Que integración!
"As ideas saen dos feitos", di Pierre Vilar. A sociedade actual ten a mentalidade froito dos feitos dos "corenta anos de pedra". Esa mentalidade común, iso que chaman "sentido común" os herdeiros dos corenta anos, ese construto de valores, prexuizos, ideais... Temos que integrarnos nesa sociedade?
O profesor de moral, Marciano Vidal, estuda o tema en referencia á historia dos cristiáns dos primeiros séculos. Segundo el deron tres respostas: de confrontación, de integración e de resocialización.
Un cidadán galego que opta por un país e unha sociedade en transformación, leal aos valores humanos universais, aberto a cambios que con leven novos valores agora sensíbeis, antes non atendidos, síntese perplexo e analiza as tres respostas que evoca M.Vidal.
A confrontación leva ao martirio. Non da cruz agora, senón dunha vida en tensión, en firmeza, en constante perigo de maltrato e mesmo de indixencia. Hai quen opta por iso actualmente: son os herois da vida cotiá. Adoptan esa confrontación persoas aguerridas, que pasan de todo, de tanta violencia verbal e real, de tanto lixo nos mass media e nas condutas do poder. Para estes, un saúdo. Fan avanzar... Eles caen para que outros sigan.
Integrarse. Téñolle oído aos do "sentido común" (do seu sentido) que seren "integristas" integra: confunden "integrismo" con "integracionismo"; cometen un "lapsus freudián". Integrismo é a opción dos inmobilistas: o pasado enteiro -integro, "integer"- ten que seguir así. Integrarse ven de "integrascere", renovarse, recomenzaren.
Hai unha integración total, sen discerniren. Nin é esixíbel, nin saudábel. Iso ven seren:" a onde vai Vicente, a onde vai a xente", ou a seren como ovellas á rapa en masa.
A integración, como solución, é a dos que conviven; discernen os valores dos contravalores, seleccionan opcións. M.Vidal cita a "carta de Diogneto", un escritor de Alexandría de fin do século II que di: "Non se distingue (a minoría cristiá) dos demais homes nin pola súa terra, nin pola fala, nin polos costumes. Porque non habitan cidades exclusivas súas,... e adóptanse en vestido, comida e demais xénero de vida aos usos e costumes de cada país, dan mostra dun teor peculiar de conduta, admirábel, e por confesión de todos, sorprendente".
Sen comparármonos, nós da nación galega nacemos, seguimos nunha integración recreante, paciente, mais discernente: non estamos de acordo co "sentido común" de moitos habitantes de Galiza que pensan segundo os feitos "dos 40 anos de pedra"
É, logo, imprescindíbel remaren contra corrente? De algún modo, si.
Por iso, podemos decidirmonos por a terceira opción, a de "resocializaren": cumprimos as leis establecidas, observamos os costumes comúns, e imos máis alá con unha vida que sobrepasa as carencias de igualdade, de liberdade e de fraternidade- "nikôsi tous nómous"-; na carreira cara unha mellor situación de todos imos á cabeza e confiamos superar o actual para o benestar de todos.
Hai realidades a subverter: a distancia de salarios é aquí monstruosa; en Irlanda é de 1500 e. o mínimo. Vanlle rebaixar un 10 %. Inda asi duplica o noso. A sanidade v.g segundo o Sergas, funciona decorosamente, queren -estes dos 40 anos -privatizala, e dicir, degradala. Hoxe é imposíbel atopar solucións médicas fora dos hospitais. E nos casos menores, fora dos centros de saúde. A privatización é a vía de pan para uns e xaxún para outros.
No ensino a mesma leria, privatizaren... Na entraña de toda cultura está a lingua propia; toda contaminación, toda rebaixa no seu coñecemento, uso e actualización diaria, destrúe a igualdade, base da liberdade. "Estes reis de bastos" están empecinados nun camiño de decapitación dunha cultura para que sexa outra a que nos domine. Incríbel que 5 séculos de experiencia negativa, non alerte a todos os cidadáns de Galiza ante un perigo de caer no inferno.
Resocialicemos a sociedade, sen medo nin pausa. Porque iso é integrar a todos os habitantes nunha tarefa común que libre da pobreza, que alegre a fraternidade e que nos evite o "inferno" de sucursalistas.