Pobre estado da nación


A Lucía, contaba, quédalle moi lonxe o debate do estado da Nación. Di que ten outras cousas máis urxentes de que se ocupar. Empregada do comercio e botárona do choio. Dous fillos cativos na casa, e traballa do que pode, cando traballa. Non sabe o que vai ser da súa vida. A pobre non sabe que o máis importante é satisfacer os mercados, e devolverlles a confianza, algo que se acada abaratando o despedimento e degradando as condicións de traballo. Non coñece a Xosé, que si traballa. Daquela maneira. É mariñeiro de baixura na Coruña. Rómpeselle o corazón cando ten que devolver ao mar, morta, xarda que pesca accidentalmente. Seica é polo tema das cotas de pesca, di. El non o entende. Non é experto en dereito comunitario, mais non lle cabe na cabeza como habendo peixe no mar non llo deixan pescar, baixo ameaza de multa. Para que pesquen outros lonxe dun mar tan extraordinario e produtivo como o que temos na Galiza. A súa ignorancia non lle permite comprender a sorte que temos ao formarmos parte dunha Unión Europea que nos fai a todos iguais e, o máis importante, europeos.

Manuel traballou de case todo na súa vida. Agora é camioneiro, nas Pontes. Íalle ben. Ten unha capacidade única para conducir o seu Ford Cargo. Dúas manobras e libra onde faga falta. Un escándalo de condutor. Dixéronlle que en Madrid aprobaran un Decreto sobre as térmicas galegas e que o seu posto de traballo periga. Pobre Manuel. Tenlle medo á hipoteca que ten sobre a súa vivenda. Ten escoitado falar de embargos. A súa casa non é súa. É dos bancos. Non sabe que se o PP, PSOE, IU, UGT e CC.OO. están de acordo en Madrid sobre esta normativa do carbón, algo terá de boa. Dixéronlle, ademais, que pode haber traballo en Alemaña, como en tempos dos seus pais. Hai que se sacrificar para que outros poidan traballar noutros territorios. Cumpre ser solidario. É o mesmo que lle din a Elvira, de 68 anos, que traballou desde os 20 na ría de Pontevedra, como mariscadora a pé. 45 anos traballando coa auga á cintura, con frío e cunha humidade que non é quen de se sacar dos ósos aínda hoxe. Nunca soubo o que era unha táboa de doenzas profesionais, mais si padeceu, e aínda padece, de lumbago por toda unha vida traballando "de escraviña", como conta. Non puido acceder a unha pensión de xubilación, porque non tiña os 15 anos mínimos cotizados (a vinculación da renovación do permex de marisqueo a pé coa cotización ven do ano 2000), mais acadou unha axuda mensal de 557 euros (un luxo!), que lle retiraron en xaneiro porque a consideran, como ben dixo a Conselleira do Mar, unha "privilexiada". Elvira vive co seu fillo, que leva dous anos no paro, e non sabe do que van vivir.

Roberto é aínda novo. O que agora se podería definir como "emprendedor". Herdou a explotación láctea dos pais, mais con problemas de cota. Acabou desfacéndose dela, e colleu un subsidio para montar unha granxa de visóns, até que outros fixeron o mesmo, baixaron os prezos, e deixou de ser rendíbel. Renegociou a hipoteca, vendeu granxa e visóns, e montou unha explotación de avestruces. Dixéralle o alcalde do PP que ese era o futuro. E volveron os problemas. Anda agora pensando en bisontes femias, que seica fan "mozzarella", con demanda no mercado. Negocio seguro, din. Mais el comeza a desconfiar. Non lle parece moi lóxico como nunha comarca como a do Deza, que sempre viviu do leite, ten que se desfacer das vacas e apostar por visóns, avestruces ou bisontes. Non parece moi natural. Que virán despois? Rinocerontes?

No debate do estado da Nación, o Presidente que temos, Núñez Feixóo, dinos que o sistema de finanzamento autonómico é inxusto, aínda que votou favorabelmente. Que o Decreto do carbón discrimina a Galiza, aínda que deputados galegos do PP e do PSOE votaron favorabelmente. Que as cotas de pesca nos marxinan, aínda que defende obedientemente o proxecto da UE. Que temos dereito a unha Caixa, aínda que o PP non se opuxo ao Decreto que a elimina nas Cortes do Estado. Que cumpre defender a autoestima, malia prohibir materias en galego. Que o sector gandeiro gaña terreo, malia pecharen 1.500 explotacións dende que el é Presidente. Ou que os dados de desemprego son bos, malia destruír milleiros de postos de traballo, e situar o desemprego da mocidade galega nun intolerábel 40%. Pode dicir o que queira. Seguro que hai medios de comunicación ben subsidiados que lle farán o xogo. Mais Lucía, Xosé, Manuel, Elvira, Roberto, e tantos outros, sofren as consecuencias das políticas do PP e do PSOE. BBVA, Banco de Santander, ou Unión Fenosa-Gas Natural benefícianse delas. E o pobo empobrécese.

Mais non é tempo de chorar nin de laiar. Son tempos de loita e combate, de defensa dos dereitos. Comezando polo elemental, o de producir e traballar con dignidade na propia terra. Esta vella nación, que foi quen de resistir durante séculos, de certo continuará a construír un futuro libre de mansedumes, humillacións e anulacións. É de xustiza