Que pidan perdón e se disolvan xa!

Desde tempos case inmemoriais, a historia da Igrexa Católica estivo marcada por escándalos do máis escabroso que quebraron todos os mandamentos. Xa no século XI, Bieito IX, tres veces papa, foi culpábel de suborno, simonía e adulterio, para alén de ser acusado de violación, pedofilía e asasinato, polo que a notoria dinastía dos Borgia se tornou sinónimo de nepotismo e envenenamento.
Hoxe en día, segue a chamar poderosamente a atención a hipocrisía dunha igrexa que predica a humildade, a austeridade e a caridade, cando a hierarquía eclesiástica vive suntuosamente no luxo máis ostentoso, grazas à súa inxente fortuna de procedencia máis que cuestionábel. E, para cúmulo, a Igrexa recibiría uns 11 110 millóns de euros do Estado español en 2015.
Mención especial merecen a participación da Igrexa no holocausto indíxena das Américas polo cal o Papa pediu finalmente perdón tan só 6 séculos despois (aínda que o bispo auxiliar de Valladolid se nega a recoñecelo como tal), a compenetración da Igrexa e o estado franquista através do nacionalcatolicismo ou, máis recentemente, o papel que desempeñou no xenocidio dos tutsi en Ruanda. E aínda hoxe non se resiste à tentación de se meter en política, como o arcebispo de Uviéu que pede que “pase a confesarse” quen apoia a independencia de Catalunya, ou o bispo de Alcalá que afirma que “la unidad de los españoles ha de ser considerada como un bien moral”, sen falar evidentemente do Prior do Val dos Caídos, que foi candidato da Falanxe no seu día...
Mais, por sorte, a medida que vai amainando o seu poder terreal e a súa influencia sobre a sociedade civil, vaise coñecendo o verdadeiro alcance do cancro que se leva larvando e tapando per omnia saecula saeculorum dentro da Igrexa.
Talvez por medo de ver como se vacían os bancos e os petos das igrexas, ao tempo que o novo Papa Francisco segue a negar a ordenación de mulleres (non entendo porque unha muller querería ser sacerdote nunha igrexa así....), tamén fai acenos de ‘progresía’, en aberta contradición coa postura retrógrada, reaccionaria e rancia a respeito do papel da muller que sai da boca de parte da curia, tais como o Bispo de Córdoba que afirma que “cuanto más varón sea el varón, mejor para todos en la casa; [el varón] aporta particularmente la cobertura, la protección y la seguridad [...] es signo de fortaleza y representa la autoridad que ayuda a crecer” encanto a muller “tiene una aportación específica, da calor al hogar, acogida, ternura. El genio femenino enriquece grandemente la familia” de xeito que “cuanto más mujer y más femenina sea la mujer, mejor para todos en la casa.” Sen comentarios...
E se ben non se xustifica directamente a violencia contra as mulleres e o estupro, si que se relativiza a súa importancia, ao atribuílo às súas arelas de liberade face ao seu lexítimo dono ou ao invocar a habitual obsesión co aborto onde os ‘non nacidos’ teñen máis direitos do que as mulleres de disporen libremente do seu corpo. Aínda seguen a cargar as mulleres de hoxe co peso do “pecado orixinal” da desobediencia de Eva da mitoloxía cristiá.
Os depredadores son coñecidos por se cebaren coas persoas máis vulnerábeis. Así que, encanto uns non dubidan en fustigar a homosexualidade, outros non dan decidido se o caruncho da pederastia endémica que leva devorando a vida de milleiros de crianzas vulnerábeis durante décadas é un pecado ou non. Non sei se é un pecado, mais o que si é é un crime.
Sacerdotes ao redor do mundo abusaron sexualmente de menores na máis total impunidade, desde Europa até África pasando por Asía, América Latina, Oceanía e os Estados Unidos, onde se rexistraron máis de 10 000 acusacións encontra de case 4400 cregos entre 1950 e 2002. Até o proprio Vaticano recoñece ter recibido 3400 queixas na década anterior a 2014, que levou à destitución de 848 sacerdotes e sancións menores para outros 2572.
E o pior é que se sabía e non se facía nada para o parar. Todo o contrario: encubríase conscientemente durante décadas, como no tristemente célebre caso do Seminario de La Bañeza. E, ao non poder seguir negando a verdade, hai sacerdotes que pretenden xustificar os abusos coas mesmas escusas de sempre: non é tan malo como abortar e mesmo os menores consenten e provocan: “Puede haber menores que sí lo consientan y, de hecho, los hay. Hay adolescentes de 13 años que son menores y están perfectamente de acuerdo y, además, deseándolo. Incluso si te descuidas te provocan.”
Para alén de maltrataren física e brutalmente os menores desprotexidos ao seu cargo pola súa conta, tamén hai monxas acusadas de colaboraren activamente cos abusos sexuais por parte dos sacerdotes, seguramente en cumprimento do seu papel de apoio ao varón. Mais non por iso escapaban, à súa vez, à luxuria dos sacerdotes, con acusacións de abusos e estupro de monxas desde Uganda até a India.
Finalmente –talvez por medo a que o rabaño en Chile siga o mesmo camiño do que os ex-fieis do agora ex-feudo católico da Irlanda– este ano, o Papa Francisco expulsou dous sacerdotes chilenos (Fernando Karadima e Cristián Precht) por abusos sexuais. Mais non é suficiente. Cando se van entregar à xustiza para seren xulgados como exixen lexitimamente as súas vítimas?
Mais, por se fose pouco, o escándalo da pedofilía endémica dentro da Igrexa non é máis do que a ponta do iceberg. Non só se violan crianzas, tamén se rouban e se trafica internacionalmente con elas e se manteñen nunhas condicións tan execrábeis que moit@s chegan a morrer.
No Estado español, entre 1940 e 1990, ao redor de 300 000 bebés foron arrebatados às súas nais ao nasceren en situacións de vulnerabilidade, para seren vendidos ilegalmente a familias máis abastadas coa conivencia directa de monxas como a Sor María. Rodeado do silencio escurantista da Igrexa, os responsábeis seguen impunes aínda hoxe e a dor das vítimas segue aberta, sen poderen acceder aos arquivos para coñeceren a súa verdadeira identidade. Na Irlanda, unhas 60 000 fillas e fillos de nais solteiras foron vendidas a familias nos EUA onde moit@s del@s foron abusados polas súas familias adoptivas. Co tristemente sonado caso dun “fogar” católico para nais solteiras e os seus bebés, foron descubertos os restos de 800 crianzas nunha fosa común.
Fan todo isto e logo teñen o cinismo de denunciaren pregóns e cartaces por constituíren unha ofensa aos sentimentos relixiosos...