Que comunicar?
Na Democracia Mediática o novo mantra é o da comunicación. Non importaría tanto o que se fai como o que se comunica. Nas condicións do capitalismo neoliberal, comunicar implica sempre unha disposición verticalista e hierárquica entre o que comunica e o que recibe a comunicación. Comunícanse tamén as ordes. Na Democracia Mediática a comunicación realízase ademais através do que poderíamos baptizar como MPP, Medios de Produción de Propaganda, medios -imprensa, radio, televisión, tamén a Internet- que non teñen como obxecto nen designar a realidade nen moito menos transformala, senón simplesmente asegurar a autorreprodución das condicións que permiten que os poderosos continúen detentando o poder.
Así as cousas, disque o novo goberno socialdemócrata español comunica mellor que o anterior. A efeitos das análises dos MPP -e xa non digamos dos aguerridos membros do verborreico Partido Tertuliano-, o principal problema do Executivo Zapatero adviña non das súas políticas -antisociais e, portanto, antipopulares-, senón da nula elocuencia e da falta de recursos dialécticos de De la Vega. Reemprazada esta pola facundia un tanto engolada de Rubalcaba, xa estaría todo arranxado, e a socialdemocracia podería continuar a xestionar os intereses do capital financeiro con máis tranquilidade de ánimo e mesmo con esperanzas de derrotar os inquéritos. É como se tendo un charlatán mellor dotado un se poidese permitir o luxo de, coas súas políticas, continuar a mallar nas maiorías sociais. Suave que me estás matando, pero que ben comunicas...
A realidade insúrxese contra a propaganda
A hipótese dos MPP ten un pequeno defeito e o defeito é que a realidade se soe insurxir contra a propaganda. A comunicación é unha técnica -que por suposto é bon dominar, como a informática-, pero desta só se sae con políticas novas e a política do PSOE continúa a ser a mesma, a mesma que inspira o Fondo Monetario Internacional, a mesma que aplica Sarkozy en Francia, Feixóo en Galiza ou David Cameron en UK. A política de Fukuyama e o fin da historia, o capitalismo liberal puro e duro, xestionado ao servizo do capital financeiro e non do Traballo. A política que se concibe como representación e teatro superestrutural -moito ruído, moita bronca PP-PSOE, mais consenso de fondo sobre o básico, sobre as cosas de comer- e non como acción social nen moito menos como transformación. Aquí a bancarrota do proxecto socialdemócrata en Europa é xa absoluta: o debate xa non se dá en termos de que o reformismo é mellor que a revolución, o debate concluiu: non hai nada que reformar, o capitalismo está ben como está, en todo caso contrarreformemos (involucionemos) o mercado laboral ou as pensións. Daquela, a chave para os inmobilistas (conservadores ou socialdemócratas) non está por suposto nos cambios (escenario que os poderosos prohíben) e si, por irmos a Marx, na produción de suficientes doses de alienación como para manter o control social (fagamos que a xente viva como propias realidades alleas ou como veraces representacións falaces, fagamos que a clase traballadora vote os partidos da burguesía, fagamos que vexan como esquerda o que é dereita).
Comunicar Política Nova
Por suposto que hai que comunicar mellor, pero o que hai que comunicar é Política Nova, non a mesma política lampedusianamente travestida. Si que hai que mellorar a comunicación, pero para transmitir mudanza e non conservación do que hai.
Na tradición leninista, a comunicación xogaba un papel tan importante que mesmo en plena NPE (Nova Política Económica) o grande pensador ruso escribiu un texto intitulado "Notas dun Publicista", todo un clásico da comunicación política. Aí está, penso eu, a chave. En pór o adxectivo "política" ao substantivo "comunicación". A comunicación sen máis non garante nada, salvo o mantimento ad nauseam do statu quo. A comunicación debe ir sempre da man da Política e cando falo de Política falo de algo vivo, dinámico, dialéctico, que entra en contradición coas condicións ambientais, e que, portanto, ten potencial emancipador e criador de novos mundos, un poderoso instrumento para mellorar a vida das maiorías sociais.
Os Gobernos Zapatero e Feixóo comunican o nada
O desafío está, portanto, en facer comunicación política, non en comunicar tautoloxías. O que fan tanto o Goberno Zapatero como o Goberno Feixóo é comunicar o nada, enredar, manipular e confundir. Se Zapatero replica a Jorquera que o problema das centrais térmicas ten que ver coa queda da demanda non está comunicando nada máis que un argumento trucado, porque sabemos que esta cuestión non vai sobre a lei da oferta e a demanda, senón sobre a decisión dun Goberno de intervir no mercado para protexer a uns territorios (Asturias e León) en detrimento doutros (Galiza). Non é que Zapatero comunique mellor ou peor, é que Zapatero se comporta como o gobernante español de toda a vida que ve en Galiza unha colonia interior á que se pode tranquilamente transferir a factura da súa enésima reconversión industrial. E se actúa así é en boa parte porque sabe que os bizarros rapaces do Partido Tertuliano tampouco o van refutar convenientemente.
No canto do lendario "Que facer?", e perante tanta confusión como hai agora, quizá Lenin hoxe se perguntase "Que Comunicar?". A título de hipótese non me estrañaría que se contestase a si mesmo: "O que hai que comunicar é Política, Nova Política, non a vella Política da Reacción pura e dura".
Comuniquemos, portanto, política transformadora. Política para as maiorías. A política que irrita os MPP. Esa política. A outra só é útil para os que moven os fíos detrás das bambalinas.