Que pasou na Coruña?
Este verán puiden visitar diferentes lugares do país, nos que sempre atopei a compañeiros e compañeiras nacionalistas que logo do saúdo de rigor sempre preguntaban : Pero, que pasou na Coruña?. A Asemblea Local do BNG do 22 de xuño escolleu, coa participación de case cincocentos militantes, a Xosé Manuel Carril como candidato do BNG á alcaldía da Coruña.
A candidatura do BNG que el encabeza compóñena persoas que formamos parte do actual goberno municipal, mais tamén militantes cunha dilatada traxectoria no BNG da Coruña e membros de Galiza Nova; persoas que estiveron vinculadas ao goberno galego e outras que traballan activamente no movemento veciñal e sindical.
A militancia do BNG quixo como candidato á alcaldía da Coruña a unha persoa vinculada ao nacionalismo desde moi novo, feito que o levou a fundar con outros mozos e mozas a Asemblea Local de Galiza Nova e os CAF, na mesma Facultade de Dereito na que hoxe da aulas. A primeira imaxe que gardo do noso candidato foi nun chuvioso acto que Galiza Nova organizara no Campo da Rata, un 17 de agosto, no que colocáramos unha estaca da que penduraba unha estampa de Castelao do Atila en Galiza e escoitáramos as palabras de Manuel María, que insistira en asistir a pesar do mal tempo. Un Campo da Rata, no que fai máis de 10 anos eramos aínda poucos/as os/as que recordábamos que alí se asasinaran centos de persoas. O interese de Xosé Manuel Carril pola Memoria Histórica, levouno poucos anos despois, a achegarnos a figura dun mozo nacionalista, do barrio de Monte Alto, Pedro Galán Calvete, que hoxe por iniciativa do BNG ten unha rúa co seu nome neste mesmo barrio.
O noso candidato é unha persoa de unha fonda cultura e aprecio polo traballo colectivo, unha persoa dialógante e que demostrou, nas diferentes responsabilidades que ostentou, como foi encargarse da Secretaría Xeral da Universidade da Coruña, un traballo constante e capaz de chegar a puntos de encontro.
Representa un xeito de traballar do BNG que está ao servizo das clase populares e en continuo contacto e interlocución cos movementos sociais; promovendo sempre a participación do pobo galego nas decisións que logo executan as institucións. Un BNG que ten na súa Asemblea Local o primeiro órgano de decisión.
A verdade é que o BNG ten un candidato tan bo que polo de agora a única tacha que lle puxeron algúns medios de comunicación é estar apoiado seica polo "sector máis ortodoxo do nacionalismo". Imaxino que algún estudo de mercado diríalle aos/ás que escriben estas cousas que o adxectivo "ortodoxo" ten connotacións moi negativas para a maioría dos/as que len os xornais. Na miña opinión, e nun momento no que a política sufre un gran descrédito, que a un candidato o acusen de querer facer política consecuente coa súa ideoloxía, penso que non é descrédito ningún.
Ben é certo que nos queda un grande traballo por diante. O candidato do BNG non é moi coñecido e ademais debemos por andar unha organización que ficou adormecida polo traballo institucional e tamén pola apatía que existe na militancia.
O suposto conflito que os medios de comunicación retransmitiron, da man de quen os sabe utilizar dun xeito moi profesional para os seus intereses, non foi máis que un berro ao poder mediático para que transmitiran a militancia e aos votantes do BNG sempre a mesma idea : "que vienen los malos".
Pasado o proceso de elección do primeiro tramo da candidatura ás municipais, temos que cualificar de exemplar, a asemblea do pasado mes de xuño e só hai que mirar como escollen aos seus candidatos o PP e o PSOE.
Unha asemblea local na que, unha vez elixido pola militancia o candidato, a lista gañadora ofreceu aos/ás compañeiros/as que formaban parte da outra candidatura a súa integración de xeito paritario desde o posto número 2, e por suposto, sen ningún tipo de veto. Unha proposta que sería reflexo da organización que temos mais que non foi aceptada, polo acordo previo que a candidatura que perdeu tiña de non integración se gañaba. A pesar disto, moitos/as compañeiros/as que non participaron no proceso ou que votaron en contra da candidatura de Xosé Manuel Carril, xa manifestaron estar dispostos/as a traballar, para que o BNG teña o mellor resultado posible e o nacionalismo saiba parar a ameaza do españolismo máis rancio que quere volver ocupar a totalidade do goberno, no Concello da Coruña.
Quédanos agora un traballo intenso de elaboración do Programa de Goberno co que nos presentaremos as eleccións municipais. Un programa froito do contacto directo coas máis de 1.000 entidade dos ámbitos máis diversos. Un programa que debe dar resposta aos principais problemas como son o desemprego e a creación e promoción da economía produtiva; os problemas de mobilidade e medio-ambientais e o acceso a unha vivenda digna. Neste programa tamén deberán ter cabida os problemas concretos de cada barrio que o BNG ten que preocuparse de detectar e dar solución.
Quédannos só oito meses para conseguir achegar unha mensaxe cun contido que permita ilusionar a militancia primeiro e aos votantes despois. Que os e as nacionalistas que moran na cidade da Coruña, poidan confiar na nosa candidatura para que sexan eles e elas as mellores altofalantes que defendan o noso proxecto e así poder chegar a moitos coruñeses e coruñesas que cren que é necesario traballar por unha cidade da Coruña máis xusta e galega.