Podemos: Non hai salvadores supremos!
Entendida como a capacidade de resistir à tentación de sucumbir aos cantos de serea de quen aínda non demonstrou merecer a nosa simpatía, a desconfianza non deixa de ser unha virtude. Así, calquera que se defina como de esquerdas ou progresista debería desconfiar de entrada dun ‘movemento’ que xorde do nada, sen traballo de base que se lle coñeza (polo menos na Galiza) e que debe a súa subida vertixinosa sobretodo à destreza coa que manexa os medios de comunicación. O fenómeno mediático Podemos vén sendo o equivalente político das estrelas dos concursos televisivos cultivadas na vacua popularidade superficial. Non importa o que se fai: o único que conta é granxear a simpatía d@s espectador@s sexa como for para que griten con frenesí “Ti si que vales!”. A imaxe é todo e, neste caso, a mensaxe é unha peza máis desta imaxe que se pretende proxectar: Son tod@s iguais! A por tod@s!
Non pasa un só día sen que, dun xeito ou dun outro, os dirixentes de Podemos, sobretodo na encarnación do seu gurú mesiánico, irrompan no fogar d@s potenciais votantes através da pequena pantalla. E non só no parte e nas seccións dedicadas à actualidade política, mais tamén nos talk-shows, debates-espectáculos (máis ben espectáculos que debates) e outros programas people, sempre cunha coidadísima posta en escena. O recén estreado Secretario Xeral do Partido ‘Socialista’ español non ía ser menos e tamén tentou a súa sorte cunha experiencia de merchandising populista similar, mais só fixo o bobo (especialidade particular súa).
Séndomos desconfiad@s, convén parar a preguntarnos que partido tiran as cadeas televisivas (algunhas das cais pertencen aos grupos mediáticos máis reaccionarios e ultraconservadores) ao lles manteren sempre abertas as portas dos seus estudios, criando en poucos meses un fenómeno político que seguen a alimentar freneticamente. A Galiza xa serviu de laboratorio de ensaio deste tipo de experimentos onde se cociñan fenómenos políticos in vitro co ascenso apoteósico de AGE, sen nome proprio até poucos días antes das eleicións. E todo grazas à cobertura na imprensa hexemónica cuxo obxectivo non era outro do que varrer o nacionalismo contestatario e logo agardar que o proxecto se fose desinflando (a asfixia mediática sempre axuda) e desmoronando (marcha ao grupo ‘mixto’ de Carmen Iglesias de IU, substituíndo David Fernández Calviño de Anova, e de Chelo Martínez, ex-Anova). Deste xeito, faise máis sitio para que o españolismo poida andar à solta. Todo menos inxenuos, os intereses económicos que hai detrás destes grupos ben saben que a revolución non será televisada e que, a medio ou longo prazo, son eles quen recollerán os froitos desta súa xogadiña que, de momento, semella beneficiar a contestación, porque unha vez canalizado o descontentamento, xa se poderá desmontar do mesmo xeito que foi montado nun principio.
O nome escollido é elocuente, pois di todo sen dicer nada. Lembrando o Yes we can de Obama (Si podemos ocupar o Afeganistán e bombardear o Iraque e a Libia; Si podemos apoiar o terrorismo do Estado sionista…), do mesmo xeito, o Podemos español recusa definirse. Se callar, o que significa non é máis que ‘podemos gañar as eleicións’. E logo que? Que Podemos? Xa Veremos! Esta ambigüidade tanto no nome canto na práctica permítelles pescar votos non apenas à esquerda, mais tamén à direita (6% votantes do PP), cabalgando na onda da lexítima indignación derivada dos escándalos que protagonizan os grandes partidos españois de sempre. Apóstase, pois, en rachar coa alternancia P‘SO’E-PP, mais asegurándose que se todo mudar, todo fique igual, xa que non se cuestiona a permanencia do Estado español. Neste particular, Podemos coincide coas outras ‘novas forzas’ unionistas emerxentes como C’s e UPyD. Seica agora os círculos das nacións sen Estado (e o resto de Podemos?) predican un Estado plurinacional e o direito à autodeterminación (tamén para os «gallegos paletos»?). Mais, à luz dos seus antecedentes, de momento sigo desconfiando: desde o notorio menosprezo de Iglesias para as linguas nacionais, até o absurdo e insólito debate en Vigo sobre o uso do galego como lingua pública, pasando polo uso nos seus cartaces dunha toponimia deformada máis propria de épocas (non tan) pasadas.
Hoxe, a cuestión nacional da emancipación dos pobos asoballados desempeña un papel central na vida política do Estado español. Quéirase ou non –sexamos nacionalistas ou non– a posibilidade dunha Catalunya independente representa a esperanza dunha verdadeira mudanza do actual estado unitario herdado do franquismo. Cal é, exactamente, a posición de Podemos ao respeito? É difícil sabelo, xa que, como de costume, dan unha de cal e outra de area. Por un lado, nos seus documentos recoñecen «o direito dos diferentes pobos da Europa a se constituíren como tais e decidiren democraticamente o seu futuro». O diabo está nos detalles: a que ‘pobo’ se referen? Tamén é difícil sabelo. Nun acto en Barcelona, ao tempo que o xefe supremo recoñece que «a casta española ten insultado os cataláns» e que «defendemos un proceso constituinte para discutir con todos e de todo», evita pronunciarse claramente a favor do referendo, chamando a deixar de lado as bandeiras (léase a senyera) e indicando que non quer que «Catalunya se vaia». Non é de estrañar porque, encanto o nacionalismo galego defende a saída da OTAN por razóns anti-imperialistas, o Pablo Iglesias alega o seu ‘patriotismo’ (enténdase español) como razón para sacar os «militares doutros países do territorio español». E os militares españois no territorio galego, que? Pola súa banda, no entanto, o número tres, Íñigo Errejón, non ten papas na lingua e concorda coa liña do PP ao declarar que «A decisión sobre a cuestión catalá non é apenas catalá, é tamén española». E a independencia do Sahara Ocidental tamén o terán que decidir tod@s os marroquin@s supoño...
Ou se está do lado do pobo, ou non se está. E cando millóns de persoas inundan as rúas de Catalunya para reclamaren non a independencia, mais o simples direito democrático de poderen decidir sobre o seu proprio futuro, a expresión da vontade popular non podería ser máis clara. Afinal, hai algo máis democrático que un referendo popular? Mais Podemos sabe que hai moito en xogo: «Catalunya é unha prioridade para Podem. Sen gañar en Catalunya non se gaña en España», declarou o secretario xeral de Podem Barcelona.
Discrepo co líder de Claro Podemos na Galiza (eleito con 1.810 votos das 19.000 persoas chamadas a votar: unha participación cidadá de 20%!) cando escrebe nunha carta dirixida a Pilar García Negro que «[...] o Bloque precise insistentemente diferenciarse do resto por mor de ser máis galego que os demais.» Non é que precisamos facelo: ser galego e defender os intereses da Galiza é a nosa vocación, a nosa razón de ser. É por iso que o nacionalismo galego sempre estivo do lado d@s nos@s obreir@s, mariñeir@s e labreg@s, e tamén aquel@s que sofren as consecuencias da crise capitalista (funcionari@s, vítimas da estafa das preferentes...). E así seguiremos até que a historia nos der a razón.
Sigo acreditando no principio da auto-organización como única vía para defender os intereses da Galiza, sen que nengunha formación submisa aos ditados e intereses foráneos poida estar verdadeiramente ao servizo dos intereses do noso pobo. Acho que o Sr Riobóo está moi trabucado na súa análise: as persoas si son galegas, sexan do PP, sexan do BNG, mais isto non significa que as organizacións onde militan e nas cales votan tamén así o sexan. Que un/ha galeg@ vote na Falanxe, na UCE ou en UPyD non quer dicer que sexan «tan xenuinamente galega como calquera persoa que estea no BNG». Pode que sexan galeg@s @s que votan en Podemos na Galiza, embora Podemos non deixará de ser español.
Desconfío de Podemos na mesma medida que confío no pobo galego. Que non te deixes enganar: Temos que salvarnos nós mesm@s! Nós si que podemos!!
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.