Pouco tardou o PP en amosar publicamente a súa faciana máis retrógrada
Se a algunha muller quedáballe algunha dúbida de que coa chegada do PP ao goberno do estado, ían afondarse as desigualdades e os recortes xa vividos nas nosas carnes estes tres últimos anos en Galiza, toparíase cunha realidade que lle batía xusto nos fociños.
Pouco tardou a Ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade en amosar a faciana fundamentalista e retrógrada que caracteriza á súa organización, cando, ao condenar o asasinato dunha muller en Almería, empregou a terminoloxía "violencia no entorno familiar" no canto de denominalo "violencia de xénero". E non foi a primeira vez. Na súa toma de posesión, tamén eludiu referise directamente á violencia de xénero, aínda que daquela si se referiu á violencia exercida contra as mulleres. Pero empeorou aínda máis a situación cando, logo das críticas recibidas, fixo unha segunda declaración onde, no canto de dar marcha atrás e recoñecer o erro, engadiu que "dá igual o nome", porque, ao seu xuízo, "o importante non é o termo, senón que aínda seguen morrendo mulleres a mans das persoas que en teoría deberían querelas".
Equiparar crimes machistas coa violencia familiar por parte de quen ten a responsabilidade nesa área, como representante dos poderes públicos, é un profundo retroceso na loita contra a violencia de xénero, e un erro inconmesurábel, a non ser que sexa unha estratexia deliberada de comezar co cambio de terminoloxía, para logo mudar a tipificación do delito.
Non só estamos a falar dun cambio na linguaxe, porque a violencia de xénero é unha violencia estrutural que ten as súas raíces en séculos de desigualdade das mulleres. As palabras inadecuadas serven para ocultar a verdade. Obviando a definición correcta, o que fai é enmascarar unha cuestión fundamentada no androcentrismo, e o peor de todo, desde a súa posición, prantexa dúbidas fronte á existencia da violencia contra as mulleres. Porque a violencia doméstica ou familiar denomina aquela violencia polo lugar onde se produce, no canto de facer referenza ás causas. Así, pegarlle a un can -ou a unha cadela- tamén é violencia no entorno do fogar, polo que obviaríamos logo que na sociedade existe un grave problema de violencia masculina, non feminina. E que a violencia de xénero a sofren as mulleres polo feito de ser mulleres. Polo que é unha lacra social específica que require un trato legal específico.
Se hai algo que criticarlle á lei é que púxose en marcha sen poñer os medios materiais precisos para levala a cabo, e que non tivo en conta a violencia machista fóra do ámbito da parella ou exparella. Non é unha lei, logo que se pase de proteccionista, senón que queda corta.
Xa temos o caldo de cultivo para que proliferen as campañas neomachistas dirixidas a mudar ou incluso eliminar a lexislación específica sobre violencia de xénero. Non hai máis que ver a solicitude de entrevista e o inquérito realizado polo xuíz Serrano quen lle solicita explicitamente que promova reformas lexislativas importantes en torno á problemática da violencia doméstica e os conflitos xerados no ámbito familiar, "as que tanto temen aqueles que tamén temen o mesmo cambio que o novo goberno representa".
Ana Mato non fixo un uso inadecuado dunha linguaxe que aínda non foi quen de asimilar, senón que deu un grave paso cara unha alianza política con determinados grupos de presión, asumindo os posicionamentos machistas destes. É un expoñente dunha organización política que retrocede a pasos axigantados ás cavernas culturais. Comezou cunha ofensiva no ámbito da linguaxe. Pero non vai ficar eiquí. Non sabemos se o seguinte paso será a reforma da Lei integral contra a violencia de xénero, ou a derogación da Lei de interrupción voluntaria do embarazo ou a reforma do Código Civil (impedindo o matrimonio entre homosexuais e adopción de crianzas por parte destas parellas, ou regulando a custodia compartida imposta por imperativo legal), pero o certo é que non van ter escrúpulos en empregar os poderes públicos para facer retornar ás mulleres ao espazo privado, declarándoas suxeitos que hai que protexer, e facendo de autofalante destas ás organizacións relixiosas, tal e como fixeron en Galiza coa Lei de apoio á familia e á convivencia.
Unha lei que non fai distincións entre maternidade e sexualidade, que recupera o rol tradicional da muller para aforrar en servizos sociais, que recorta os nosos dereitos ao impedirnos decidir libre e informadamente sobre a nosa maternidade, un texto repleto de referenzas ideolóxicas ultraconservadoras que aluden de xeito continuado ao dereito á protección da vida que promove desde as institucións que o desenvolvemento persoal pase só pola familia, nunha visión reducionista e retrógrada. Ate o propio Consello Económico e Social de Galicia recoñeceu no propio ditame á norma "o retroceso que conleva nos avances sociais logrados nos dereitos das mulleres, ao recuperar a retórica da familia heterosexual e a maternidade como rol social vital, que na práctica supón voltar ao patriarcado".
Sempre fomos conscientes que a loita pola igualdade ía ter unha dura resposta por parte do machismo e das institucións nas que se oculta. Non podemos permitir que a crise serva de escusa para pór en marcha políticas agresivas contra os dereitos das mulleres. O feminismo segue a verse, especialmente por parte dos sectores máis conservadores, como algo sectario e contra os homes. Calquera acción emancipadora debe conter unha análise, unha crítica e un recoñecemento de que o patriarcado existe, de que vai mudando de cara e de forma, pero resiste e actúa contra todas -e todos- nós.