Políticas de escarnio e maldicer. A tentación populista
Na anterior colaboración referiámonos aos perigos que corriamos, como forza nacionalista, de sermos homologados ás demais, tras experiencias de goberno e polos efectos de certas campañas mediáticas. Noutros momentos os desgastes proveñen da demonización ante a opinión pública polo suposto "exceso" de radicalización. Non han de faltarnos tentativas dun ou doutro signo, dependendo das circunstancias, porque -como todos ben sabemos- o nacionalismo é a forza que máis cuestiona e se considera máis perigosa para o sistema establecido.
Se no anterior artigo nos ocupamos da maledicencia proveniente das ententes de poderes económicos e mediáticos, imos nesta ocasión referirnos á mesma como arma política ao servizo das organizacións e partidos, que instrumentalizan, recrean e potencian mesmo os peores estereotipos instalados na mentalidade das clases populares en beneficio político propio. E tamén cómpre analizarmos, ben sexa de pasada, as nosas vacilacións e debilidades cando incorremos en prácticas e modos políticos similares e caemos na tentación de usarmos "as mesmas armas" e "pagarmos coa mesma moeda" dos nosos adversarios. Formas de facer populismo, no peor dos sentidos do termo, que tamén nos sitúan á altura dos demais (e nos rebaixan!) e que son pouco enriquecedoras e pedagóxicas para a organización e para producirmos os necesarios cambios no pobo.
Enunciado así, todo soa moi xenérico e abstracto; imos pois baixar ao terreo dos exemplos ilustrativos, do concreto. Partimos, especialmente no primeiro caso, da nosa experiencia na política municipal nun cogoberno ao longo de dous mandatos, 1999-2007. Fagamos a salvidade, dito sexa de paso, de que non é equiparábel quizais a experiencia que se poida vivir nun Concello pequeno e vilego duns nove mil habitantes (Pontedeume), como é o caso, coa das cidades ou pequenos concellos rurais. Mais as crónicas municipais seguramente estarán inzadas de episodios moi parecidos aos que imos reproducir resumidamente.
Partíndomos da certeza de que un cargo público ha de mentalizarse de que, na súa vida diaria, vai estar exposto a todo tipo de críticas e de ataques e que non se vai diferenciar a súa vida pública da privada, é xusto tamén recoñecermos, por moita coiraza que teñamos, que custa ben traballo aceptar as mentiras, as difamacións, as calumnias e ter que cargarmos a miúdo con responsabilidades que nos son alleas. E cando a rumoroloxía, a maledicencia e o escarnio se poñen en marcha por parte de alguén, xa podemos botarnos a tremer, xa podemos intentar frear os ataques con desmentidos e aclaracións; o mal queda feito en boa medida. Nós convivimos con forzas políticas locais, supostamente independentes, e con entidades sociais que practicaban un populismo rastreiro, do todo vale para o acoso e derrubo. Estas organizacións acostuman facerlle o "traballo suxo" ao Partido Popular, que despois chega no momento oportuno e se fai con todo o beneficio. O resultado último é que mesmo estas forzas acaban disolvéndose e os seus membros máis significados caendo nos tentadores abrazos do PP, que é o que estamos a ver en máis dun caso.
Na memoria dos militantes nacionalistas da localidade en que vivo aínda non se apagou o recordo das formas de actuación dunha agrupación política independente que practicou o localismo máis rancio e o embrutecemento da política. En paralelo ao fenómeno en alza do deportivismo coruñesista (contra o que nada temos!) arredor do ano dous mil, converteron a política nunha especie de xogo de hoolligans con consignas que chegaron a ter mesmo un certo pouso xenófobo. Nun "parte informativo" ou "folla parroquial" que sacaban á opinión pública ao Portavoz municipal do BNG dirixíanse como "El pontevedrés Manuel Rei" (en clave futbolística igual a "portugués"). Aos cargos con dedicación exclusiva (que condenaban, en certa maneira) chamábanlle na citada folla "asalariados políticos", facendo figurar o soldo bruto e cualificándoos de "soldos de ministros", cando en realidade era o equivalente a un profesor de Secundaria. Por certo, no boca a boca da rúa facían circular termos máis crus e hiperbólicos: estabamos no Concello "roubando", eramos "corruptos", etc. Para o Concello só debían traballar as empresas da localidade; os traballadores non debían ser veciños/as doutros Concellos... Poñían en solfa a nosa cultura e lingua constantemente e burlábanse con rexouba de calquera mostra de solidariedade internacionalista, facendo gala dese localismo ramplón. Nun deses boletíns, logo de aprobarse no Concello unha moción do BNG sobre Timor Leste, dirixíanse a nós con esta ironía: "esperamos noticias del BNG para conocer la situación actual de Timor Leste, que a ellos tanto les preocupa". En termos similares podían manifestarse se se tratar de Palestina ou do pobo saharauí. Protestaban contra as galecolas que consideraban "centros de adoctrinamiento", que se pagaban co diñeiro de todos. Doaban xenerosamente á Igrexa da Vila a metade da subvención anual que o Concello destinaba a gastos dos Grupos municipais e o cura párroco pagáballo en favores mesmo desde o púlpito. E así para adiante...
Dun modo tal que a ideoloxía e os principios acababan convertidos en letra de comparsa de entroido e a política nunha carnavalada para escarnecer cargos públicos, que o mesmo pobo aplaudía. Por aquel tempo chegou tamén a "febre dos blogs" que, como non, habían de ser abertos, transparentes e libres de filtros ou de control. O ideal de "cada cidadán un reporteiro" semellaba próximo, mais aínda era pura utopía... A batalla que se librou nos comentarios do blog do BNG da nosa localidade foi tal, entre acusacións e aclaracións, que acadou a categoría de fenómeno de fabulación digno de estudo (creo que, a día de hoxe, por desgraza, o fenómeno está bastante xeneralizado). Por certo, un mozo, que se achegara había pouco a militar no BNG, díxonos un día asombrado:
- Isto parece política de escarnio e maldicer máis que outra cousa!
Fenómeno digno de estudo tamén pola perturbación e desasosego que chegou a sufrir a propia afiliación, preocupada polos efectos destes ataques, pola necesidade ou non de combatelos. Mais aínda nos mellores e máis coordenados intentos de contrarrestar estas ofensivas, teño que confesar unha certa frustración ou sensación de que todo o que se dixera en defensa propia carecía de eficacia; o mal quedaba feito... Malia todo eu son dos que pensa que se debe contestar a todo e aclarar todo aquilo que nos afecte, polos medios ao noso dispor. As voces máis sensatas da organización e tamén a xente mellor intencionada aconsellaba non facer caso e seguir practicando a nosa política, tanto nas formas como nos contidos e non deixarnos arrastrar por resentimentos.
Con localismos e populismo, Galiza non ten futuro. Exemplos de xeneralización da vulgaridade en política, dun localismo exacerbado ou do que se ten chamado "populismo rastreiro" vén practicándoos o PP mesmo cos grandes temas deste país. Di estar máis preocupado que ninguén por sintonizar cos problemas e preocupacións do pobo, di defender os intereses do pobo mellor que ninguén, enxalza o pobo como depositario do summum das virtudes (o pobo galego é intelixente, non se deixa arrastrar por aventureiros radicais, é precavido e prudente...). Para nós, facer política e asumir responsabilidades públicas, é aspirarmos a transformar a realidade en que vivimos, incluso a conciencia como tal do pobo, non conformarnos con nos amoldar ao establecido. Todo o que fagamos en política, ao servizo das clases populares, é para transformar/mellorar o seu status; fundirse co pobo e sentir as súas preocupacións, como dixera Castelao, mais non confundirse e coidar que cumpriu a meta e vive nunha situación ideal. Asumirmos responsabilidades e facermos as políticas de servizo ao pobo supón unha identificación con este e cos seus intereses, mais tamén un pedagóxico distanciamento que marque o camiño a seguir en todo (na lingua que usamos e na corrección da mesma, na nosa conducta...)
Mais nós tamén, ás veces, caemos en localismos e en populismos que non teñen xustificación posíbel nunha organización como a nosa e deturpan a nosa liña política. Sería excesivo pórse a detallalo aquí; por iso prefiro deixalo para outra ocasión. Porén non quería rematar sen deixar ben claro que debemos contribuír coa nosa práctica a que a política sexa algo honesto e que se exerce con dignidade e con principios. Non contribuírmos a que impere a maledicencia, o localismo, a lei da selva e do máis forte. Non rebaixarnos a argumentacións políticas populistas e estereotipadas que xeneralizan a condena da actividade política, algo que favorece as alternativas máis reaccionarias. Como práctica cotiá, non sementar o infundio ou as sospeitas gratuítas, a esaxeración. Incluso en moitos casos, non deixa de ser un labor ingrato para quen a practica- mesmo persoas doutras ideoloxías-, ás veces pouco remunerada; non se deixa de estar sometido a escrutinio constante. Non é de estrañar, e máis nos tempos que corren que, para alén das persoas máis conscientes, sexa moi difícil involucrar xente en responsabilidades de goberno ou partidarias.