Que a Galiza desapareza por decreto

Que a Galiza desapareza por decreto

Non, non me refiro a decretos publicados no Boletín Oficial del Estado ou no Diario Oficial de Galicia que, por outro lado e con frecuencia, atacan a Galiza por acción ou por omisión. Refírome a un decreto non escrito mais non por iso menos eficaz: a vaporización da Galiza, con vellas e con novas embestidas. Mentres levamos décadas padecendo a inutilidade e a inutilización do cativo (pequeno e cautivo) aparello autonómico, no que el ten de mínimo recoñecemento da lingua galega e da cultura galega, a invasión do español, como idioma, e da españolización en meios de comunicación masivos, lixo televisivo e millenta vías máis aumentou ostensibelmente.

Cando máis preciso se fai contarmos cunha defensa interna, desde as institucións galegas, desde os poderes públicos, máis se posicionan, nunha aumentada tradición servil, coa neoimposición e a neorrepresión. “Este país” ou “aquí” son España na boca de tantos entrevistados; “nós” e “nosos”, españois; a historia, a arte, o deporte, a política, as estatísticas… referenciadas sempre verbo dun patrón, ou dunha medida ou de magnitudes estatais, españolas. Quen inxenuamente pensar que esta desnacionalización programada é cousa da “dereita” e non produto dunha maquinaria estatal que opera con toda a súa contundencia e naturalidade do dominio non discutido, terá desde hai un ano aproximadamente probas máis que abondas de como se verifica que TODO VALE, todo pretexto é bon, todo motivo útil, toda xustificación utilizábel, para OCULTAR, silenciar, disimular ou adaptar a estándares españois a específica realidade galega. O exemplo máis acabado proporciónao a promoción descarada, nuns casos, pasmona e colonizada noutros, acomplexada sempre, da nova mercadoría española, envasada no estoxo televisivo-internáutico, de nome Podemos. Esbirra a Bolsa neoiorquina e acatarrámonos todos, dicíase antano. Montan en Madrid calquer nova invención, hábil, iso si, falando plano e fácil, engaiolando a xente coa promesa de adorar a opinión da idem, como se na “xente” non houbese clases sociais, intereses contrapostos, ideas antitéticas, ranciadas e mensaxes liberadoras. Converten os militantes en tecleantes. Montan en Madrid, dicía, o artefacto, aliméntano da vitamina televisiva, que o propaga entusiasta (agora descobrimos que os señores Berlusconi ou Lara [o dono de Planeta], amos e donos de cadeas televisivas españolas de ampla audiencia, son progres e demócratas de toda a vida!), e xa temos a réplica adecuada na Galiza.

A promoción pepeística é tan basta e descarada que se descobre a cada paso; co mesmo tiro téntase matar ou ferir varios pombos: lañar o PSOE e obrigalo á xenuflexión definitiva; debilitar ou reducir Izquierda Unida en España e, na nosa nación, converter en inservíbel o nacionalismo, por “vello”, “caduco” e “dogmático”. Non é en propriedade nova esta operación. A respeito do nacionalismo galego xa se perpetrou eficazmente e con éxito coñecido con AGE hai xa máis de dous anos (unha outra cousa é que quen fabrica e promove o xoguete rompa con el ou deteriore cando lle pete; de novo, nada que non se coñeza historicamente…). Ora ben, esta operación conta con varios e variados aliados progres a máis non poder, que sucumben igualmente polos encantos dos novos e das novas profetas. Non dan sido galegos-as, seica, sen teren permanentemente un ollo posto no que vén de Madrid ou de calquer lugar de España, con permiso de Madrid. Así, de súpeto, Ada Colau (periféricos que non fixemos política nunca, nen temos historia, nen dispomos de pensamento galego, nen construímos nacionalismo proprio, nen loitamos nunca, nen sabemos o que é unha movimentación popular, unha folga xeral, que descoñecemos o papel do FMI ou das políticas da Unión Europea, que nen sabemos o que son as asembleas “abertas” e as decisións colectivas… Que pobres somos, meus Deus, que precisamos que nos veña a luz do exterior español, sempre amigo, sempre prudente, sempre desexoso de se enteirar de todas as nosas rarezas…

A luz. ¿Por que será que a escuadra progre galega ignore ou aceite sen rosmar que exportemos aínda hoxe o 40% da enerxía eléctrica galega (en tempos, até o 70%) e, asemade, teñamos que receber de fóra tais alardes de luz intelectual? ¿Non se perguntan, os eternos dependentes do carro madrileño, como é que aquí a secura é tanta como para ter, por enésima vez, que render tributo á metrópole? Cando o voto galego nas Cortes castellanas foi humillantemente outorgado a Zamora (1348), velaí temos os nosos rexedores, pedindo, pedichando, pregando, suplicando… a devolución do dereito roubado e a posibilidade de volver falar en por nós e non a través da cidade mencionada. Pásanse décadas, pásanse séculos, e cando os sacrificados antepasados, após pagaren centos de miles de maravedís, conseguen o resgate do voto en Cortes, este xa non vale para nada, pois estamos en plena monarquía absoluta e á oligarquía dominante impórtalle tres pitos e un tambor o que opinen unhas Cortes xa finadas na práctica. ¿Aprenderemos algo, algunha vez, da nosa historia? Se este fose o único ou máis elocuente exemplo! Sobran, son sobexos para quen os quixer coñecer! Abonda con ter a ben (re)ler Sempre en Galiza, se é que queremos lembrar Castelao por algo máis que pola perversión das medallas que a Xunta concede con carácter anual.

,
Todo vale, diciamos, para que a Galiza non apareza ou para que o faga, engadimos agora, nunha outra reviravolta de subordinación, culpándose ela propria do seu atraso ou subestima colectiva. Era tan galego aquel médico de Ourense que Vicente Risco e outros amigos atoparon nunha cidade europea que lles falou en castellano. Son tan galegos os hipnotizados hoxe polo esplendor eleitoral madrileño-español que non se perguntan como é que teñamos que ser permanentemente IMPORTADORES de luces políticas e EXPORTADORES desiguais de materias primas, forza de traballo, emigrantes, mozas e mozos sobradamente preparados, profisionais de toda caste. Estraño país o que, segundo esta alienación, esta sofisticada colonización, non dese parido unha alternativa política de seu, unha análise propria do que ás galegas e galegos, maioritariamente, importa, preocupa ou interesa.

E é aquí, en fin, onde entra, encaixa e cobra sentido a exclusión do BNG, do nacionalismo galego que non naceu onte, que leva anos-décadas significando a política galega e enchendo unha axenda, un temario político netamente galego. Se fósemos menos galegos do galegos que somos, menos atados á unha historia de servidume, a un aprendizado continuado de autodesprezo, de alimentarnos de ilusións-espellismos inxectados desde fóra…, valoraríamos no que merece o labor histórico e a acción actual dunha forza política como o BNG: con toda a cárrega de crítica, de distancia, de ponderación, de recoñecemento de virtudes e constatación de defeitos, limitacións e erros, de positivación de méritos e de sinalamento de falencias e carencias. Non é que o BNG sexa a Galiza ou que esta se substancie nel. Non se trata de patrimonializar nada ou de afirmar, como a vulgaridade detractora propala, de que nos consideremos os únicos galegos como é debido. Trátase de lembrar que a Galiza estritamente contemporánea é inintelixíbel sen a presenza, acción, mobilización, creación de conciencia e propaganda do BNG nestas últimas décadas . Suspender, eliminar, vaporizar, excluír do debate necesario, este interlocutor; desprezalo como elemento a interpelar, xulgar, comentar ou criticar… en todo canto asunto sexa proprio da política galega, supón, velis nolis, queiran non queiran quen así o practiquen, redución automática-eliminación da propria Galiza, da súa personalidade distintiva, dos seus problemas non intercambiábeis, das súas alternativas específicas.

¿Cal foi a grande novidade galega despois dos tempos terríbeis da posguerra? ¿Acaso non foi a recuperación da nosa capacidade de auto-organización, de reatar con formacións proprias, políticas, sindicais e asociativas, a breve mais tan fecunda experiencia do nacionalismo galego de preguerra?

¿Onde e para que existe a Galiza con todo o desembarazo e con toda a soltura na boca de representantes da Xunta e de todas as institucións oficiais e paraoficiais? Para, en círculo vicioso e fatalista, atribuírlle a ela propria (a “sociedade”, as “familias”…) os seus padecementos. En ampliación metonímica obrigada canto perversa, as culpas tocan e manchan, of course, o BNG. ¿De quen é a culpa do declive pernicioso da lingua de noso? De quen a usamos por toda a parte, faltaría máis, e de quen temos a ocorrencia de socializala, rachando calquer endogamia, evitando toda diglosia. Non abondaba con proclamar que o BNG quer tanto o galego que o “abafa” (asfixia, afoga, mata…) senón que cómpre culpabilizar tamén a bandeira coa estrela vermella que flamea en tantas e tantas manifestacións pro-lingua galega. De modo e maneira que o problema non é a abafante imposición da bandeira española que afoga, esmaga e impede a visibilidade-audibilidade da galega, senón que esta, arrequecida cun símbolo que, para quen o ignore, significa o poder popular, é a depositaria do problema e a responsábel da súa etioloxía.

¿Precisan que traduza a metáfora das bandeiras? Talvez si o precisen quen con tanta frivolidade e servilismo (veña zoupar no BNG!; que grande novidade e que pouco se parece ao que fixeron toda a vida os poderes españois e todas as súas terminais galegas!; orixinal, abofé!) gastan as súas enerxías en exculparen os responsábeis verdadeiros e en reverteren sobre a vítima a causa dos seus males. Bandeira española: meios de comunicación masivos; Xustiza; Igrexa Católica; ensino maioritario; xornais; Universidade; policía e demais corpos e forzas de seguridade-represión; banca; multinacionais; organismos do Estado; desleixo-ausencia mínima do galego en tantos representantes públicos galegos, que esquecen alegremente o que xuraron ou prometeron cando se posesionaron do seu escano ou da presidencia da Xunta: acataren, dentro da lexislación vixente, aquel Estatuto que declara no seu artigo 5º que o galego é a “lingua propia” da Galiza. Perxuros ou falsarios, pois publican artigos, responden entrevistas, realizan declaracións… no idioma oficial do Estado, no español que precisa, como non, de tan conspicuos servidores. Bandeira galega: negarse a asinar unha declaración perante a policía ou o xuíz cando en lingua galega se realizou e se nos apresenta traducida e atraizoada na oficial do Estado, e reclamar que se respeite e execute o dereito humano de poder depor no noso idioma; aspirar a un ensino en galego e desde o coñecemento de nós mesmos; poder ler en galego información xeral; termos a devolución do galego individual usado por toda a parte; esixir, oh, my God, que desmesura!, que a Xunta, en todos os seus funcionarios e dependencias, USE o galego; lembrar á Igrexa Católica que o seu fundador predicou no idioma do povo, non do poder imperial; pretender que os nosos pequenos e pequenas non se vexan absorbidos inmisericordemente polo español da escola, furtándolles o mínimo dereito a unha escoita normal do galego, independentemente do lugar do país onde residan… E tantos actos máis e tantos exemplos máis. Fatiga entra só de relembralo, como para termos que aturar cargar, á parte dos erros proprios, das carencias e das limitacións que nos caracterizan, coas que perversamente nos apoñen, nun exercicio delirante de falsía e malevolencia.

Ser galega-ser galego con naturalidade, coa necesaria dignidade e o normal orgullo de calquer povo seguro de si, non é doado, recoñezámolo. O vento vén de proa. Ora, ter que aturar de autoconsiderados politólogos, analistas varios, opinadores e opinadoras idem, presidentes de institucións que todas-todos pagamos… a repartición de culpas, fifty-fifty, entre unhas políticas oficiais (que tampouco se definen nen critican a fondo) e o nacionalismo galego que politiza desnecesariamente o tema da lingua, interrompendo así a plácida sesta dos que viven da política homeopática (inxectar un pouco de galego, pagárllelo a uns poucos, retribuílo con prebendas ou prebendiñas, para impedir de vez o desenvolvemento do virus, isto é, do indesexado galego completo), ter que aturar isto é demasiado. Sobarda xa todo o aguante humanamente esperábel. Hai anos, un brandy (coido que Magno) anunciábase, se non me engano, con esta mensaxe publicitaria: “Un poco de Magno es mucho”. Para a Xunta -e para todos os que a apoian, por activa, por pasiva e por perifrástica, e son moitos!- “un poco de gallego es mucho”. Por iso ela, a Xunta actual, se atreveu a cualificar de “barreira” a lingua galega nun decreto de exclusión para a función pública; por iso non parou até derrubar un prudente decreto para o ensino do goberno de 2005-2009; por iso despreza olimpicamente a aprobación por unanimidade, no Parlamento galego, do Plano Xeral de Normalización Lingüística, en Setembro de 2004, e todo o que practica e difunde é a antítese das medidas contidas e previstas naquel; por iso programa, por consigna inclemente e contumaz, a crecente españolización-estupidización da radio e da televisión públicas.

¿Hai equidistancia posíbel? ¿En que centro seráfico se queren instalar os que a pretenden? ¿Que consenso reclaman? ¿Talvez o consenso para que nengunha das EXCLUSIÓNS que padece o galego se coñeza e se denuncie e, así, se evidencie a raíz do conflito que a lingua padece? ¿Calar a boca, para non turbarmos a pax desexada e deste xeito facilitarmos que o obxecto en discordia vaia finando docemente, sen que ninguén alce a voz de alarma e queira aplicar remedios á doenza, crítica si, mais curábel, se se van aplicando, por tempo que leve, as terapias necesarias? ¿Por que non se dedican a procuraren o consenso real na socialización xeral do idioma e na ampliación dos seus usos visíbeis? ¿Por que predican unha persuasión que por nengures practican e deostan o maior instrumento suasorio que hai, que é o uso -e o amparo do uso- por toda a parte? ¿En que cabeza cabe que se culpabilice a quen utiliza o que se di amar e defender? Por certo, ¿cando algún destes persoeiros vai facer avaliación dos métodos supostamente bons que eles defenden na expansión do galego, cando van botar contas dos resultados obtidos, para que así os demais podamos aprender da pedagoxía adecuada na transmisión social do galego? Eu devezo por coñecer as leccións desta ignota didáctica, sen que coloque os loureiros en absoluto na que eu propugno e practico. Só que a vantaxe, aínda que sexa tantas veces dolorosa, que lle encontro é que me proporciona información diaria de TANTO como falta para que o galego teña asento normal na sociedade galega, de tantos lugares onde non está nen é esperado, de tantas funcións inexistentes para el, de como a mínima lexislación non se cumpre, da naturalidade con que aínda se aceita a súa submisión, a súa ocultación, o seu silenciamento.

Un ser vivo reaxe, actúa, protesta… se non está conforme ou non está a gosto co que lle impoñen. Galiza é unha nación viva, ten quen responda por ela, e non vai desaparecer por orde decretal. Sáibano os fabricantes de decretos ou os seus acatantes. Empreguen mellor o seu tempo.



,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.