Precisamos todo o que consumimos?
A torta está mal repartida
Antes de comentar nada, poñamos riba da mesa algúns datos sobre o reparto de recursos:
- O 20% da poboación mundial (que vive nos países enriquecidos) consome o 80% dos recursos do planeta.
- Máis de 1.200 millóns de persoas viven con menos de 1 euro ao día.
- Os 225 habitantes máis ricos do planeta teñen unha riqueza combinada igual ao ingreso anual do 47% máis pobre da poboación mundial, é dicir, 2.500 millóns de habitantes.
- As 15 persoas máis ricas do mundo teñen activos que superan o P.I.B. da África Subsahariana.
- O 40% do mercado mundial está dominado unicamente por 325 empresas.
Polo tanto, a actual crise económica enlaza ca problemática social e ambiental, e a súa solución pasa polo cambio do estilo de vida dos países enriquecidos que dominan a economía mundial en todos os sentidos. Pasa inevitablemente, por reducir drasticamente o consumo de recursos materiais no proceso de satisfacción de necesidades. Desta forma a problemática ambiental e social global pasa a ser unha problemática local cunha pregunta básica: Necesitamos todo o que consumimos (para vivir)?. Así pois, os problemas sociais e ambientais a nivel local son á par problemáticas globais, e non están illados senón unidos á nosa cultura, á nosa vida, . . .
A solución da pregunta anterior comporta unha solución de xustiza na que un novo sistema mundial atenda as necesidades de todas as persoas por igual, sen depender do lugar do mundo onde por sorte ou desgraza che tocara nacer, nin dos intereses de nacións ou grupos específicos (multinacionais) na busca do consumo polo consumo.
O intento da mellora desa inxustiza global (no aspecto social, económico e ambiental) implica tamén unha reflexión da nosa propia vida, do devagar do noso día a día.
A espiral do consumo
León Tolstoi anticipou no século XIX o que logo se chamaría a espiral do consumo que non é outra cousa que a inercia na compra continuada de produtos e servizos sen relación directa coas necesidades básicas. Nas súas palabras: "Busca entre as persoas, dende o/a mendigo/a ó/á millonario/a unha que se contente ca súa sorte, e non atoparás a unha entre mil . . . Hoxe temos que mercar un abrigo e uns chales, mañá un reloxo con cadea; o día seguinte temos que instalarnos nun apartamento con sofá e unha lámpada de bronce, logo necesitamos alfombras e camas de veludo, logo unha casa, cabalos e carruaxes, pinturas e adornos". Non vai moitas décadas o consumo estivo vinculado a unha satisfacción das necesidades primarias e a relación entre estas e os produtos era inmediata. A día de hoxe o consumo é o motor da sociedade enriquecida e asóciase á sociedade do benestar. Porén, poucas son as persoas que se preguntan de onde ben o noso benestar, ou a conta de quen ou que podemos gozar da infinidade de produtos e servizos que temos ao noso alcance.
Ese consumo sen control fai que existindo a posibilidade de producir alimentos para todo o mundo, unha gran parte da poboación está a morrer, literalmente, de fame. Pola contra nos países enriquecidos, unha porcentaxe media do 20% da comida mercada por unha familia desaprovéitase e tírase ao lixo. En Europa, gástase máis en alimentación para mascotas (17.000 millóns de euros) que na alimentación e nutrición básicas (13.000 millóns de euros); máis en xeados (11.000 millóns de euros) que en ensinanza básica para todos (6.000 millóns de euros). Ante esta situación existen movementos como o da soberanía alimentar que é o dereito dos pobos a definir a súa propia alimentación e a regulación e control dos seus propios recursos naturais.
Por un consumo responsable
En esencia o consumo responsable é unha reflexión colectiva sobre a nosa propia actividade que procura a transformación das relacións comerciais coa busca dunha sociedade máis xusta e equilibrada.
Existen multitude de expresión e definicións en torno ao consumo responsable e todas parten da necesaria revisión da nosa forma de consumir. Debemos pasar a preguntarnos cousas como estas: De onde ven o produto? Con que materiais está feito? Que proceso produtivo se empregou na súa elaboración? En que condicións foi feito? Que tipo de residuos deixa?
O cambio social ten que apoiarse nun cambio educativo e nesta liña, foi moi importante a actividade desenvolta no pasado mes de decembro en Compostela a través do Foro 2010 e máis en concreto no Foro Mundial da Educación.
No noso país, deberase buscar a eficiencia fronte ao crecemento; o valor engadido e a diversificación dos produtos finais; e a posta en valor do sector primario que converta os servizos xerados polos recursos naturais en prioridades do goberno. Neste proceso será fundamental a actuación administrativa que configure un sistema de redistribución da riqueza, creando canais que produzan intercambios de riqueza económica (xerada nas zonas urbanas) e riqueza ambiental (xerada nas zonas rurais).
Cómpre pasar a acción sen máis dilación que a propia reflexión persoal para solucionar a inxustiza do reparto dos recursos. O cambio de modelo é posible e necesario. PENSA, ÚNETE E ACTUA. Ti, eu, nós, xuntos PODEMOS.