Que facer?


Cando participas da e na política dáslle moitas voltas á cabeza porque non é doado o camiño sobre todo cando hai momentos nos que as cousas deixan de ter sentido e todo son dúbidas e incertezas . Mais é neses momentos nos que debemos ter a man o artigo de César Mosqueira, xa que recolle algunhas das preguntas e as respostas que moitos de nós nos facemos frecuentemente.

No BNG ás veces semella que so hai dous xeitos de facer política dende o goberno ou na oposición, pero hai concellos (afortunadamente cada vez menos) nos que non temos representación, nin grupo, nin candidato... na maioría dos casos son concellos rurais con altas taxas de envellecemento , cunha forte apatía social, onde as redes clientelares e caciquís dos partidos maioritarios son o único xeito de participación que se coñece. Caer no erro de que nestes concellos non hai nada que facer soe ser un recurso moi empregado cando atopas esta situación de partida, mais temos que dicir que para ben ou para mal o BNG nunca caeu neste erro e sempre intentou artellar unha alternativa.

Esta podía ser unha descrición do que acontece no meu concello, un municipio con 4.200 habitantes no que o BNG non ten representación. Este era o noso punto de partida.

Ao principio nin sequera tiñamos claro que fose unha boa idea facer unha lista, moito máis cando ninguén quería encabezala. Nós sabíamos desde o comezo que non tiñamos á mellor cabeza de lista, unha rapaza nova con apenas vencellos no territorio non era a mellor a opción pero era a única e despois de moitas conversas decidimos comezar a traballar.

Mais, como comezas a traballar nun concello que case non coñeces? E aquí é onde cobra sentido o artigo que mencionamos, xa que polo menos a min permitiume ordenar as ideas e marcar uns mínimos básicos sustentados sobre unha premisa imprescindíbel : a definición dun proxecto político baseado nos seguintes criterios.

1. Adquirir compromiso político persoal para o colectivo. Cando nos implicamos nun proxecto debemos ter claro porque o facemos, debemos entender que o mellor recoñecemento ao noso traballo será conseguir o artellamento dunha proposta política clara aínda que nalgúns casos isto implique non obter representación nun primeiro momento mais desde logo temos que entender que a representación sen proxecto implica non diferenciarnos das demais opcións é sinónimo do efémero e antónimo da consolidación do nacionalismo como alternativa de goberno.

2. Crear estrutura É necesario crear un grupo de traballo que comparta un mesmo obxectivo. A pregunta é obrigada, como se consegue isto sen coñecer a ninguén? No noso caso buscamos entre as organizacións sindicais nacionalistas que coñecían o concello, os nomes que nos daban compañeiros doutras localidades... e con todo isto empezamos a visitalos , a presentarnos e sobre todo a falar de política con eles.

3. Pero, sen ningunha dúbida, é preciso a introdución dun discurso sólido racional e coherente no grupo, que funcione de fío condutor a todo o que facemos. Dicía Mosqueira: "É necesario un proxecto e programa político local ben definidos nas súas liñas mestras. Isto permite reaccionar con clareza ante as variantes situacións e, ademais, transmite unha imaxe de coherencia, básica para unha forza política como a nosa a que a sociedade galega non lle tolera a indefinición nin os vaivéns.... Prioridades claras, definidas e ben transmitidas: non todo ten a mesma importancia nin é posíbel atender a todo. Facer política é priorizar"

Uns días antes da eleccións unha persoa envioume unha mensaxe ao móbil , dicía : "se cres no pobo , o pobo crerá en ti", nesas eleccións non obtivemos representación (por 19 votos) a conclusión que saquei da mensaxe é que tiñamos que seguir crendo no pobo e seguir traballando.O balance non era de todo negativo, mantivemos os votos atopamos xente disposta a traballar, e sobre todo empezamos a darlle voltas ao noso proxecto: comezamos a profundizar nas necesidades do concello, priorizamos e definimos.

Nas seguintes eleccións, as estatais, un gandeiro levoume a coñecer a máis persoas para "falar" e antes de que eu abrirá a boca el comezou falar da necesidade de respaldar unha opción nacionalista, xa que son os únicos que defenderán os intereses dos gandeiros galegos, son os que levan avalando as mesmas ideas dende sempre e incluso os que se atreveron a poñelas enriba da mesa, nós temos (dicía) que defender os nosos recursos porque é o que somos , por iso é importante votar nas eleccións do congreso ao BNG porque é o máis útil.

Escoitar este tipo de discurso no medio de Os Campos , fai que todo teña sentido e que recuperemos a confianza no traballo ideolóxico.Uns meses atrás simplemente tiñamos unha listaxe de "simpatizantes" que tiñan como segunda residencia o concello , nese intre estábamos con xente do territorio falando de política agrogandeira. Coido que a clave foi non deixarnos caer nos tópicos eleitoralistas senón na priorización da dignificación e a consideración do sector primario como estratéxico e clave no desenvolvemento do concello a través da propostas concretas entre outras cuestións. Pero sobre todo o que decidimos foi intentar lograr que nos visen como unha organización cunha proposta clara baseada no nacionalismo como alternativa. Para nós é necesario apuntalar en toda a sociedade incluído o ámbito rural, esta premisa xa que non podemos descoidar as cuestións ideolóxicas a cambio dun rápido ascenso en votos grazas a candidatos estrela sen formación política ou a medidas de oposición sen sentido. Se o facemos así non estaremos contribuíndo nin á asimilación social do noso ideario nin a creación de conciencia nacional no país.

Supoño que ao longo do escrito fica clara a miña intención de valorar a construción ideolóxica nos programas independentemente do concello que se trate e da situación de partida, mais tamén me gustaría animar a todos os compañeiros que traballan no tipo de concellos que retratei, xa que o traballo político diario desgasta e desanima cando os resultados previstos non aparecen. Debemos apostar pola priorización e polo asentamento do noso ideario nacional e de esquerda somentes así " os tempos serán chegados."