Politicemos
Estes días mentres pensaba o tema sobre o que escribir o meu artigo mensual para o Terra e Tempo caeu nas miñas mans a referencia a unha intervención realizada hai uns días por Álvaro García Linera, actual Vicepresidente de Bolivia, intervención na que entre outras cuestións dicía “se redistribuímos a riqueza sen politización social, teremos creado clase media pero con sentido común conservador”. É probábel que quen lea isto solte algo semellante a “pois ese boliviano descubriu a pólvora”, é ben certo que o contido desa frase non é novo e que politizar considerouse sempre un dos obxectivos básicos de quen busque un cambio transformador na sociedade, e non digamos de quen busque unha transformación revolucionaria. Pero sendo certo o anterior, non o é menos que demasiadas veces ese labor tan necesario déixase de lado diante da “necesidade” de responder ao que se considera máis urxente ou máis útil.
O pasado mes celebrouse o XIV Congreso do noso partido, nun momento moi complexo para Galiza e para o nacionalismo no seu conxunto. Non pechamos os ollos diante do devalo electoral do BNG nos últimos tempos, un feito grave sobre todo tendo en conta que na política actual os resultados electorais son considerados pola maioría da sociedade, e tamén pola maior parte da militancia nacionalista, como fin máis que como instrumento para acadar un fin. Un feito grave porque o noso devalo electoral ademais de permitir o avance de outras opcións é síntoma dun problema máis importante, o retroceso no nivel de conciencia nacional.
Diante desta situación un dos retos que nos marcamos no XIV Congreso foi o de POLITIZAR, e póñoo en maiúsculas porque entendo que debemos facelo así, enfrontando as mentiras que emprega o adversario para descalificar as nosas posicións; mentiras como chamarnos “esencialistas” e acusarnos de “inmobilistas” e de non querer dar resposta ás necesidades dunha sociedade que nos últimos anos perdeu moitos dereitos sociais e nalgúns casos está a pasar por situacións de penuria que non se lembraban no noso país.
Nos últimos cincuenta anos non houbo conflito máis ou menos importante en Galiza no que non estivera presente o nacionalismo, hoxe seguimos sendo motor de moitas das reivindicacións sociais e sindicais, iso é algo que nin os nosos adversarios se atreven a negar. A realidade do día a día bota por terra as súas mentiras, de sermos eses “esencialistas” nin existiría un sindicalismo nacional e de clase, nin un movemento estudantil, nin unha multitude de organizacións que tentan dar resposta a problemas concretos do presente e teñen vontade de construír unha Galiza Soberana. Como recollemos na tese aprobada no XIV Congreso “os máis graves problemas padecidos polo povo galego (emigración, retroceso demográfico, grave taxa de desemprego apesar da menor poboación activa relativa, a baixa taxa de ocupación ou emprego, o agudo devalar cuantitativo e cualitativo dos nosos sectores produtivos, falta de agricultura, espolio do aforro e dos recursos enerxéticos e mineiros, industria de enclave e en retroceso....) teñen como causa a dependencia do Estado español, agora alargada coa da UE. O dominio político sobre a Galiza reforza o dominio económico, con grave repercusión no cultural, no lingüístico e na ideoloxía.”
O que dicimos non é novo pero si é novo o marco social no que desenvolvemos a nosa loita nos últimos anos, e na miña opinión tardamos un pouco en decatarnos de que a actual crise que se di económica é moito máis, pois ten producindo en pouco tempo importantes mutacións sociais que levan a amplos sectores das nosas clases populares a ser incapaces de vincular a solución ao problema concreto coa necesidade de artellar unha alternativa política soberana.
Os recortes en sanidade, en educación ou en servizos sociais non son debidos a que haxa malas persoas nos gobernos, senón a que hai unha ideoloxía que defende eses recortes. O trato discriminatorio á nosa pesca ou ao noso sector leiteiro non se deben a que nos teñan manía, senón a que Galiza non ten peso político. Que os salarios da clase traballadora galega e as pensións sexan moi inferiores á media estatal non se debe a que sexamos uns lacazáns, senón a que non temos capacidade para desenvolver unha economía en función da nosa realidade. Falar de todo isto é politizar, dedicar tempo a isto é sementar para o futuro.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.