Proclamación da República Galega
Os partidos galegos en exclusiva só poden ser republicanos, non teñen opción de botar man da monarquía cando lle convén. Os outros xa sabemos que teñen máis posibilidades. A nosa é unha limitación, mais tamén unha garantía. Non imos vender como virtude unha necesidade. Temos que recoñecer que por moita presión que recibamos non podemos deixar de ser republicanos.
Os partidos españois que se din de esquerda teñen días. E coa que está caendo, hai quen rescata do fondo do baúl a bandeira tricolor que tiña xa esquecida e se presenta anovado en sociedade baixo ese ideario. E só queda alegrarse de que se sumen aos que nunca deixamos de ser republicanos porque non podíamos ser outra cousa. E agora que somos todos uns, nun mesmo obxectivo compartido, habería que preguntarse para que precisamos dunha república galega se conseguimos a española?. É mais, non é mellor sumar forzas a prol da española en vez de empeñarse en ir sós pola nosa conta?
Compre lembrar que esta non sería a primeira vez que nos vemos nesta situación. De feito, sería a terceira. E isto é unha vantaxe se queremos aprender da experiencia. E sen remontarnos a primeira, só estudando o proceso de como se desenvolveu a segunda resulta que xa atopamos como moitos dos que acreditaban que co cambio de réxime iamos arranxar os problemas de Galiza decatáronse de súpeto que este país só poderá ter amaño cando sexa dono de si, e dun día para outro pasaron de cantar a marsellesa e acreditar en que habendo república Española, non facía falla máis nada, a de súpeto esixir a creación dun Estado propio. Mesmo podemos poñer data a ese momento: o día 27 de xuño de 1931 coa proclamación da República Galega en Compostela.
O 23 de xuño o Consello de Ministros acordara a suspensión definitiva das obras do ferrocarril entre Zamora e A Coruña a instancias do Ministro Indalecio Prieto (PSOE) quen consideraba que non eran rendíbeis ditas actuacións. Isto fixo que ficaran na rúa 12.000 obreiros que estaban traballando nesta construción, e que se adiara a necesaria conexión de Galiza co resto da Península a través dese camiño de Ferro. O caso é que este conflito inicialmente laboral desembocou pola lóxica das reivindicacións na proclamación da República Galega o 25 en Ourense e finalmente o 27 en Santiago de Compostela. Agardábase que logo de Compostela fora sucedéndose no resto de Concellos do país o mesmo xesto. De feito na Estrada, por exemplo, xa estaba previsto levalo a cabo cando o repentino trasacordo do Goberno fixo que se freara este regueiro que nunca saberemos como remataría tendo en conta os movementos de tropas que tamén se comezaban a realizar. O caso é que o que se iniciou sendo un conflito de clase: despido masivo de traballadores. Non tardou nada en converterse nun problema nacional. Mesmo nun dos primeiros episodios da mobilización obreira fora da Galiza administrativa, en Pobra de Sanabria, rematou izándose a bandeira galega e pedindo a anexión a Galiza.
Mais é obvio que desde o punto de vista laboral o conflito non tiña futuro: Non é moi sostíbel reivindicar unhas obras só para cumprir o único obxectivo de dar traballo aos que están empregados nelas. É o feito de ter unido esa reivindicación á denuncia da marxinación do país que fixo que iso callara na conciencia da xente e provocara a reacción popular que canalizada axeitadamente por militantes comunistas, nacionalistas e mesmo anarquistas de aquel entón para que a cousa acabase tomando corpo na demanda dunha República Galega.
Pode que durase poucas horas este efémero Estado para o cal foi elixido Alonso Ríos como presidente. Quizais non fose máis que iso que poñía o desmentido do gobernador civil de Ourense dicindo que só se tratara dun grupo de exaltados que asaltou as institucións enarborando unha bandeira galega. Mesmo poderíamos restarlle importancia ao acordo plenario de Compostela e dimisión dos cargos. Mais é obvio que este feito foi unha desas cousas “insignificantes” que supoñen a faísca que de súpeto fai que un tome conciencia do que sempre foi.
Cando Rigoberta Menchú narra en “Así me naceu a conciencia” o episodio do can dos señores aos que servía como criada que comía carne mentres a ela lle daban “frijoles” puidera parecer tamén un feito irrelevante. Que é iso á beira de que lle matasen a un irmán por sulfato, outro de desnutrición, outro torturado, o pai queimado vivo, a nai violada e torturada... Mais alí está a carón diso o relato do moito que lle doeu que o can fose tratado mellor que ela: “No extrañaba la comida del perro, porque yo en la casa sólo comía tortillas con chile o con sal o con agua. Pero, me sentía muy marginada. Menos que el animal que existía en casa”.
Non é que Rigoberta comezara ese día a ser muller, indíxena, pobre, etc... Tampouco se trata de que iso sexa un estado subxectivo, unha construción social, un imaxinario, un invento, etc... mais non só sentiu fame, senón que lle doeu sobre todo a indignidade de que ela non estaba a mesa e o can si. Non é que vira mal a presenza do cadelo no banquete, simplemente se decatou da súa ausencia, da súa exclusión, da súa invisibilidade, de non contar, de ser tida por ninguén. E iso poida que se comece por sentir na materia mais remata reflectíndose no espírito.,Calquera galego de entón podía preguntarse tamén se o exército que a República mantivo en Marrocos e que mesmo ampliou entón as súas conquistas coa toma de Ifni era máis rendíbel que os 12.000 carrilanos. Non é que este fose o primeiro caso na que se tomaban decisións coma se Galiza non existira. O certo é que os galegos vían como se daba o decreto de bilingüismo só para Cataluña coma se eles non tiveran lingua. Mais até este feito moitos non se deron por aludidos e unha cuestión coma a lingüística non se percibía como un asunto que merecera ser motivo de queixa. Se nos entendemos todos en Español, que sentido ten en porfiar en defender o galego?. Seguramente houbo quen daquela chegou a conclusión de que poderíamos prescindir da lingua propia, mais do que non podían desentenderse é do seu corpo e as súas necesidades materiais, da súa Terra e os recursos e oportunidades que lle oferta para satisfacer ditas necesidades e ao fin, que a Terra, o corpo doutro, mesmo dun can “bien gordo, bien lindo, blanco” como o das memorias de Rigoberta, non é o noso.
E a lingua propia era o camiño para decatarmos disto antes de que fose tarde e de que por non defender o idioma noso outros falen por nós. Que mellor xeito de impedir que teñamos voz que acreditar en que na “lengua común” podemos expresar as nosas demandas con máis forza porque “chega a máis xente”. E quizais en español nos entendamos todos pero seguramente non comprendamos nada.
,Porque Rigoberta entendía o Español: “Yo no hablaba el castellano, pero entendía algo. Por todos los caporales que nos mandaban, que nos maltrataban y que nos daban las tareas. Muchos de ellos son indígenas, pero no queiren hablar la lengua como nosotros porque ellos se sienten diferentes de los mozos”. Rigoberta entendía, mais iso non era suficiente, grazas aos comportamentos lingüísticos diferenciados tamén comezaba a comprender.
Non vou dicir que ese fose o caso de Alonso Ríos e os cadros políticos -algún deles independentistas como Pedro Campos- que daquela canalizaron o descontento popular cara proclamación da República Galega. Poderíamos rastrear a traxectoria destes para ver como o proceso de toma de conciencia foi longo e custoso. No caso de Alonso Ríos poderíamos citar como último episodio clarificador anterior a este día a súa chegada da Arxentina para ostentar a representación das sociedades de emigrantes na ORGA. Refírome a súa viaxe desde Barcelona (entrevistándose con Maciá) até Galiza pasando por Madrid. Que aconteceu no seu encontro con Casares Quiroga na capital do Estado?. O enfrontamento do dirixente agrarista co republicano de casino tivo un eixo claro: a subordinación de Galiza ao que o casarismo chamaba a situación de emerxencia e as prioridades da república Española. Alonso Ríos decatouse da estafa e da chantaxe que supoñía esixir a Galiza que relegase as súas demandas na axenda do goberno central, mesmo facéndolle culpábel que de non ser así perigase o propio réxime. Alonso Ríos viu como se traizoaba máis unha vez a Galiza do xeito máis indigno ao mesmo tempo que se tapaban semellantes vergonzas coas máis nobres escusas. Alonso Ríos rachou amarras co republicanismo sucursalista e proclamou aquel 27 de xuño: “Facemos a nosa revolución por encima de todos os poderes centrais incorridos por ter, proclamando a independencia. Nos gobernos civís acubíllase o máis denigrante caciquismo. As candidaturas formadas até agora están cheas de caciques. A verdadeira vontade galega, democraticamente revolucionaria, aínda non deixou oír a súa voz, e eu conxúrovos, cidadáns, a que dunha vez fagamos a nosa revolución por encima de todos os poderes centrais habidos e por haber, proclamando a nosa independencia e abrazándose, si fai falta, cariñosamente a Portugal, a nosa irmá”.
Cantos máis 27 de xuño farán falla para que algúns tomen conciencia do que son.