Privilexios?


O 15 de abril de 2010, o BOE publicaba a Lei 9/2010 na que figuraba o número máximo de horas que podía realizar un controlador aéreo, 1.670, que incluía os períodos de descanso durante a xornada, as gardas localizadas e os tempos requiridos para cubrir posibles incidencias. Segundo a citada lei a retribución dos controladores fixaríase mediante negociación colectiva entre as partes. O 15 de outubro do mesmo ano o sindicato de controladores (USCA) publicaba unha nota onde reiteraba que a maioría dos controladores aéreos xa superaran a cifra de 1.670 horas anuais, mesmo as 80 horas extraordinarias que segundo o Real Decreto 1001/2010, de 5 de agosto, podían facer como máximo; sen embargo, malia o notábel incremento de tráfico aéreo do Estado Español AENA non moveu un dedo un dedo para aumentar o número de efectivos dispoñíbeis.

Ante esta situación, e nas vésperas dunhas das pontes máis importantes do ano, o venres 3 de decembro de 2010, o goberno do socialista José Luís Rodríguez Zapatero aproba o Real Decreto Lei 13/2010 onde liquida nun só día os dereitos laborais e os acordos acadados en negociación colectiva dos traballadores e traballadoras que realizan tarefas de control aéreo. Así, con este real decreto lei aprobado polo goberno do PSOE, as imaxinarias, os cursos de formación, as horas sindicais e mesmo as ausencias por incapacidade laboral non computarán no total de horas anuais, que, reitera este real decreto lei, é de 1.670 horas.
Os controladores e controladoras, ante este ataque aos seu dereitos laborais acadados mediante negociación colectiva, -repito-, abandonan o seu posto de traballo, unha medida que a priori pode ser controvertida, pero tendo en conta que as medidas do Real Decreto Lei tomáronse a traizón, sen avisar e unilateralmente, a postura deste colectivo era lóxica, sobre todo porque ir á folga implicaría facer máis horas das que por lei podían facer.

O goberno de Zapatero decreta o estado de alarma, obrigando aos controladores, mesmo a punta de pistola, a cubrir o seu posto de traballo. A medida, aínda que de dubidosa legalidade, gozou do apoio entusiasta da inmensa maioría da sociedade, traballadores e traballadoras en xeral, sindicatos e partidos políticos, logo dunha lenta e intensa campaña mediática, que se veu cocendo durante os últimos anos en contra deste colectivo de traballadores e dos seus supostos “privilexios”, e que acadou o seu clímax nesta fin de semana.

Neste sentido chama a atención, que logo daqueles días nos que se sucederon titulares, opinións e reportaxes onde se demonizaba aos controladores e controladoras, despois de case dous anos, o arquivo de denuncias ou a anulación de sancións a estes profesionais pasaron practicamente desapercibidas nos medios de comunicación.

,Estes feitos de 2010 non foron casuais, foi un verdadeiro test de estrés a un colectivo que reiteradamente se caracterizou por pelexar por uns dereitos que se rubricaron nas sucesivas mesas de negociación entre as partes. É evidente que non superaron o test por mor dos acontecementos daqueles días e por mor da presión dunha sociedade que confundía dereitos laborais con “privilexios”.
E a historia sen embargo volve a repetirse, máis non de xeito tan convulsivo, cos recortes de salario aos funcionarios e traballadores do sector público. Primeiro foi o PSOE o que reduciu o salario deste colectivo, e agora é o PP o que liquida a paga extra de Nadal. Mais esta última medida vén precedida doutras como o aumento das horas lectivas no ensino ou recortes na sanidade, medidas que Feijóo abrazou con entusiasmo, mesmo obviando as competencias exclusivas que ten Galiza nestas materias.

O obxectivo, xa o dixo Montoro, é asimilar o sector público ao privado; é dicir, traballar máis horas, cobrar menos e eliminar a seguridade do posto de traballo fixo, da que gozan os funcionarios e funcionarias, así como o persoal laboral ao servizo da administración e das empresas públicas, das poucas que aínda quedan, e por suposto, os controladores aéreos.

Sen embargo, malia o indubidábel éxito das mobilizacións do 19 de xullo, o discurso imperante na sociedade en xeral é de rexeitamento e demonización deste colectivo. Así non é estraño escoitar dicir que hai moitos funcionarios, que cobran moito e que non fan nada. É dicir, son uns “privilexiados” e polo tanto “que se fodan!” como dixo a “famosa” deputada do PP.

Esta crise económica brutal, que está empobrecendo a mantenta a importantes capas da poboación, é o caldo de cultivo ideal para a proliferación deste discurso populista-fascista, un discurso que emana directamente das altas esferas do poder, e que busca liquidar os dereitos laborais e sociais de todos os traballadores e traballadoras, e o que é máis perigoso, liquidar a democracia mesma.


Warren Buffett, unha das persoas máis ricas do mundo, que non se caracteriza precisamente por ser marxista, dixo en 2006 que “claro que hai unha guerra de clases, e a miña, a dos ricos, é a que empezou esta loita, e vamos gañando”. Este señor ten clara a súa pertenza a unha clase determinada, cando a maioría da sociedade teñamos claro cal é a nosa, a da clase traballadora, empezaremos a gañar esta guerra e a cambiar esta situación.