Privatizar as rías
Contamos en Galiza cunha grande cantidade de recursos susceptíbeis de aproveitamento económico e de xeraren riqueza. Entre eles todos os derivados do noso mar. Outra cousa é quen se deu beneficiado dos mesmos ao longo da historia, e se o noso pobo foi ou é quen de controlalos e xestionalos para goce e benestar da maior parte da poboación. Sexa o granito ou a lousa das canteiras, sexa o vento das nosas serras, sexa a auga represada no que noutrora foran ríos,... Galiza é unha terra rica que non dá aproveitado ao xeito esas riquezas para o seu desenvolvemento económico e social. E se falamos dos produtos que se extraen do mar, dende sempre fumos unha potencia mundial, tanto en pesca de baixura ou de altura como no aproveitamento marisqueiro. A situación xeográfica de Galiza avanzando cara ao Atlántico, a configuración da costa, a existencia duns ecosistemas únicos como son as rías xunto co saber facer de centos de xeracións que viviron de e para o mar fai que hoxe, malia todos déficits propios e todos os impedimentos alleos, continuemos a contar cuns recursos formidábeis a nivel pesqueiro e marisqueiro.
Precisamente por iso, pola singularidade e calidade deses recursos, enfrontamos agora unha grande ameaza. Os recursos primarios, fonte de proteínas, que se dan na nosa costa son obxecto da cobiza das grandes empresas multinacionais, que non se paran en cuestións sociais, ambientais ou de calidade alimentaria e procuran só o beneficio a curto prazo. Hoxe, con evidentes pexas e falto dunha mellor planificación, o sector primario do mar –pesqueiro e marisqueiro- é fonte de riqueza para miles de persoas nos máis de mil quilómetros de costa galega. Porén, son enormes as presións para substituír ese modelo de aproveitamento dos recursos baseado na pesca artesanal e no marisqueo familiar por outro industrial levado a termo por grandes corporacións alleas. Máis unha vez poderemos perder o control dos nosos recursos, que pasarían a xerar beneficios lonxe da nosa terra, deixándonos tan só unhas rendas de miseria e as consecuencias ambientais negativas.
O que podemos resumir como o intento privatizador das rías vén de atrás e foi sempre impulsado a nivel interno polo Partido Popular. Esta filosofía vén xa da época de López Veiga como conselleiro de pesca, e tomou corpo coa reforma da Lei de pesca que aprobou o PP no ano 2009. En 2012 o Plano Director de Acuicultura afondaba nesa liña industrializadora e de extraversión dos nosos recursos, e mais recentemente mesmo a enésima reforma da Lei do solo estabelece disposicións favorecedoras dunha acuicultura entendida como aproveitamento depredador e irracional (non dende a lóxica capitalista), ao favorecer a implantación de grandes piscifactorías mesmo en zonas de máxima protección ambiental. A “experiencia” das gaiolas de salmón na entrada da ría de Muros e todo o seu proceso de instalación e seguimento pode ser só un exemplo do que estaría por vir.
Pero é agora cando se está a dar un paso moito máis acelerado coa presentación do anteproxecto de lei de acuicultura por parte do Goberno Feixoo sen ningún tipo de consenso social nin co sector. O obxectivo da mesma é facer tanto das nosas rías como da liña de costa os lugares ideais de explotación intensiva para o cultivo de peixes e mariscos, deixando nun segundo plano a extracción de especies mariñas salvaxes. Isto supón, entre outras cousas, a predominancia do modelo de explotación das piscifactorías onde se críen unha poucas especies (autóctonas ou exóticas) con grande utilización de antibióticos, degradando espazos naturais e interferindo negativamente noutras actividades relacionadas co noso mar. Como xa sabemos por experiencias instaladas no noso país dende hai anos, a creación de postos de traballo é mínima e moito menor cá actual explotación que tradicionalmente se vén facendo do mar. As multinacionais que diso tiran proveito agora mesmo adoitan ser estranxeiras e moi pouco preocupadas polas consecuencias sociais, ambientais e económicas da súa actividade. Alén da incompatibilidade de usos que poden ter unhas rías dedicadas intensiva e industrialmente á cría dunhas poucas especies fronte ao uso tradicional e variado da pesca artesanal e o marisqueo, o anteproxecto de lei ten como obxectivo preferente e declarado rematar co marisqueo e convertelo en acuicultura por medio da constitución de “parques de cultivo colectivo”. Con isto estase estabelecendo a incompatibilidade entre marisqueo e acuicultura e optando pola minoración da primeira en prol da segunda. Ademais, as actuais autorizacións administrativas para a explotación nas rías pasarían a estar abertas a calquera concursante, incluídas multinacionais, que nun réxime de concesións con esixencias incumpríbeis polos pequenos produtores familiares e si á medida das grandes empresas, faríanse co control das rías. Isto, sen mellorar as eivas actuais, suporía sen dúbida unha ameaza de perda irreversíbel dun ben tan prezado como as nosas rías para caer nas gadoupas das grandes corporacións alleas. O anteproxecto de lei permitiría ademais calquera tipo de instalación acuícola mesmo na Rede Natura. En definitiva quérense eliminar os sectores tradicionais da pesca artesanal e o marisqueo, nos que seguimos a ser potencia mundial, baseados nunha explotación dos nosos recursos local, controlada e de calidade. En troca quérese implantar un modelo depredador, intensivo industrial, ambientalmente insustentábel e controlado por grandes corporacións foráneas que precisan para o seu negocio inmediato da calidade natural das nosas rías.
Por todas estas causas a Federación Galega de Confrarías e o sector en xeral pediu a retirada do anteproxecto. Tamén dende o BNG se está a denunciar o que suporía implantar este modelo que non conta co consenso do sector –que nin sequera foi informado- pois o PP parece estar servindo outros intereses que non son os de Galiza e os sectores que viven das rías galegas. Isto debería facernos reflexionar sobre a quen serve o PP, se á inmensa maior parte da poboación da costa galega ou se se limita a exercer de sostén dunha minoría intermediaria que se contenta con medrar cos restos que o capital transnacional lle estaría disposto a dar como esmola en troques de este se facer co control das rías galegas. Por paralelismo con outros sectores e recursos cos que contamos en Galiza xa sabemos a resposta. O que non é tan comprensíbel é a actitude dunha maioría social respecto da defensa dos seus propios e inmediatos intereses.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.