Que pasa no BNG?


Non son eu amigo de entrar en liortas públicas sobre a liña política que debe seguir o BNG. Máis ben todo o contrario; entendo que dentro do nacionalismo temos as canles necesarias e precisas para expresármonos, debater, expoñer e facer as propostas que consideremos oportunas. A cultura política do nacionalismo sempre foi, e segue sendo, un exemplo a imitar pois ten unhas profundas raíces democráticas que non teñen parangón de ningún tipo en calqueira outra formación política.

Mais a saída a luz pública de diversas posicións políticas de como debe ser e actuar o BNG, sumándose así e alimentando a súa vez aos "politólogos avezados no nacionalismo da prensa sustentadora do sistema imperante" empeza a ser preocupante e manifestamente chamativo dunha práctica que, ao meu entender, nin é correcta nin esta xustificada. Pódese entender a táctica de querer gañar máis apoios aos posicionamentos particulares, intensificar o debate interno cando estamos próximos a eventos como unha Asemblea Nacional ou non compartir as posicións da maioría, pero o que non se pode compartir é o cuestionamento constante, o debate permanente sobre o mesmo ou o tentar mudar as posicións utilizando pancas externas que, a súa vez, deturpan o debate e non axudan a centrar ou a clarificar a nosa actividade política e a nosa mensaxe no seo da sociedade.

Ven a conto o antes exposto como consecuencia dunha manchea de declaracións, comparecencias, entrevistas, opinións expresadas nos distintos medios de comunicación de persoas ou grupos de persoas do BNG sobre a necesidade de cambiar o rumbo, ou mesmamente, de refundar ou construír un novo BNG. Baixo argumentos como os de "aportar máis elementos para o debate asemblear", "que nace do BNG para o BNG", etc.. recorrese de xeito constante a difusión de debates ao exterior que, en todo caso, só lle interesan á propia militancia, a cal sempre nos enteiramos por medios alleos ao BNG, pero non a cidadanía. Posiblemente o desfase ao que algúns aluden para argumentar ditos cambios sexa precisamente o feito constante de gastar unha inxente cantidade de enerxías en cuestións de caracter interno no canto de actuar para resolver os problemas que máis lles preocupan aos galegos e galegas como son o desemprego, os recurtes laborais e sociais, a precariedade nas condicións de vida e do traballo, etc..

Para ser un referente, e o BNG éo para unha parte moi importante da sociedade, nomeadamente as clases traballadoras, nin pode nin debe transmitir unha imaxe de desconcerto e mensaxes diversas, máis ben todo o contrario; propostas e actuacións firmes, claras e unitarias. Mesmamente algunha das persoas entrevistadas ultimamente recoñece que "non é positivo a excesiva externalización do debate interno". O principio da democracia que impera no BNG admite diferencias de opinión, mesmo diverxencias e críticas, pero inseridas no traballo colectivo e na decisión colectiva. Esta concepción non exclúe, senón todo o contrario, a contribución individual ou particular como parte integrante e insubstituíbel do traballo colectivo.

Por iso non é de estrañar que persoas próximas ao BNG pero non afiliadas, pregunten desconcertadas que é o que pasa no BNG. Ante un proceso de tamaña regresión como o que estamos padecendo no que as nosas sinais de identidade están sufrindo un ataque como nos peores tempos da nosa historia; os nosos sectores productivos a piques de entrar nunha situación critica con risco de desaparecer; cun desemprego galopante e sen visos de solución; co desmantelamento da sociedade do benestar para facer negocio privado e necesario que o nacionalismo sexa o referente para a transformación desta situación e da sociedade na que estamos, camiñando cara unha igualitaria e garantindo os servizos básicos para unha vida digna. Realmente, se o que queremos é converter o BNG como o instrumento necesario para acadar estes resultados, sobra monte para sachar e, polo tanto, hai sitio máis que suficiente para todos e todas que teñan como obxectivos a consecución dunha Galiza soberana, o dereito a producir dos nosos sectores nunha economía mixta, o nacionalismo fronte a globalización e o uso da política fronte ao belicismo para a resolución dos conflitos.

O reforzo das estruturas da organización frontista xunto a unha maior participación na vida da mesma e o incremento da introdución social son unha das maiores garantías do que realmente décimos e facemos se poida contrastar coa realidade e verificar que son as máis acaídas. De seguro que nas circunstancias actuais que favorecen que as persoas estean a espreita das propostas feitas para solucionar os problemas que padecen e un bo traballo do nacionalismo de seguro que estamos criando as condicións para que o BNG sexa o referente social á saída da crise e o aprofundamento do autogoberno da Galiza. Deixemos, pois, os matices e as particularidades para os debates internos e, unha vez decidido, manter a premisa de actuar todos e todas na mesma dirección e cun discurso único.