Que por que é a folga? É por todo!

Que por que é a folga? É por todo!

O discurso oficial pretende convencernos de que estamos ante unha recuperación económica. Vós vístela? Porque eu non. Estarei buscando no sitio errado? Estarei buscando nas compañeiras emigradas, no desemprego, con contratos por horas, con salarios de miseria...? Non é aí onde teño que buscar a recuperación?

Desculpade, será que son nova nisto e que conta como “recuperación” económica que os ricos se fagan máis ricos a costa do empobrecemento xeral da poboación. Será que conta como recuperación que os únicos beneficiarios desta situación sexan o grande capital español e transnacional.

Se vos vale iso, se así está ben, se este é o mellor dos mundos posibles, entón non teño argumentos para levantarvos do sofá.

Pero é que a min non me vale.

Oxalá non fose certo, oxalá fose unha consigna baleira, pero sobran razóns.

A clase traballadora non viu tal recuperación. O que viu e ve é como as súas condicións laborais empeoran, os seus salarios baixan, as súas posibilidades de conseguir un emprego diminúen e, en definitiva, as súas condicións de vida son cada vez máis insoportables.

Oxalá non fose certo, de verdade.

Pero tódolos indicadores son claros. Hoxe ter un traballo é extremadamente difícil, e telo nin sequera é garantía para saír da pobreza. A clase traballadora é, na práctica, expulsada do sistema educativo. Non existe creación de emprego, senón precariedade, contratos en condicións de semiescravitude, a tempo parcial e con salarios de miseria que moitas veces nin sequera chegan ó salario mínimo interprofesional. A emigración na xente nova non parou, as mulleres continuamos a ser discriminadas e agredidas a diario, os servizos públicos están en perigo de extinción e nin sequera temos garantidos os dereitos democráticos máis básicos.

Nesta fantástica imaxe a Galiza resulta aínda máis afectada debido á súa situación de dependencia colonial, completamente afogada pola metrópole do Estado Español, que ten cada vez menos vontade de ocultar o seu carácter antidemocrático e represor, e polas políticas nefastas da Unión Europea. A nosa situación é de emerxencia nacional, tanto no laboral, coma no social, económico, político e institucional.

Que máis imos ter que aguantar? Ata cando imos esperar?

Que non sexa por nós que perdamos os dereitos que tantos anos de loita precisaron. Que non sexa por nós que quedemos sen pensións. Que non sexa por nós que se desfagan completamente a educación e a sanidade públicas. Que non sexa por nós que este país quede despoboado. Que non sexa por nós que non se tomen medidas para mudar a situación das mulleres. Que non sexa por nós que non poidamos nin sequera opinar libremente.

A solución non virá dos despachos. Virá das nosas propias mans, da cantidade de xente que poidamos convencer, da presión que exerzamos nas rúas e nos nosos postos de traballo, da nosa capacidade de armarnos como clase e plantarlle cara a este sistema que nos afoga, a este sistema que nos rouba as perspectivas de futuro tanto no Estado español coma na UE.

A folga xeral é a nosa arma, é a arma da clase traballadora. É a resposta que lle demostra ó poder económico a nosa disposición a loitar pola recuperación dos nosos dereitos. Aproveitemos o incremento do descontento e da resposta social nas rúas. Sabemos facelo, xa o fixemos facemos nas mobilizacións feministas, no conflito da xustiza, o transporte, as pensionistas, na sanidade e nas mobilizacións de sector.

É o momento, non hai medias tintas posibles. Ou estamos do lado da clase traballadora, ou estamos do contrario. E a mocidade galega estará aí. Da man da CIG, co sindicalismo nacionalista e de clase. Co traballo político que mira polo noso. Se nos buscan, que nos atopen nas rúas reivindicando os nosos dereitos, construíndo o noso futuro.

Porque temos dignidade de clase. Porque temos dignidade de pobo.

Sobran razóns. O 19 de xuño pararemos o país. O 19 de xuño, Folga Xeral!