Política do Partido Popular para o medio rural: despoboamento e enfrontamento entre os diversos sectores.

Política do Partido Popular para o medio rural: despoboamento e enfrontamento entre os diversos sectores.
A política do Partido Popular respecto ao medio rural, ten un obxectivo claro: o seu despoboamento. Mais non o fai porque sexan inútiles politicamente falando. Fano porque forma parte da súa estratexia para a nosa nación. Saben moi ben que nun medio rural despoboado, nun medio rural sen veciñanza organizada, o medio rural convértese nun amplo campo libre para que nel se instalen proxectos agresivos social e medioambientalmente, e proxectos para beneficio das elites da sociedade (megaminarias, cultivos enerxéticos, forestación de terras agrarias, campos de golf, urbanizacións...). Sabe moi ben o Partido Popular, que sen veciñanza no medio rural, todos estes proxectos agresivos terán vía libre xa que nin sequera haberá unhas cantas mans que ergan unha pancarta denunciando esta agresión

Sen entrar a debater o grado de organización, no medio rural galego as entidades organizativas que existen, a día de hoxe, son as comunidades de montes e as comunidades de traídas de augas. Recentemente, estas dúas entidades organizativas votaron abaixo a instalación dun campo de golf no monte veciñal de Baredo (concello de Baiona). Nestes intres, estas dúas entidades organizativas están loitando para que no monte veciñal de Tameiga (concello de Mos), o Real Club Celta de Vigo, non leve adiante súas instalacións deportivas e un centro comercial. De non existir estas dúas entidades organizativas, estes proxectos agresivos para o medio rural, a día de hoxe, serian unha realidade. Que fai o Partido Popular neste eido? Pois tentar privatizar os montes veciñais para que non existan comunidades de montes e xa que logo, respostas organizadas e colectivas ás agresións ó medio rural.

Nos montes veciñais galegos existen unha chea de usurpacións levadas adiante polas diversas administracións públicas e por entidades de carácter privado. A verdadeira solución sería que unha modificación de lei de montes veciñais, por unha banda, fíxese que as diversas administracións públicas recoñecesen a existencia do monte veciñal e pola outra banda declarase nulas de pleno dereito todas as usurpacións dos montes veciñais en man común levadas adiante en favor de intereses particulares. E ao mesmo tempo, que non permitise a expropiación de mais terras veciñais. Que fai o Partido Popular neste eido?. Pois deixar que as comunidades de montes, se dispoñen de cartos, plantexar preitos pola defensa das súas terras e se non, abandonar as comunidades de montes.

Os montes veciñais en man común son titularidades da veciñanza comuneira. Mais ao mesmo tempo, son (e deben seguir sendo), espazos abertos. E dicir, que das funcións medioambientais e sociais, deben ser beneficiaria a sociedade no seu conxunto. Mesmo aqueles usos sociais, ultimamente en voga e que poden encerrar certos perigos para os que practican (escalada en rocha, bicicleta de montaña…). Agora ben, estes usos sociais do monte veciñal, teñen que contar coa autorización das comunidades de montes e a Administración Publica Galega ten que asegurar que nas comunidades de montes non recaían responsabilidades civís e penais polos lamentábeis percances que poidan acontecer nestes novos usos sociais do monte veciñal. O señor conselleiro de Medio Rural ten esta proposta enriba da súa mesa, mais que fai? Nada, e deixar que se enfronten as comunidades de montes cos usuarios do monte veciñal, obrigando as primeiras a que pechen as súas terras comunitarias. Pechar os montes veciñais en man común e favorecer ós inimigos dos mesmos.

E o mesmo acontece se falamos da fauna salvaxe. É certo que a fauna salvaxe provoca danos nas explotacións agrogandeiras e nos aproveitamentos do monte. Mais tamén é certo que esta problemática ten as raíces no despoboamento do medio rural e no peche das explotacións. A alternativa e esta situación, pasaría porque a Consellaría do medio rural, contando coa participación de todos os sectores implicados, elaborase un plano de xestión integral da fauna salvaxe que contemplase a existencia real da mesma, medidas políticas para sustento alimentario da fauna salvaxe, medidas preventivas para evitar danos nos aproveitamentos e no caso de danos, resarcimento inmediato dos mesmos. Mais, que fai a Consellaría do medio rural? Bascular a solución nas batidas (as mais das veces, indiscriminadas) e xa que logo, enfrontando a titulares das explotacións, comunidades de montes, grupos medioambientalistas e animalistas.

Esta política de enfrontamento dos sectores que aínda perviven no medio rural está perfectamente planificada polo Partido Popular para desertizar o medio rural. As persoas dos diversos sectores que aínda perviven no medio rural, ante esta política devastadora, temos que ter altura de miras. Temos que tecer alianzas para parar está desfeita do medio rural. Logo, as contradicións que se poidan dar entre os distintos sectores, terémolas que ir resolvendo con dialogo e co norte da defensa dos intereses comúns .