Previsións cumpridas


Recordei estes días, en recente tertulia radiofónica, a brincadeira -non exenta de razón histórica- de Emilio López, deputado nacionalista no Parlamento Galego en varias lexislaturas, particularmente incisivo e humorístico nas súas intervencións. Dicía el que un dos problemas do nacionalismo galego é que nos acababan dando a razón, mais sempre tarde... A exemplificación decorrente desta sentenza é, con efeito, amplísima. Hoxe ninguén ousa discutir as consecuencias lesivas que tivo para a Galiza o ingreso de España na Comunidade Económica Europea, onde a nosa nación foi desprezada, no duplo sentido, aritmético e político, nas negociacións previas e no tratado de adhesión. Existimos para sermos penalizados: construción naval, sector lácteo, agricultura, gandaría, continxentes de pesca...; para convertérmonos en consumidores pasivos do que outros intocábeis producían. Hoxe, igualmente, ninguén se atreve a negar o prexudicial que resulta a existencia dun financiamento da Comunidade Autónoma que non contempla variábeis específicas como a dispersión da poboación, a concentración da mesma na fachada atlántica, a elevada proporción de idosos, a "exportación" fiscal, en virtude da cal grandes empresas cotizan en Madrid, tendo a súa base de produción e obtención de riqueza na Galiza... e un longo etcétera. Foi o BNG quen incluíu na axenda política galega a necesidade duns camiños de ferro modernos que paliasen un retraso histórico descomunal ou quen deu, repetidamente, a voz da alerta sobre o deplorábel estado de rías e ríos, por falta de depuradoras ou de limpeza medioambiental. Convido a (re)ler o artigo de Rosalía de Castro "Padrón y las inundaciones" (inverno de 1881), publicado en periódicos de Madrid, e a aplicalo ao que este mesmo ano, por enésima vez, aconteceu en Caldas de Reis, por exemplo. Así que, como se ve, o profetismo vén de lonxe.

Sentenzas de profetas bíblicos, como Xeremías ou Isaías, acaen perfeitamente, por estraño que parecer, a unha diacronía político-cultural galega que ten na autora citada a súa personalidade fundacional: "O profeta recorda o pasado e sérvese del para entender o novo no presente"; "o profeta convida a viver e el proprio vive a solidariedade no sofremento"; "o profeta sinala como prioritaria a vía da xustiza". Non tenciono achar antecedentes grandilocuentes na angueira do traballo do nacionalismo galego, senón dar a valer diagnósticos que, no seu día, naceron, en primeiro lugar, dun sentimento de amor ao país natal; dunha conciencia sensíbel sobre a súa identidade negada e desprezada; dun ánimo positivo de defensa e de exhibición; dunha ansia de autoorganización ao servizo colectivo de todos nós. Se non hai amor, o coñecemento é coxo; se aquel non se acompaña deste, é claramente insuficiente. É a simbiose dun e doutro o que pode deitar análises e propostas acertadas e sempre progresivas.

A posición oficial do BNG, en 1999, verbo do anuncio da construción da "Cidade da Cultura" foi clara e inequívoca. Unha por unha, todas as previsións efectuadas daquela fóronse -e vanse- cumprindo: superfluidade de tan xigantesca canto inútil obra; antigalla (con resaibos do fascismo mussoliniano: a pretensión, afortunadamene frustrada, de construír en Roma unha Città della Cultura) de conceptuar a cultura como un artefacto cuantificábel e encaixábel nun recinto; sobrecusto previsíbel e desmesurado; aberración de, nada menos que nunha cidade-tesouro por antonomasia en arte, historia e patrimonio cultural como Santiago de Compostela, construír unha competidora; reverencia paiola da arquitectura-continente, con desprezo ou prescindencia do seu contido; desequilibrio patente do ponto de vista territorial, nunha concentración compostelana que omite o dato fundamental de sermos un país policéntrico e variado ao máximo; desatención crónica a sectores fundamentais e vivos da nosa cultura como os núcleos históricos; arquivos e museus; cinema e audiovisual en xeral; teatro; música en todas as súas modalidades; danza; literatura...

Poden, agora, as leitoras e leitores comezar a rir ou a chorar, conforme mellor lles preste, se recordarmos que o orzamento inicial de tal estafermo ascendía (repito, 1999) a dezaoito mil millóns de pesetas. Fagan, se quixeren, a multiplicación correspondente a respeito do que se leva gasto e do que se vai aínda desembolsar e procuren estar sentadas-os, por se o susto os conmove de máis...

Esta é a xenética da tan controvertida Cidade da Cultura. Ignorala, como ignorar que o goberno PP en funcións, en 2005, comprometeu cantidades de gasto enormes que deixou ao goberno seguinte, o bipartito, cal galano envelenado, supón un exercicio de desmemoria perversa que algúns non estamos dispostos, pasivamente, a consentir. Unha outra cousa é a xestión deste goberno verbo de tal mole, que eu non partillo, porque unha comisión de investigación parlamentar ou reunións sucesivas de comités de supostos expertos non xustifican de nengunha maneira a demora nunha decisión que tiña de ser firme e rápida, e, desde logo, nunha viaxe diferente da que acabou desembocando na solución que xa o PP (recordo ben un comentario do Orza, conselleiro de Economía de gobernos Fraga) manexaba: a súa privatización.

Que o xornal de maior tiraxe do país e que maiores e suculentas axudas públicas ten recebido de diñeiros públicos galegos se convertese alegremente, sen despeitearse, que diríamos coloquialmente, en adaíl da contra á Cidade da Cultura, cando na súa xénese aínda esperaba, como non!, tirar proveito, concesións mediante, dela; que o PSOE, nun habitual xogo camaleónico-localista, a abenzoase afervoradamente en Compostela e a deostase na Coruña; que o PP a programase, hipotecase e aplaudise, agás cando o bipartito se tivo que facer cargo dela; que, nas nosas filas do BNG, houbese tamén quen se apontou ao "non, pero si" ou "si, pero non", ao calor desa resesa mentalidade de que "o que é bon para Santiago é bon para nós"... Todo isto se pasou, con responsabilidades, por suposto, moi diferentes: para nada fago totum revolutum, e reclamo que os meios de comunicación cun mínimo de pundonor disteren o que eu estou tentando diferenciar.

No fin de contas, seguimos, 2011!, a contemplar debidamente fechado San Martiño Pinario; os núcleos históricos das nosas cidades a medio cuidar; o teatro ou o cinema, a pedichar; os accesos á tal nomeada cidade feitos unha lameira, e por aí fóra... Ah!, e seica estamos en crise... Se non, acabarían nomeando a Eisenman directamente Conselleiro de Obras Públicas, co cal, ao menos, aforraríamos o dispendio das viaxes desde o Imperio á colonia...