Política 2.0


Do escaparate estático que supuña a web 1.0 pasouse á interactividade da 2.0 coa irrupción das redes sociais e o cambio no fluxo de información e de datos. Dun fluxo de emisor a receptor pásase a outro bidireccional onde o receptor convértese tamén en emisor. Iso supón unha notable ferramenta para o traballo social da que unha organización política comprometida ten que obter o máximo rendemento utilizándoa de xeito acaido.

Non se pretende afirmar que o cibertraballo substitúa ao imprescindíbel contacto humano como os críticos da rede opinan argumentando sobre un hipotético illamento persoal na soidade pechada fronte a un terminal informático. Máis ben, e como se ten demostrado, as tecnoloxías supoñen un pulo ás relacións persoais incrementándoas e posibilitando a interconexión de persoas con inquietudes compartidas o que da orixe, en moitas ocasións, a movementos sociais de loita por uns intereses comúns.

E é que a rede ten unha característica que a fai extremadamente útil aínda que ao mesmo tempo perigosa, e esta é o efecto multiplicador. Equivócase o que entende que mediante os recursos electrónicos solo se pode chegar a un grupo máis ou menos reducido de persoas. Estes receptores das mensaxes ben construídas e argumentadas convértense a súa vez en elementos transmisores xa sexa pola rede ou nas súas relacións de amizade, familiares ou de traballo. O perigo ven de que unha mala actuación ou unha mensaxe negativa ve así mesmo multiplicado o seu efecto.

,A recente creación da rede de ciberbloqueiros para as pasadas eleccións locais demostrou que a organización entendeu perfectamente a importancia da actuación neste eido. O que era unha novidade e unha oportunidade ao principio pasou a ser unha actuación imprescindíbel a día de hoxe. Agora toca crear redes estables en todas as comarcas e unha dinámica de actuación definida e que forme parte do traballo diario no contacto social e o espallamento de ideas e debates.

Segue a ser necesaria a presencia oficial a través das correspondentes webs pero hai que entender que pasaron os tempos de que estas sexan un escaparate onde ofreces os teus "produtos" ou a túa información a quen se aproxime a elas. Agora a clave é que hai que saír a contactar coa xente e iso implica efectivamente webs interactivas ademais de todos os recursos, que medran cada día, que proporcionan as redes sociais e outras ferramentas.

Este entorno deu pé á aparición dunha figura que se está a impoñer como fundamental e que é a estrela dos cursos de formación actuais. Chámase en inglés "community manager" e as súas tarefas son as de estender polas redes sociais e demais recursos as mensaxes e ideas dunha organización política, institucional ou comercial. Trátase pois da persoa responsable de soster e acrecentar as relacións da organización coa sociedade en xeral, grazas ao seu coñecemento das necesidades e planeamentos estratéxicos da organización e os intereses das persoas a quen se dirixe.

Estendendo esa figura aos ciberactivistas estes teñen que saber escoitar e responder, deben ser resolutivos, axitadores, empáticos, asertivos, comprensivos, deben saber traballar en equipo, deben ser lideres e ser capaces de atopar outros lideres, moderadores e incentivadores, accesibles, abertos, defensores da comunidade e transparentes.

A respecto da presenza na rede, ademais da organización deben participar non só os cargos electos en diferentes gobernos e parlamentos, máis tamén as persoas relevantes da organización, así como aqueles que amosen maior actividade e predisposición. Teñen que buscar a naturalidade para integrarse na rede se son recen chegados ou preferiblemente ser presentados por actores xa activos.

Hai que estar pendentes para neutralizar os ataques frontais ou persoais e no caso de conflito buscar e amosar o apoio dos máis próximos, desmentir acusacións con datos contrastados, argumentar con contundencia e como último recurso ofrecerse a aclarar en persoa calquera dúbida.

Unha vez que se decide a presenza na rede esta debe ter as frecuencias maiores posibles emitindo contido novo en forma de comentarios breves sobre cuestións de actualidade, definindo a relación co seu entorno local. Os actores deben de ser vistos compartindo contidos entre si e agregando comentarios positivos e de camaradería entre eles. Hai que coidar ademais que as interlocucións se fagan nun estilo próximo e persoal, evitando a sensación de estar dando un mitin, pero aproveitando que hai xente para deixalas caer. Non se debe prescindir da importante ferramenta de comunicación que é o humor reproducindo contidos lúdicos ou interpretacións humorísticas de feitos cotiáns con transfundo político.

É importante facer notar que o uso ocasional é percibido como unha mostra de descoñecemento, unha falta de profesionalidade e un oportunismo. A rede está chea de webs e perfís de políticos que son abandonadas unha vez rematadas as eleccións. O internauta activo é critico, gústalle dialogar e debater e é un hábil multiplicador da mensaxe. Si se sente ninguneado o fará saber a un par de centenares de persoas e estas a outras tantas. Tamén hai que comentar que as mensaxes negativas son moi contraproducentes, deben de ser positivas evitando sempre o enfrontamento directo.

Importante é darse conta da diferenza entre poñer a disposición na web documentos, programas sectoriais, actuacións, comentarios de actualidade, tomas de postura, labor de oposición e notas de prensa e espallar todo elo pola rede achegándoo aos usuarios. Esa é a diferenza, importante, que ofrece o 2.0.

Non nos imos deter en describir os distintos medios e redes sociais existentes, xa que son de sobra coñecidos. A intención foi a de intentar definir unhas pautas de actuación que fagan que as mensaxes cheguen e sexan percibidas favorablemente e incluso seren lazos emocionais a través das interaccións. O que hoxe se constrúe segue en pé mañá si se alimenta correctamente e o efecto viral fará que os indicadores medren de xeito exponencial. O contido ten que viaxar onde está a xente.

Por último hai que subliñar un grave perigo que é o da sectorización. Cada vez lemos menos medios impresos, circunstancia máis evidente nas novas xeracións que xa nin se achegan aos quioscos, e todos tendemos a informarnos exclusivamente a través de medios afíns a nosa ideoloxía que atopamos na rede. Hai que ser conscientes que iso nos pode afastar da realidade. É preciso ler todo tipo de medios, os acordes co noso pensamento e os que non o están, non solo para estar ao dia de todas as opinións e formarse un estado das cousas máis próximo á realidade, senón tamén para poder rebatelas. Ademais, actuar en medios alleos a nosa ideoloxía permitira comunicar mensaxes en lugares adversos e mesmo defender a nosa postura e saír ao paso de afirmacións erróneas cando non descaradamente terxiversadas.