Por que o BNG mantén a alcaldía de Pontevedra?

Por que o BNG mantén a alcaldía de Pontevedra?

Leva anos estendéndose dentro do BNG a idea de que as vantaxes de ter goberno son tan, tan elevadas, tan decisivas, que, na práctica, chegou a funcionar a identificación "goberno igual a única maneira de facer política de verdade". Dúas orixes ten esta crenza: mediante un siloxismo falso, interpretouse que a carencia de goberno limitaba as posibilidades de penetración social do xeneroso activismo que despregou o nacionalismo durante lustros. Por outra banda, os que nunca acreditaron no activismo ou desertaron del, aproveitaron para reforzar a "gobernite" até o paroxismo. Poderiamos resumir estas dúas posicións como "goberno para chegar a sociedade desde el" e "integrarnos no sistema desde o reparto do poder".

Nos dous casos, hai unha suposición de fondo: desde o goberno é moito máis doado facer política e ampliar a nosa base social e electoral, e, por suposto, manterse no propio goberno. Esta crenza, converteuse nun acto de fe sen contraste, nunha verdade absoluta e, os que ousamos discrepar deste axioma, éramos vistos como bichos raros. De nada servía argumentar que era preferíbel ter un 40% de apoios populares e estar na oposición que un 20% e ter o goberno; que de ser certa a hipótese de que estar no goberno ampliaba os apoios, as outras forzas políticas, duchas no manexo dos resortes do poder, perpetuaríanse no goberno; que Fraga repetiu 16 anos non porque tivese o poder senón porque o PP tiña unha base social enorme; ídem do PNV ou CIU, etc. A resposta sempre era a mesma: é que non queredes estar no goberno?; entón por que estades gobernando en Pontevedra?

As hipóteses políticas falsas, sen correspondencia obxectiva, adoitan ser castigadas con dureza pola realidade. Zapatero negou a crise económica e o trompazo é dos que fan época; o BNG acreditou que estando no goberno ía medrar como nunca en apoios electorais e baixou a cotas bastantes baixas.

Hoxe, despois das experiencias de Vigo e Ferrol no 99-03 e da Xunta no 05-09, prefiro pensar que a opinión dentro do BNG variou bastante. Xa resulta obvio que ter o goberno non é garante de nada, que só é unha das posíbeis situacións e, ao igual que a oposición, segundo como se actúe pode resultar un trampolín ou unha rémora.

Sintomático resulta o feito de que nunha cidade con sona de ser bastante conservadora e antigalega, como é Pontevedra, e con un BNG local que nunca acreditou que o goberno sexa, en abstracto, mellor plataforma que a oposición para facer política, crear conciencia e aumentar apoios, sexa o único goberno que o BNG foi quen de manter coa Alcaldía. Paradoxal que a baixada do 2007 se debese en boa parte a que Pontevedra non foi inmune á virulenta epidemia de "gobernite" que asolaba o BNG, esquecendo un tanto os principios e estilo político que tan bo resultado nos tiñan dado, tanto na oposición como no goberno.

Escribía hai anos no voceiro nacional do BNG que a nosa organización actuaba en Pontevedra á ofensiva, sen complexos, sen timoratismos, con decisión, con introdución social pero sen renunciar a ningún dos seus principios, con criterio propio, sen deixarse secundarizar por ninguén.

As razóns de sermos quen de actuar deste xeito resumiríaas nas seguintes:

1. Somos unha organización política, non unha ONG nin unha empresa de xestión; polo tanto, política e máis política; as demais funcións sempre subordinadas á política. As responsabilidades orgánicas e os cargos públicos escollidos única e exclusivamente pola súa cualificación política e por criterios políticos.

2. Proxecto e programa político local ben definidos nas súas liñas mestras. Isto permite reaccionar con clareza ante as variantes situacións e, ademais, transmite unha imaxe de coherencia, básica para unha forza política como a nosa a que a sociedade galega non lle tolera a indefinición nin os vaivéns.

3. Ritmo e presenza. En política ás veces tardar semanas en "entrar" nun asunto pode ser pouco tempo e outras veces deixar pasar unhas horas pode ser unha eternidade que te coloca moi mal, criando un problema onde debía ser un punto forte teu. Avaliar politicamente de xeito continuo as situacións, tanto de fondo como puntuais, é a única maneira de acadar o desexado ritmo e a axeitada presenza pública.

4. Prioridades claras, definidas e ben transmitidas: non todo ten a mesma importancia nin é posíbel atender a todo. Facer política é priorizar, gobernar é priorizar, facer oposición é priorizar; o difícil é facelo de verdade. Priorizar de verdade é relegar, conxelar, postergar asuntos ou temas en aras de centrar as enerxías nos que se elixiron colectivamente como prioritarios. Cando o funcionamento colectivo non é o correcto por falla de coordinación, personalismos, etc, a fixación de obxectivos prioritarios devén imposíbel e a acción política dispérsase na indefinición e na atonía.

Remato cunha síntese perfecta que fixo unha compañeira no verán do 2002, cando o nivel de agresividade externa, interna (si, interna) e mediopensionista contra o noso goberno de Pontevedra era abafante: "Estamos, estades no goberno para facer o que temos definido. Isto é o que temos que seguir facendo; se á xente lle gusta, votaranos outra vez; se non, para que fagades o mesmo que os outros, que voten aos outros e ímonos á oposición coa cabeza alta, pois ninguén poderá dicir que o enganamos. Estades facendo o que dixemos que iamos facer". Uns meses despois o BNG acadou o récord histórico de votación nunha cidade.

Seguirá o BNG na Alcaldía de Pontevedra? Se a conservamos outra vez, hipótese máis probábel a día de hoxe, non así hai un ano, non será polas supostas facilidades que nos dá o estar no goberno, será porque o proxecto político do BNG ten o aval suficiente, ao igual que o tivo cando estabamos na oposición; se a perdemos, posibilidade real, non será porque non queiramos estar no goberno, se non pola redución de apoios ao noso proxecto.

O anterior pode parecer unha simpleza pero prolixas disertacións e camiños oblicuos hai de sobra quen faga; o noso é centrar ben, con clareza e simplicidade, a liña política e traballar arreo. Son moderadamente optimista, precisamente pola capacidade que detecto de centrar ben, claro e simple; as dificultades obxectivas son enormes pero o camiño está ben trazado.