Por un 8 de marzo que dure todo o ano

Por un 8 de marzo que dure todo o ano

Pasou o 8 de marzo. Hai quen pasada esta data deixará aparcada a bandeira da reivindicación até o vindeiro ano. O resto pasaremos a folla no calendario, mais continuaremos alzando á voz contra as discriminacións que, a cotío, sufrimos as mulleres.

Porque o ano 2014 non foi singular. Do mesmo xeito que en anos anteriores, comprobamos que segue a existir desigualdade salarial, a pesares de desempeñar o mesmo traballo, que permanecen as diferenzas nas contías e coberturas nas prestacións de homes e mulleres, que seguemos a ter máis dificultades en atoparmos o primeiro emprego e tamén para conseguirmos outro traballo, que temos máis dificultades para conciliarmos o emprego coas responsabilidades familiares, e que estas recaen maioritariamente en nós, ou que o 75% dos traballos a xornada parcial foron realizados por mulleres.

Son fendas que, ano tras ano, van alongándose e apenas se nivelan ao igualarse cos homes (por abaixo), cun empobrecemento xeneralizado, tras os recortes, a perda de dereitos, e as reformas levadas a cabo polos gobernos, que, aproveitando a crise económica como escusa, empeoraron as condicións de traballo para incrementaren os beneficios do capital.

A pesares das campañas triunfalistas da dereita, empeñadas en amosar o positivo dos datos, o certo é que o 2014 non remata cun descenso do desemprego. Isto é unha tapadeira. Redúcese o desemprego entre as mulleres porque hai menos mulleres. E hai menos mulleres porque estas emigran do país (no último ano contabilizáronse en Galiza 6.800 mulleres menos que no ano 2013), as cales marchan porque a situación sociolaboral é pésima. E nesta radiografía non imos contemplar estatísticas, opinións subxectivas, senón datos contrastados pola Axencia Tributaria. Uns datos que amosan que no ano 2013, 92.839 galegas declararon á Facenda un salario anual de como máximo 1.861 euros (uns 133€ mensuais).

Esta cifra debería sumarse á poboación desempregada e non á ocupada. De ser así, estaríamos a falar dunha taxa de paro feminina do 37%, en vez do 21,7%, co que rematou de media o ano 2014. E por tanto, acadaríamos unha cifra de desempregadas que acadaría as 224.039 galegas, lonxe das 131.200 que estimou a EPA para o ano 2014. Estas cifras son demoledoras, constatan o empobrecemento e a precariedade do emprego en Galiza, lonxe dos datos achegados por organismos oficiais, que pretenden amosar unha imaxe de recuperación e saída da crise.

Onde o goberno do Partido Popular ve brotes verdes, que estimularían o emprego feminino, nós comprobamos o forte medre das desigualdades entre as mulleres (de media no 2013 o salario dunha traballadora pertencente ao intervalo de maiores ingresos é 77 veces superior ao dunha de menores ingresos), cando no 2009 esta relación era de 1 a 62.

Nas campañas institucionais da Xunta de Galiza obvian facer alusión á fenda salarial existente entre homes e mulleres. Novamente imos acreditar os datos coas declaracións que se realizan ante a Axencia Tributaria, e que amosan que os ingresos das mulleres foron o 74,5% do dos homes (unha fenda de preto do 26%, e que no ano 2009 eran do 76,9%.

Unha fenda salarial que seguirá existindo mentres non sexamos quen de rachar cos estereotipos que aínda predominan na estrutura salarial. Porque as mulleres seguimos a ser valoradas de distinto xeito e a nosa carreira profesional é máis lenta. Así, nos sectores nos que as mulleres predominamos, os salarios son máis baixos que naqueles nos que son os homes os que teñen unha presenza maioritaria.


,
Esta discriminación xorde a raíz de distintos factores culturais e históricos que inflúen no xeito en que se fixan os salarios. As competencias e capacidades das mulleres están a miúdo infravaloradas. Hai unha predisposición, baseada no xénero, á hora de avaliar o traballo que realizan homes e mulleres: gaña menos unha caixeira dun supermercado que un home que traballa no almacén do mesmo supermercado ou unha limpadora que un traballador do lixo, por citar tan só dous exemplos.

Noutras ocasións, esta discriminación salarial agóchase a través de pagas extras e complementos salariais arbitrarios, vencellados ao tipo de xornada, sistema de clasificación ou ao rendemento. Este teito de cristal impide que moitas mulleres accedan aos postos mellor retribuídos.

Por outra banda, como as responsabilidades familiares non son compartidas de xeito equitativo, as mulleres interrompemos máis frecuentemente a nosa carreira profesional e temos un maior número de contratos a tempo parcial que os homes. Isto supón que as carreiras profesionais sexan peor remuneradas, o cal repercute nos dereitos de pensión futuras e poden provocar que máis mulleres que homes sufran pobreza tras a xubilación.

Alén da situación laboral, poderíamos encher páxinas cos retrocesos das mulleres: o medre da invisibilidade das políticas de igualdade na esfera pública, redución nos orzamentos na loita contra a violencia machista (pese ao incremento da violencia que sufrimos as mulleres), a sobrecarga dos coidados debida á privatización e precarización dos servizos públicos e á inexistencia da corresponsabilidade (co consecuente deterioro na nosa saúde), a privación dos nosos dereitos sexuais e reprodutivos, o peor acceso e condicións na educación pública, o mantenemento dos roles sexistas en todos os ámbitos da vida ...

Mais non queremos renunciar á orixe da conmemoración. Porque para moitas de nós, o 8 de marzo segue a ser unha data de lembranza da resistencia das mulleres proletarias, das mulleres das clases oprimidas e explotadas en todo o mundo. Para nós esta confrontación, esta loita é ideolóxica, é política, é revolucionaria.

Sen deixar á marxe a necesidade de denunciarmos a opresión que todas as mulleres sofren nalgún momento das súas vidas, polo mero feito de selo, repudiamos e denunciamos a apropiación desta data do calendario por parte de quen ataca frontalmente os nosos dereitos, de quen usurpa a súa orixe e mesmo pretende sacarlle rendemento con fines comerciais.

Para moitas de nós, a confrontación contra este sistema capitalista, patriarcal e antigalego, que xera fame, miseria, desemprego e desarraigo, segue vixente, os 364 días que acompañan ao 8 de marzo. Mais segue a ser necesario que, polo menos unha vez ao ano, se visibilice e se ofrezan altofalantes, en todos os lugares do mundo, para espallar o berro común e as reivindicacións a prol dos nosos dereitos. Antes desa data, durante e despois, seguimos a mobilizarnos polo emprego, contra a precariedade laboral, a desigualdade salarial, a temporalidade, o desmantelamento do estado de benestar, reivindicando un reparto igualitario das responsabilidades do coidado, esixindo que os nosos dereitos sociais, laborais, sexuais e reprodutivos non se vexan limitados por cuestións eleitoralistas e ideolóxicas, porque a loita polos nosos dereitos segue máis vixente ca nunca.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.