Podo falar no meu [gallego]?

Podo falar no meu [gallego]?
A pasada semana, no meu labor profesional como avogado da CIG topeime, nun xuizo, cun cidadán que, nada máis sentar frente á Súa Señoría para lle ser tomada declaración como testemuña, formulou esa pregunta á maxistrada.

"Podo falar no meu 'gallego´?" espetoulle á maxistrada, flanqueada esta pola bandeira da metrópole imperial e pola bandeira que nos recoñece apenas como unha comunidade autónomo-gastronómica. A Súa Señoría, nunha actitude que a honra e que dista de ser habitual nos representantes do Poder Xudicial, explicoulle a este cidadán os seus dereitos lingüísticos e alí morreo o conto. Porén, ante tal situación, eu dei en cavilar sobre o grao de servilismo, de resignación, de complexo de inferioridade e de anormalidade que temos como Povo. Cavilei, en fin, sobre a nosa condición de colonia no eido político, económico, lingüístico, cultural e mesmo psico-social.

Un colonialismo, na estampa que eu presenciei, manifestado en cómo un home pide permiso para poder falar no "seu gallego" -síntoma inequívoco dunha situación de inferioridade da lingua galega, inferioridade xa interiorizada por amplas capas da nosa sociedade-, manifestado tamén en a quén se lle pide permiso -a un representante dun dos "poderes" do Estado español-, en onde pide permiso -nunha sala presidida por un retrato do borbónico Xefe do Estado e ante as bandeiras e símbolos que consagran a "unidade de España"- e, finalmente manifestada a nosa condición colonial nesa interiorización da inferioridade, no feito de asumir que "o seu gallego", se cadra, non fose apropiado para se expresar en tan solemne lugar.

E dei tamén en cavilar, agora que se fala de trilingüismo, de dereitos lingüísticos, de Decretos lingüísticos da liberdade e demáis propaganda, dei en cavilar, como digo, en que nengún, absolutamente nengún cidadán español-falante lle tería preguntado á Súa Señoría "¿Puedo hablar en Español?" e moito menos "¿Puedo hablar en mi español?". Eis a verdadeira realidade lingüística do noso país, malia que a queiran agochar con discursos de laboratorio os dirixentes do españolismo político e social -de esquerdas e de dereitas, "tanto monta monta tanto" mentres sigan a ser españolistas-. Eis a verdadeira realidade social e política na Galiza: Todas as dificultades e cambadelas para as expresións propias e xenuinas da nosa nación e todas as vantaxes para as expresións e proxectos que nos negan como Povo. Este é o guión que pretenden que Galiza interprete, un papel residual e marxinal en todos os planos -comezando por algo tan íntimo e persoal como a fala e o xeito que temos de interrelacionarnos co noso redor- que manteña á nosa sociedade na resignación e na aceptación do marco imposto.

Mais tamén, afortunadamente, hai guionistas que viven e sinten en galego, como tamén hai guión para colocar a Galiza nun outro lugar no mundo. Hai frescura no guión e milleiros de personaxes agardando para interpretar o seu papel. Personaxes que día a día dan vida a ese guión cando se manifestan en defensa da lingua, dos nosos sectores produtivos, contra a deslocalización e na defensa dos postos de traballo na nosa terra ou polo control e xestión desde Galiza dos aforros dos galegos e das galegas. Personaxes que, de seguro, se darán, nos daremos, cita o vindeiro 17 de maio en Santiago de Compostela, convocadas pola Plataforma QUEREMOS GALEGO, para contestar a pregunta que deu lugar a este artigo, homes e mulleres dispostos a falar, a vivir e a sentir no seu galego sen pedir permiso.