Programas electorais e monte veciñal: o camiño desandado
Os programas electorais de todos as partidos políticos e coalicións que se presentaron ás eleccións xerais do 26 de xuño, indenpendentemente dos resultados electorais (este artigo está escrito antes de conocerse os resultados electorias), significou un paso atrás da presenza do monte veciñal e das comunidades de montes, das súas problemáticas e das súas alternativas. Estas cuestións non tiveron reflexo nos programas electorais do todos os partidos políticos ou coalicións que se presentaron.
O monte veciñal e as comunidades de montes foron sempre o parente pobre da sociedade galega e xa que logo, dos partidos políticos. Foi o gran descoñecido e ausente, até as eleccións xerais de Decembro de 2015. Nese proceso electoral, deuse un paso adiante moi importante para os intereses da veciñanza comuneira. Por primeira vez, o monte veciñal e as comunidades de montes, aparecían nitidamente nun programa electoral. Foi no programa electoral de Nós-Candidatura galega. Cuestión que a Organización Galega de comunidades de montes veciñais en Man común(Orgaccmm) fixo pública diante de todos os auditorios os que tivo acceso.
Así, no programa electoral de Nós-Candidatura galega, aparecían reivindicacións históricas da veciñanza comuneira (ordenación do territorio e dos usos das terras, recoñecemento da titularidade veciñal como unha máis e distinta das titularidades públicas e privadas, fiscalidade axeitada á figura e as funcións do monte veciñal), e reivindicacións actuais da veciñanza comuneira (lonxa de madeira e de produtos do monte, selo de certificación público e galego, aproveitamento da biomasa forestal residual).
Mais, todas estas referencias ao monte veciñal e as comunidades de montes, á súa problemática e ás súas alternativas, desaparecen cando a coalición Nós-Candidatura Galega, pasa a denominarse Bloque-Nós Candidatura Galega. Como veciño comuneiro e como nacionalista non chego a comprender esta desaparición; e moito menos as razóns que me deron para que non figurasen no programa electoral da coalición Bloque-Candidatura Galega.
Afirmar que non cumpría que as referencias á política forestal (volvendo a situar o termo forestal como sinónimo de montes, cando non o é Forestal e soamente un aspecto do monte) e as comunidades de montes figurasen no programa electoral xa que eran reivindicacións que facían referencia basicamente a competencias galegas e a lexislación a desenvolver polo Parlamento de Galiza, é, sendo xenerosos e comedidos, unha falla total de coñecemento. Recoñecer a titularidade veciñal como unha máis e distinta, lograr unha fiscalidade axeitada ao monte veciñal e mesmo constituír unha lonxa de madeira e de produtos do monte xestionada polos titulares das terras non se poderán resolver en Galiza, namentres a nosa nación non teña soberanía. A dia de hoxe, estas cuestións hai que resolvelas nas Cortes Xerais do Estado, que é onde están as competencias nestes asuntos. Ademais, dar unha resposta non, querendo xustificala para que pareza un si e considerar o receptor da mensaxe, como unha persoa con poucas luces.
É mais, por esa mesma regra de tres, moitas das cuestións que aparecían no programa electoral da coalición, referentes a outros sectores non podían aparecer xa que tamén facían referencia basicamente a competencias galegas e a lexislación a resolver no Parlamento de Galiza. E aínda mais, os programa electorais, deben servir, entre outras cuestións, para que os partidos políticos ou as coalicións pranteen alternativas a problemas das clases sociais da nosa nación, resólvanse onde se teñan que resolver.
Ben sei que nas coordenadas políticas nas que nos movemos (ou nos fan mover) hoxe, priman os resultados electorais. E o montante do corpo electoral non se atopa no medio rural, atópase no medio urbán. Mais, prantear a defensa do medio rural no camiño de evitar a despoboación e acadar un medio rural multifuncional e sustentábel e prantear outro modelo de desenvolvemento do noso País. Se o medio rural sigue despoboando, os intereses capitalistas estarán colocando unha autoestrada para que o rural sexa a base territorial de aproveitamentos agresivos e coloniais (megaminaría, monocultivo forestal sen valor engadido, cultivos enerxéticos, coutos de caza…).
Se o medio rural sigue despoboándose, chegaremos a un momento en que non é que non haxa entidades organizadas (sindicatos agrarios , comunidades de montes…) para prantear alternativas a estes proxectos agresivos e coloniais. E que non haberá nin persoas para agarrar unha pancarta e protestar contra destes proxectos. Daquela, como di un refrán foráneo ,”ancha será Castela”.
Como veciño comuneiro e como nacionalista lamento que o camiño desbrozado (que o monte veciñal e as comunidades de montes apareceran por primeira vez nun programa electoral) fique abandonado.Todos sabemos que a terra galega é xenerosa e que enseguida volve a brotar a vexetación co cal hai que volver desbrozar o camiño. E todos sabemos tamén que nas labouras do monte , a laboura máis difícil é a preparación do terreo; as labouras que veñen a continuación, prantar e recoller son mais doadas. Son plenamente consciente que o BNG e a única organización política que na teoría e na practica defende o monte veciñal e os intereses da veciñanza comuneira. Mais esta defensa, gostaría que se fixese continuadamente. Non aparecendo e desaparecendo segundo as circunstancias. Agardemos que a desaparición do monte veciñal e das comunidades de montes do programa electoral da coalición Bloque-Nós, candidatura galega fose debido a un erro técnico, digamos a un erro de XPS. Ás veces, para chegar a un lugar, as técnicas modernas, teñen que ser acompañadas cos vellos mapas. Sobre todo cando circulamos por estradas secundarias ou pistas escangalladas. Porque para interpretar os vellos mapas, o factor humano e clave , por ser dinámico.
-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.