin fronte a unha agresión sen precedentes ao dereito de sufraxio pasivo, como foi a reforma da Lei electoral, cociñada para dificultar a presentación de candidaturas que non gozaran xa de representación parlamentaria.

E agora si, por se ficase dúbida, imos reproducir fidelmente algúns dos argumentos e solucións “técnicas” que, desde a dereita esencialista e identitaria española, se estiman como razoábeis para rexenerar a vida democrática. Como punto de partida cuestionan a conveniencia de que partidos que non defenden intereses en clave “nacional” deban ter asento nun Congreso que representa a toda a “nación”. A partir de aquí propoñen diversas posibilidades como as que pasamos a enumerar. Unha primeira consistiría en estabelecer un filtro dun mínimo de votos do 5% a nivel estatal. Unha segunda sería non admitir candidaturas que non se presenten, alomenos, en cinco ou seis circunscricións provinciais. Unha terceira sería estabelecer o modelo uninominal e proporcional alemán onde cada elector dispoña de dúas papeletas; a primeira para un candidato provincial e a segunda para unha lista cuxos escanos se atribuirían segundo os votos obtidos a nivel estatal. Esta última é a proposta polo xornal El Mundo.

Este conxunto de propostas fai parte do tipo de estratexias asimilacionistas orientadas a minguar a presenza de grupos e minorías nacionais e que veñen sendo denunciadas historicamente coma unha fraude democrática. E sendo conscientes do que aínda está por vir, cómpre non ficar impasíbeis diante dos carreiros que poden tomar certas reivindicacións aparentemente frescas e rexeneradoras e denunciar sen complexos as tentativas de limitar a voz e a presenza de identidades diferenciadas que se fan molestas nun Estado incapaz de adaptar a súa estrutura para conciliar a convivencia entre as diferentes nacións.

-----------------------------------------------------------------
[NOTA EDITORIAL.- A responsábel editorial desta publicación dixital, Terra e Tempo, recorda que as valoracións e opinións contidas nos artigos das colaboradoras e colaboradores habituais recaen integramente no ámbito da responsabilidade delas e deles. A directiva non asume como propias máis que as afirmacións do "Editorial" ou de "Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez" que, con este nome, se publica á cabeza dos artigos do día. Tendo comprobado como é moi elevado o número de lecturas e comentarios dalgúns artigos -cousa que nos honra, naturalmente-, asistimos igualmente a unha utilización espuria da opinión dalgúns colaboradores, facéndoa extensiva á Fundación Bautista Álvarez ou á Unión do Povo Galego, partido que non ten responsabilidade sobre este dixital que edita a Fundación. Insistimos, por isto, en como o dixital Terra e Tempo, respeitando a liberdade de expresión dos seus colaboradores, non fai súas en absoluto as aprezacións particulares, sobre calquera tema, dos mesmos. Reservámonos, claro está, como en calquer publicación similar, o dereito de inserimento dos comentarios que cada artigo merecer, pois non damos nin daremos cabida a aqueles que conteñan insultos ou resulten difamantes ou inxuriantes para persoas, institucións ou organizacións.]
-----------------------------------------------------------------