Por un BNG que mire como as mulleres
A participación social das mulleres, o tempo que as mulleres temos para adicar a colaborar nunha asociación ou organización política estivo sempre entre as preocupacións do movemento feminista.
O nacionalismo galego ten reparado en diversas ocasións nas consecuencias e razóns polas que as mulleres somos máis reticentes a participarmos ou asumirmos responsabilidades políticas. Cuestións educacionais, maior responsabilidade e esixencia social con elas que con eles ou unha deficiente conciliación da vida familiar e laboral, que xa non deixa tempo para o persoal e público, son as razóns esgrimidas pola maioría das mulleres.
Os recortes nos dereitos sociais e servizos públicos, sobre todo vinculados co coidado de crianzas e dependentes que provocará que as mulleres asumamos aqueles traballos que o xa minguado estado social deixe de ofertar, aínda dificultará máis a participación política das mulleres.
Ao desemprego e a precariedade laboral hai que engadirlle o retroceso que para as mulleres supoñen as reformas laborais realizadas polo PP e polo PSOE así como a reforma das pensións. Cando o PSOE e os sindicatos españois CCOO e UGT aprobaron a reforma das pensións, o 75% dos homes que se xubilaron en xaneiro de 2011 tiña os 38 anos e medio cotizados. No caso das mulleres, o 24%.
As consecuencias que as reformas laborais teñen sobre as mulleres e a situación laboral durante o 2011 está moi ben recollido no traballo realizado polo Gabinete Técnico de Economía da CIG "A muller no mercado laboral en Galiza 2011". Os dados deste informe pódennos facer pensar que a participación das mulleres non vaia aumentar, senón todo o contrario.
,Ningún movemento político que queira transformar a realidade pode desatender as problemáticas e preocupacións específicas de máis do 50% do país. Por isto compre que as mulleres que xa participamos activamente no BNG sumemos esforzos para atraer a máis mulleres ao noso proxecto político e para isto temos que introducir o discurso feminista no día a día da organización.
Na Coruña, na que como en moitas outras localidades do país, están arrancando os recén constituídos Consellos Locais, a compañeira responsábel de Acción Feminista propúxonos para traballar temas como (son) a planificación urbanística dos espazos públicos e privados, deseño e mantemento de vías públicas, espazos evitados ou pouco seguros para as mulleres na cidade, a cidade de barrios fronte a cidade dos centros comerciais, transporte público e cidade sustentábel, ou como as mulleres somos as que en maior medida sufrimos unha mobilidade que prioriza o coche privado. Resumíanos a súa proposta cunha frase de Virxinia Woolf que di "As mulleres e os homes vemos o mesmo, pero miramos de forma distinta".
Se queremos que o número de compañeiras aumente, non nos podemos quedar en conmemoracións como son o vindeiro 8 de marzo, senón que no día a día, o BNG ten que ver con ollos de muller, para así poder falar dos problemas que nos afectan. Deste xeito, estou segura que teremos moitas compañeiras que estean dispostas a dar o paso de organizarse no BNG, pois cada día, poderán identificar no noso traballo social e institucional, respostas as súas preocupacións. As nosas compatriotas poderán ver no BNG a outras mulleres coas que compartir preocupacións e solucións cara o futuro.
E para facer isto non podemos perder nin un só segundo. Cando as mulleres do BNG expliquemos as razóns da Folga Xeral do vindeiro 29 de marzo, cando desenvolvamos actividades ao redor do 8 de marzo ou convidemos a compañeiras e compañeiros á Manifestación Nacional que baixo o lema 'Mulleres en loita polos nosos dereitos' percorrerá as rúas de Compostela o domingo 11 de marzo, estaremos construíndo un mundo máis xusto e un país máis libre.