Que paren o Mundo, eu quero baixar

Que paren o Mundo, eu quero baixar

Qué mundo lles deixaremos aos nosos descendentes?... Fai valer a túa forza, porque se non estamos nos ao servizo de Galiza ¿Quen estará?

Moi ben, estupendo, parabéns... son os campións do mundo mundial, gañaron todo, inclusive mais de 600.000 euros cada un deles... e qué máis?

O mundo segue adiante: O tribunal Constitucional decidiu pisar o estatut catalán; o presidente do Goberno fixo seu discurso no Debate sobre o Estado da "nación" sen nomear nin unha vez a Galiza e o presidente Feixóo cada vez que a nomea é para ninguneala e pretender asoballala. A contra-reforma laboral segue adiante, os traballadores e traballadoras perden máis dereitos cada día que pasa...

E, por si os ventos non fosen desfavorábeis, os diversos estudos que se teñen publicado nestes últimos tempos, nos que comeza a agromar o baleiro veraniego nos xornais, anuncian cousas como as seguintes:

O 13 % dos adolescentes manifestan ter maltratado nalgunha ocasión á parella.
Máis do 7 % das rapazas consideran mais atractivo a un home agresivo.
O 19 % non considera maltrato berrar ou insultar á parella. (Estudo da Delegación do goberno para a Violencia de Xénero-Universidade Complutense de Madrid: Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero na Adolescencia.)

A media da brecha salarial de xénero e do 22,4 %, agrándase coa idade, e, malia a percepción do contrario, tamén se agranda canto maior é o nivel educativo. Informe ITUC/CSI/IGB.(Des)igualdade de xénero no mercado laboral: Visión xeral das tendencias e progresos mundiais.

Un 10 % dos rapaces/as de 10 anos non asiste ao curso que lle corresponde por idade, A cuarta parte dos estudantes de bacharelato e a metade dos de ciclos formativos repiten curso ou non van coa súa idade. O 41 % dos rapaces de 15 anos están en situación de alto risco de fracaso escolar (esta porcentaxe baixa nas rapazas da mesma idade até o 29 %)(Nº 29 da Colección de Estudios Sociales Fundación La Caixa.)

E así poderíamos continuar con noticias da prensa do último mes:

O 13 % dos escolares cambiarian de pupitre se fose gai o seu compañeiro.
5 mulleres asasinadas no estado español nunha semana...

Esta é a sociedade que temos, na que todos e todas nós estamos vivindo, na que, en moitos casos mal que nos pese, estamos contribuíndo, e, certamente hai ocasións nas que da gaña de pedir que paren iste tren, que eu baixo xa!

Os adolescentes sempre foron un grupo incómodo, deixaron atrás a infancia pero aínda non son considerados mozos, están nesa idade na que se pensan deuses e consideran que os "maiores" non saben nada de nada. Pero o certo é que nesta sociedade que nos tocou vivir a adolescencia non semella ser só para os menores de 18. Hai persoas con ben máis anos que teñen actitudes "adolescentes": Quero todo, e quéroo xa! Vivimos na cultura do instantáneo, de telo todo a un clic. E de non ser así é que non vale.

Pero chega o verán, e é tempo de calma, de deixar as presas, de adicar o tempo aos amigos e amigas, de sentar á sombra nunha carballeira e falar devagariño de todas as cousas.

Aproveitemos xa a primeira ocasión para termos estas conversas; estamos na semana da Patria, o domingo será o DÍA DA PATRIA GALEGA, e temos a ocasión de botar a mirada atrás, de mirar e pensar no acontecido dende o último 25 de xullo. Para moitos de nos este é un día que marca o ano enteiro; é hora de parar, de manifestármonos reivindicativa e festivamente, de chegarmos a Compostela e demostrar que aínda temos forza para querer un mundo mellor e mais noso. Porque sabemos que é posíbel. Alí faremos valer a nosa forza, faremos un día da patria masivo, e alí pararemos a reflectir, a pensar, a saber que todos e todas nos queremos un mundo no que vivir e por el seguimos loitando ano tras ano dende a Alameda á Quintana pola maña e na Carballeira pola tarde, collendo forza para seguir un ano mais loitando por un mundo diferente. Paremos o mundo, pero non para baixar del, parémolo para cambialo. Porque hai alternativa!.