"Podemos" convivir co ovo da serpe?
Hai pouco máis de tres anos un novel e inquieto investigador en Ciencia Política na Universidade Complutense chamado Íñigo Errejón tivo a boa idea de aproveitar a súa experiencia latinoamericana para escoller a emerxencia do novo discurso político boliviano como tema para súa tese doutoral. O agora ideólogo de Podemos, director da ben sucedida campaña electoral do pasado maio, dedica a súa tese La lucha por la hegemonía en el primer gobierno del MAS en Bolivia (2006 – 2009). Un análisis discursivo ao estudo da centralidade do elemento indíxena na construción dun discurso alternativo ao do neoliberalismo no país suramericano.
O gobernos antiimperialistas liderados por Evo Morales deberían o seu suceso á incorporación do indíxena ao discurso político triunfante. O economista boliviano Óscar Vega, citado por Errejón, mantén que “é o indíxena como o máis profundo para propor o máis novidoso de facer e dicir as cousas comúns da nosa sociedade”. Trátase dunha cosmovisión emerxente desde a base das secularmente explotadas, desprezadas e culturalmente agredidas culturas quechua, aimará ou guaraní, transformadas agora en elementos fundamentais na loita diaria contra o capital e o imperio. É a incorporación do nacional-popular indíxena ao agora hexemónico e revolucionario discurso oficialista. É un éxito sen precedente na historia política do país andino, superador da experiencia histórica da Revolución de 1952, nacionalista e estatalista pero capitaneada por unha clase media urbana e mestiza portadora dun discurso culturalmente homoxeneizante.
Mais a sensibilidade indixenista demostrada polo ideólogo de Izquierda Anticapitalista e Podemos na distante América Latina está lonxe de ser compartida polas súas bases galegas no referido aos elementos culturais e políticos propios do país onde operan. Os datos son teimudos e só fai falta dar unha volta polos documentos na rede da organización para entender que o perfil ideolóxico dos círculos galegos de Podemos non oferece rastro do equivalente galego do indixenismo, que sería cando menos un achegamento respectuoso e activo á tradición galeguista que, como en América Latina, había de servir de base ideolóxica para a conquista da centralidade política.
Nos recursos dos círculos galegos de Podemos na rede as constantes referencias ás ideas clave da formación acaban forxando un discurso identitario máis ben urbanita, nexo de unión das bases galegas coa elite ideolóxica madrileña. Un discurso efectista pero tamén monocorde, que xira en torno aos coñecidos referentes do rexeitamento á casta política e á súa versión do concepto de empoderamento cidadán. Pouca ou ningunha referencia a temas que son tradicionalmente lugares comúns no discurso nacionalista como o descenso poboacional e o abandono do medio rural, a diferenza de pensións, salarios e nivel de vida entre Galiza e España, a alarmante queda do número de persoas galegofalantes e a desigualdade lingüística que padecen incluso aquelas que a aceptan, a morte provocada e planeada das fontes de riqueza e sectores produtivos propios ou a ditadura de facto dos medios de comunicación, controlados até o detalle pola elite económica para desgraza de quen a ela minimamente se opoña.
Mais o máis preocupante entre o conglomerado de mensaxes provenientes dos xa maiormente castelanizados círculos de Podemos en Galiza é a emerxencia desde a base de argumentos marcadamente antigalegos, desenvolvidos principalmente en torno á polémica da lingua. Á aceptación por membros da organización do inmensamente falaz argumento da imposición do idioma galego sobre o español, xa comentado nun artigo anterior, vén de sumarse hai pouco o que desde Ribeira identifica o uso do español como sinal de boa educación e por ende, engadimos nós, o uso do idioma galego como acto de desconsideración ou mala crianza. Vai aí outro ben coñecido demo familiar que representantes galegos da nova formación incorporan sen maior rubor ao seu discurso, sen que nada aparentemente suceda.
Quero salientar a extraordinaria importancia da linguaxe no proceso en marcha da formación de novas identidades políticas en base a novos discursos. O mesmo Pablo Iglesias fía o suceso de Podemos ao feito de seren “capaces de construír unha linguaxe que emocione, mobilice, e traballar con xente de moitos ámbitos, e converter a maioría social que existe na maioría política”. Na realización práctica deste proceso de realiñamento político en Galiza estase a producir dentro de Podemos, quizá inesperadamente, unha duplicidade de discursos con matices de esquizofrenia. Temos un discurso A, que é o dos ideólogos españois como Errejón ou Iglesias, teoricamente sensíbeis aos fenómenos indíxenas ou nacionais, teoricamente respectuosos coa creación de discursos hexemónicos desde a diversidade cultural. E temos un discurso B, o que xorde das bases galegas, completamente desenganchado da problemática nacional e con alarmantes emerxencias de posicionamentos lingüísticos propios da extrema dereita máis castiza. O primeiro dos discursos é para grandes formulacións. O segundo, máis real, é o de andar por casa.
De todo menos inxenuos, opino que os ideólogos madrileños de Podemos deben ser a día de hoxe conscientes das circunstancias que aquí se expoñen, sobre todo se, como parece, se estivesen a replicar noutras zonas do estado con lingua nacional propia e conflito lingüístico en marcha. Ignoro se o consideran un erro no deseño ou se simplemente se trata dunha consecuencia previsíbel da reordenación do terreo político que procuran co obxectivo da proclamada centralidade. Ignoro se, de estar en desacordo, Podemos fará algo por desembarazarse do ovo da serpe que lle comeza a aniñar dentro. Pregúntome se Errejón, Monedero, Iglesias, Echenique e as súas bases galegas valoran como desexábeis para a conformación dun discurso hexemónico outras experiencias pasadas, moi sistémicas, como a do PSOE en Galiza, que conviviu e convive non xa co ovo senón coa serpe vazquista enteira no seu interior. E non lle foi tan mal.