Proxectos dinamizadores das areas rurais: proxectos que non dinamizan nada

Proxectos dinamizadores das areas rurais: proxectos que non dinamizan nada


O capitalismo salvaxe que nos goberna, utilizando o que, en termos marxistas se denomina superestrutura (educación, cultura, publicidade, medios de comunicación social, consumismo...), ten a capacidade para que as clases populares interioricen a culpabilidade da crise que estamos a vivir. Cando en realidade non só non provocaron a crise, senón que son as que a padecen nos seus dereitos e nas súas carnes. Namentres, o capital financeiro que provocou a crise e os seus dirixentes non é que padezan a crise; é que lle sacan rendemento. Os voceiros de este capitalismo teñen o truco de falar mediante eufemismos. É dicir, anunciar unha cousa para logo facer outra totalmente distinta e parecer que fixeron o que dixeron. E mesmo temos que soportar a súa risa cínica, cando anuncian recortes laborais e sociais.

O presidente da Xunta de Galiza, o Sr. Núñez Feixóo, é un alumno avantaxado de esta escola. Así, cando di que vai a reducir o número de deputados e deputadas no Parlamento Galego, para reducir gastos, o que está a facer de verdade, o que pretende é reducir a representación democrática do pobo galego. Así, cando apoia a proposta do goberno central de eliminar concellos (aínda que mantendo as anacrónicas deputacións provinciais), para eliminar custes; o que de verdade está a apoiar a proposta do seu partido para eliminar a prestación de servizos públicos, co obxectivo de privatizalos. A día de hoxe, esta estratexia xa se está a levar adiante. Os concellos non poden contratar persoal para realizar traballos necesarios; pero si poden contratar empresas privadas para levar adiante eses traballos necesarios. É certo que os salarios do persoal contratado saíran dos orzamentos municipais. Mais tamén é certo que o pago do servizo a empresa, tamén sae dos orzamentos municipais. Polo tanto, de aforro de custes nada de nada. O único que significa é transvase de cartos públicos a bulsos privados.
O monte veciñal en man común, e por extensión o rural galego, esta sendo banco de probas de esta política antipopular, levada adiante polo Partido Popular. Fai un tempo (e aínda que pareza o arranque clásico dun conto e unha realidade), a Consellaría de Medio Rural (dirixida polo BNG), no goberno bipartito, sacou unha liña de axudas Denominados "Proxectos dinamizadores das areas rurais". Esta liña de axudas comprendían proxectos de carácter produtivo e non produtivo no camiño de acadar un monte veciñal multifuncional e sustentábel; e as comunidades de montes e as súas mancomunidades, xunto con outras entidades, eran beneficiarios de esta liña de axuda. O Partido Popular, ademais de reducir substancialmente os orzamentos desta liña de axudas, modificouna radicalmente.

,Esta modificación foi dobre. Por unha banda, eliminou de este tipo de axudas os proxectos de carácter produtivo, e por outra banda, deixou as comunidades de montes veciñais en man común, soamente como beneficiarios dunha das medidas dos proxectos de carácter non produtivo, a medida de conservación e mellora do patrimonio rural. Non cabe dúbida de que os proxectos de carácter non produtivo son interesantes para o medio rural. Mais, por si sós, non o dinamizan. A dinamización do medio rural pasa pola combinación de proxectos de carácter produtivo e non produtivo. Se cadra, os proxectos de carácter produtivo, son o soporte para que tamén se desenvolvan proxectos de carácter non produtivo.

Impedir que as mancomunidades de comunidades de montes poidan ser beneficiarias de estas axudas e reducir a calidade de beneficiarios a unha medida soamente para as comunidades de montes, e impedir que se fortaleza a relación monte veciñanza, que se leva adiante a posta en valor dos montes dende a óptica da xestión comunitaria dos recursos. Significa impedir que se fixe poboación no medio rural, que se acade un medio rural vivo. E logo, temos que escoitar a dirixentes do Partido Popular laiarse (con bágoas de cocodrilo), de que haxa lume nos montes. E logo, temos que ler declaracions da conselleira de Medio rural e mar, a Sra. Quintana, que di "xa me gustaría saber a min quen queima os montes". Se non coñeces as causas dos lumes, malamente vas a combatelos eficazmente. Con estas actitudes, non pode estrañarnos que única alternativa que ten o Partido Popular para combater os lumes, sexa a demagóxica de "máis cadea para os incendiarios".

As persoas boas e xenerosas, ben puideran pensar que, esta política negativa do medio rural e do monte, e debido a que os dirixentes do Partido Popular, son uns incompetentes, uns malos xestores. Mais, non é así. Esta política do Partido Popular, ten un obxectivo claro; que o medio rural se abandone e se despoboe totalmente. Para que? Para logo vir da man das empresas privadas e dicir "dado que o medio rural está abandonado e despoboado, soamente as empresas poden polo en valor. Poden polo en valor de xeito colonial. É dicir, esquilmando os recursos e para beneficio do capital, nos das persoas.

Se non combatemos esta política pode chegar un día en que a sociedade galega interiorice esta táctica perversa e chegue a conclusión de que "dado que o medio rural está abandonado e despoboado, que se poña en valor, aínda que sexa por medio de empresas privada"s.

Se isto acontecera así, estariamos ante unha grande derrota dos intereses das maiorías sociais da nosa Nación. Mais, aínda estamos a tempo de que esta política perversa do Partido Popular, non trunfe.