Pode un parador dinamizar o turismo na Costa da Morte?
Decía o noso ilustrado ex-presidente da Xunta, Manoliño, que non hai mal que por ben non veña, e como todos e todas recordaredes corría o ano 2003 cando soltou estas verbas pola boca e un mercante grego enmerdaba toda a costa galega. O mal supoñemos cal foi, o ben aínda estamos a tempo de ir a preguntarllo ao Senado. A cuestión é que deste episodio nº 6 dunha serie interminábel, naceu o famoso “Plan Galicia”, aprobado polo Consello de Ministros o 24 de xaneiro de 2003 no Pazo municipal de María Pita. O que chamaron no seu día o maior investimento da historia na Galiza, non foi máis que un dos moitos panfletos propagandísticos das precampañas electorais para os anuarios dos coleccionistas. 12.459 millóns de euros, nin un máis, nin un menos, eran os que se destinaban “a promover o reequilibrio e a cohesión territorial a través do impulso de novas infraestruturas que sirvan para potenciar o desenvolvemento económico”. Na penúltima folla das seis que compoñían o libriño, no apartado de impulso ao sector turístico, aparecía un novo parador na Costa da Morte, ao que asignaban 24 millóns de euros.
Os concellos comezaron a presentar posíbeis ubicacións do famoso parador, e finalmente recaiu no concello de Muxía, nun dos paraxes virxes da costa, na praia de Lourido, para desgraza de todos nós. E logo comezou a traballar a burocracia, as trabas, os retrasos e as mentiras, que se destinamos só 15 millóns de euros, logo 5, despois custaba 10, que se leva campo de golf, que se non, que se 180.000 € para o concurso, que se o concello gastou 400.000 € na compra dos terreos, que se ganou Alfonso Penela o concurso, que se foi todo un tongo, que se paga a Xunta, que se paga Turespaña, que se hai desbloqueo, que se non…. Unha auténtica desfeita, unha trapallada medieval. En definitiva, que o parador non ten primeira pedra, polo que aínda pode ir un a disfrutar da fermosa paisaxe que nos ofrece a praia de Lourido, e como o director de Turespaña non se quixo mollar nos prazos, porque seica “depende de diversas variables” igual até fin de ano hai tempo. Iso si, finalmente a Xunta paga o proxecto e a dirección de obra, e o Estado o resto, que por suposto nin se sabe nin se saberá.
Dende logo que a instalación dun parador de turismo do estado (por certo, para cando a transferencia dos paradores?) non vai dar solución ao problema de subdesenvolvemento económico no que está sumida a nosa comarca, por moito que o futuro se encamiñe a este sector. Os últimos datos de marzo deste ano, daban unha cifra de desemprego na Costa da Morte de 13.445 parados, uns datos desesperanzadores e que seguen en aumento. A cifra de empregos directos que estiman que vai crear o parador segundo o alcalde e os responsábeis do Ministerio é de entre 40 e 50 persoas, “unha auténtica reactivación da economía comarcal”.
Se analisamos polo miúdo os inconvenientes desta instalación podemos afirmar que este acolle maioritariamente a un pequeno segmento do turismo que visita a nosa terra, un turista cun poder adquisitivo moi alto e elitista, e que apenas se interrelaciona coa sociedade que rodea o hotel. Por outro lado, estes poden supoñer un problema para o turismo rural, chegando a convertirse nunha competencia seria para eles, pois a día de hoxe, son estes os que despois de anos de moito esforzo promocional, acollen puntualmente a este tipo de clientela, ademais cabe salientar que está probado que os paradores do estado posúen unha política singular pola cal non interaccionan co resto do sector onde está ubicado. E dende logo non vou a entrar a desglosar os beneficios que teñen, xa que a maioría destas empresas públicas que funcionan como unha privada, como sinalou o seu presidente Miguel Martínez recentemente, parece ser que non son rendíbeis. Sería máis desexábel unha opción que supuxera a recuperación do patrimonio cultural e lle outorgara novas funcións, neste caso de hostelería, como podían ser as propostas dos castelos do príncipe en Cee ou do cardeal en Corcubión.
Despois de tantos análises e informes de técnicos expertos na materia e de moitas charlas e simposios con empresarios e axentes de desenvolvemento, chegouse á conclusión de que en verdade, o que necesita realmente a comarca para consolidarse como destino turístico, son hoteis de tres ou catro estrelas que sexan capaces de acoller a grupos de 100 persoas. Esa é a carencia fundamental dunha comarca que tarda en optimizar os recursos públicos e privados dedicados á promoción. O parador do Estado tan só cubrirá un 5% do turismo chegado ás nosas costas, e non será o incontestábel factor X que nos saque da situación económica na que estamos sumidos.
Até o momento a promoción do turismo ven da man da Deputación da Coruña, de APETECEME (Asociación Profesional do sector Turístico da Costa da Morte) e da asociación supramunicipal Neria. É precisamente a vicepresidencia da Deputación, liderada polo nacionalista Paulo Vilamar, a que está a facer un maior esforzo co Plan de Dinamización Turística na Costa da Morte que pretende a posta en valor e uso turístico dos recursos da zona, sobre todo de tipo cultural e natural, e a creación de novos produtos a partir dos recursos existentes. O Plan permite o fortalecemento e integración da oferta e da estrutura empresarial mediante a posta en valor de proxectos nos que a participación empresarial axude á creación do seu propio tecido asociativo.
Pero foi a Dirección Xeral de Turismo do bipartito, xunto coa Deputación, concellos e empresarios, os que deron o gran salto na promoción, ao poñerse dacordo na creación do consorcio de turismo, un organismo autónomo con financiación maioritariamente pública, encargado de xestionar todos os fondos destinados á promoción da comarca. A súa posta en marcha foi abortada pola nova Xunta de Feixóo, ao negarse á participar no ente e á aportar a correspondente partida económica. A pesar dos atrancos do PP, a institución supracomarcal verá moi pronto á luz, grazas ao empeño do sector e da Deputación, e suporá a posta en marcha dun proxecto máis eficaz e moito máis eficiente na xestión da promoción turística da Costa da Morte. Unha solución práctica a curto prazo e longo prazo e nada grandilocuente en comparación co parador parado do Estado.