Policía, tribunais e cárcere para curar as desigualdades sociais
A menos Estado social e económico, máis Estado policial e penal. As teses de Loïc Wacquant comezarán a ser aplicábeis ao Estado español, onde o PP está a desmantelar cada día o xa de por si cativo Estado de benestar e está a implantar medidas ao ditado dos poderes financeiros e das elites bancarias, mentres as maiorías sociais se empobrecen. O que ficaba de Estado de benestar reduce o seu eido de actuación, mentres o PP exprime os orzamentos até deixalos sen polpa. Iso si, o gasto militar non sofre como o social. Á vez, fai uso do asedio administrativo ao multiplicar as trabas burocrácticas para desmoralizar e eliminar beneficiarios das axudas sociais.
Comézase, así, con este libre xogo do capital, a estabelecer unha ditadura dos mercados. Neste proceso de desregulamento social, de sangría do desemprego e do colectivo de working poors, o PP anunciou unha nova reforma do Código Penal para criminalizar as protestas sociais e para criminalizar a pobreza. Como conter a maré de familias e persoas que non chegan a fin de mes, dos mozas e mozos desesperados que non atopan emprego? Coa forza, así o entende o ultraconservadorismo.
O neoliberalismo, políticas ultrarepresivas e o afortalemento do Estado penal van da man. E é que o retroceso da protección social convértese á vez nun instrumento de vixilancia. Así é que dentro duns meses estaremos fartas e fartos dun obsesivo dereito á seguridade para xustificar o control permanente das autoridades ao que estaremos sometidas e sometidos. Non é nada novo. Temos o exemplo paradigmático dos Estados Unidos onde a desregulación da economía e a erradicación da axuda social foron acompañados dun esaxerado desenvolvemento do sistema carcerario para “limpar” da rúa as persoas máis pobres, co fin de finxir que a pobreza non existe. Basicamente, daráselle un tratamento penal a problemas que até agora dependían da política social. E os problemas sociais e a desigualdade crecente que vivimos acotío nas rúas dos nosos barrios non se tratan nin con policía, nin con tribunais, nin coa cadea. A desigualdade social non é criminalidade, por iso non se cura con vendas transformadas nun sistema xudicial penal.
Puidemos asistir aos ensaios deste pre-Estado penal coa represión sufrida por “perigosas e perigosos criminais” que se manifestaron en Valencia contra os recortes no ensino público, coas detencións posteriores á folga xeral ou coa morte dun mozo a consecuencia do impacto dunha pelota de goma disparada pola Ertzaintza. A clave está na criminalización e en xerar unha falsa sensación de inseguridade para poder fechar con balas as bocas que protestan. Xa o advertiu o ministro do Interior ao declarar que “hay que robustecer la autoridad legítima de quien legítimamente tiene la exclusividad del uso de la fuerza”.
,A entrada en vigor da nova reforma do Código Penal suporá a consideración de delito de pertenza a organización criminal a convocatoria, mediante calquera medio de comunicación, de actos que supoñan unha alteración grave da orde pública, supostamente cunha pena mínima de dous anos (pena maior que a aplicábel a casos como o acoso sexual ou o tráfico de influencias). Porén, cómpre lembrar que o Estado español é dun dos que contan cunha menor taxa de criminalidade da Unión Europea e que paradoxalmente é o segundo Estado con maior número de xente presa por habitante. As cifras dispararanse co novo Código Penal. Todo por amedrentar e reprimir futuras mobilizacións. Mais non é nada novo se botamos a ollada atrás e recuperamos a criminalización de movementos e colectivos sociais, o feche de Egunkaria ou a ilegalización de formacións políticas.
A reforma do Código Penal non vai calar as voces contra o que representan verdadeiros actos vandálicos. Porque a verdadeira agresión, os verdadeiros insultos e a verdadeira destrución son as que provocan medidas a reforma laboral propia do século XIX, os recortes aos servizos públicos e ao ensino e á sanidade, o mantemento dos privilexios á Igrexa, a amnistía fiscal para os defraudadores, o recorte en políticas contra a violencia de xénero, a conxelación do salario mínimo interprofesional, a diminución do poder adquisitivo dos pensionistas e das rendas do traballo, ou a privatización dos servizos sociais. Quen nos defende ás maiorías sociais contra estes ataques? Teremos que defender nós mesmos os dereitos sociais conquistados. Na rúa, sen violencia e tamén sen a represión dun Estado penal.
-----------------------------------------------------------------
[NOTA EDITORIAL.- A responsábel editorial desta publicación dixital, Terra e Tempo, recorda que as valoracións e opinións contidas nos artigos das colaboradoras e colaboradores habituais recaen integramente no ámbito da responsabilidade delas e deles. A directiva non asume como propias máis que as afirmacións do "Editorial" ou de "Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez" que, con este nome, se publica á cabeza dos artigos do día. Tendo comprobado como é moi elevado o número de lecturas e comentarios dalgúns artigos -cousa que nos honra, naturalmente-, asistimos igualmente a unha utilización espuria da opinión dalgúns colaboradores, facéndoa extensiva á Fundación Bautista Álvarez ou á Unión do Povo Galego, partido que non ten responsabilidade sobre este dixital que edita a Fundación. Insistimos, por isto, en como o dixital Terra e Tempo, respeitando a liberdade de expresión dos seus colaboradores, non fai súas en absoluto as aprezacións particulares, sobre calquera tema, dos mesmos. Reservámonos, claro está, como en calquer publicación similar, o dereito de inserimento dos comentarios que cada artigo merecer, pois non damos nin daremos cabida a aqueles que conteñan insultos ou resulten difamantes ou inxuriantes para persoas, institucións ou organizacións.]
-----------------------------------------------------------------