Que di o burro do Milucho?

Que di o burro do Milucho?

Non pretendo co título contestarlle a certos trouleiros galegos (boa falla que nos fai a troula) nin replicar o fuxidío e lamentábel discurso dun Presidente apátrida, de amplo rostro e sangue de anfibio espertando do letargo. Xa lle contestou con rigor e datos dabondo o portavoz do BNG Francisco Jorquera; ao único, por certo, que se viu obrigado a contestarlle, inda que fose con falsidades e ciscando números da raza de Pinocho.

Por instinto de conservación, ou polo que sexa, o citado burro (Cuco) ten algunhas cousas moi claras. Un vello dito galego expresa que “ o pensar é de burros”. Enténdese que os listos xa saben e non precisan pensar, por iso, e seguimos cos refráns: “Descorre mais un necesitado que un avogado”. Por iso, o Sr. Feijoo non pensa, nin sofre nin padece, por mais que Galiza se desfaga.

1_ O Cuco ten claro cal é o seu territorio habitual e non lle importa que lle transiten as galiñas pero si que o can tome ou pretenda tomar posesión permanente dun espazo, de non ter outra ferramenta márcallo cos seus propios cagallóns. Fejoo déixalle as autoestradas, minas, montes e rías ao primeiro can que pase. Da Caixa xa non falemos, e mira que llo dixemos. Avisouno Jorquera, Guillerme, Vence…..

2_ Ten claro tamén este individuo da familia asnal a necesidade de aproveitamento dos recursos naturais e produtivos deses 2.000 metros de territorio dos que é posuidor temporal. Sérvese do seu poder para cheirar a hora de escoller as herbas ou a comida, e se ten castañas non come landras ou se ten espigas non se mata pola palla. No Goberno da Xunta, si os quitas dos cartos, carecen de ulido para calquera outro produto. Comen calquera cousa, o que lle boten: Chapapote, eucaliptos, tixolos, tarifas de autoestrada, tarifas eléctricas, tarifas sanitarias, tarifas do lixo, tarifas da auga, e entre eles e os bancos cómeno todo; e o que des-comen contamina. O que des-come o burro é produtivo e enerxético.

3_ Que outra cousa fai o burro que nunca fixo o Presidente da Xunta? Reclamar dereitos para a súa casa. O burro reclámalle a berros ao panadeiro a súa ración de pan diaria que conseguiu xa fai tempo a base de protestas, o mesmo que reclama a súa herba cando se decata que están a repartirlle a manutención aos outros veciños da granxa.

4_ E un burro ansioso de liberdade; adoece por saír de troula e rexeita a cabezada. ¡Para ser un burro fariñeiro ten unha xenética ben distinta a que escollen no PP…! Por algo non o queren recoñecer como raza autóctona…!

5_ Preocúpase polo mantemento demográfico, e veterinarios competentes certificaron os resultados. Non lle importa o aumento da familia e compartir a cebada. Mellor o podía ter o Rexente da Xunta, quen co seu alto nivel poderíaa ter elaborada en forma de gra, esmagada, triturada, en fariña, ect.

Mesmamente o burro está alterado polas burradas que escoita nas derradeiras lúas e que o levan a tal asombro que bota o día dicindo: Hoooo….! Hoooo! Ter que escoitar que en Galiza se ten que importar de fóra na súa totalidade as materias primas para a alimentación dos nosos animais e persoas: millo, centeo, cebada, trigo, fabas, semente de liño, palla; ou que a Xunta fundiu o banco de terras so porque ao Presidente lle sobre todo o que axude a “facer país”, asombra ate os mais burros dos burros.

Que se estea a toda hora dende os poderes españois a falar mal do “burro catalá” cando se sabe que xa ten recoñecemento de raza autóctona, e que mais pronto que tarde terá dereito a decidir, cando aos burros galegos non nos deixan nin ornear, e si orneamos é para ornear contra dos burros cataláns en vez de preocuparnos porque no canto de herba temos silvas- machas….!

Que burrada mais grande, estar atufado pola cebada do outro cando tes o teu agro sen sementar…. ¿Cómo é posíbel ter que emigrar os poucos novos que quedan en Galiza, un país tan produtivo? Moi mal Goberno ten que haber para que un país como Galiza non de mantido tres millóns de persoas…. Temos montes produtivos, vales produtivos, ríos produtivos, auga en superficie e soterrada, rías das mais produtivas do mundo; a xente traballa e aforra ate morrer, e métennos na testa que non podemos gobernar a Nosa Terra porque somos pobres e burros. Para que alguén sexa Presidente da Xunta ten que pasar antes por Madrid.

Como “o pensar é de burros” e non de gobernantes é posíbel que a ninguén se lle ocorrese pensar que para coñecer Galiza é moito mellor preguntarse non o que pode producir si non o que non pode producir: ¿Herbas medicinais? ¿Herbas Ornamentais? ¿Herbas forraxeiras? ¿Cereais? ¿árbores de clima atlántico? ¿de clima mediterráneo? ¿froitas?, ¿peixes? ¿crustáceos?, ¿bivalvos? ¿insectos? ¿minerais?. So nos falta unha cousa, un Goberno que lle queira ao País. Un Goberno galego que sexa da casa. Que non temos industria?. Temos aforro, falemos cos cataláns ou cos vascos ou cos portugueses e teremos doado a transferencia tecnolóxica. Non dixen os españois porque xa se ten comprobado que eles para esas cousas xa fai tempo que nos consideran unha república. A república Atrasada do Noroeste que non sirve para ter industria propia, so si España o necesita como no caso do leite de vaca ou da enerxía. Ultimamente decidiron que non sabemos pescar nin facer barcos.

Temos un territorio e unha cultura con restos abundantes dende o tempo dos faraóns. Podemos ofrecer e ofrecemos, cando nos deixan, calquera combinación de servizo gastronómico, cultural, e de divertimento…. Todos poderán chegar a Galiza e atopar algo novo en cal quer especialidade: viños e románico, música e barroco, literatura e humor; viaxar en burro, cabalo, carro de bois, batuxo, catamarán ou chalana; xogar a chave a billarda ou dar un pinchacarneiro.

O noso Ilustre Presidente leva un ano dicindo que imos vender paisaxe. Hai que ser agarrado, a paisaxe aquí sempre se deu como agasallo… Ademais para ofrecer paisaxe non se poden facer minas a ceo aberto nin eucalitizar ou abandonar os montes, nin seguir co feísmo que supón ter alcaldes e cargos públicos co virus do franquismo ou relixións integristas como a de Escribá. Ou sexa, que compre ter precaución coas plantas invasoras.

Cantas burradas (con perdón dos burros) se poden escoitar en pouco tempo. E para remate chegan outros que van renovar Galiza con listos e listas abertas e refacer a democracia con novas tecnoloxías e pedindo emprestadas receitas alleas para unha terra que está sobrada de herbas menciñais e medios, e mais remedios.

A última teoría ou “celébriti” é a de disolver a política, os políticos, os partidos políticos, as organizacións dos burros, as entidades da Administración, todo o común, todo o público, e ser simplemente “modernos/as” e “novo-tecnolóxicos”; e ademais saber vender imaxe e paisaxe. Postos a pensar, Galiza vai ser mellor gobernada por burros fariñeiros. Farían simplemente as burradas necesarias e conservarían o territorio de xeito mais sostíbel e mais galego. Non queda mais remedio que reclamar o “ dereito a decidir” para o burro fariñeiro galego.