Pobo en pé
Durante canto tempo, cantos séculos, inoculou a metrópole en nós, pobo galego, a síndrome da derrota? Cantas xeracións de galegas e galegos foron alimentadas coa falsa e inxusta idea da nosa inutilidade colectiva? Quen non mamou case desde o berce o estigma da asimilación submisa, aquela que nos fai sentir que non somos nada, que non valemos para nada, ou que temos que renunciar ao que somos? Impotencia, incapacidade, resignación, autoodio. Esa foi, para moitos de nós, a educación "natural" recibida e a percepción da realidade cando non es máis que un neno, e que en ocasións se proxecta e continúa na evolución vital. Tendemos a admirar aqueles pobos que fan bandeira da súa autoestima, esquecendo que a historia xogou neles un papel diferente, ou mesmo obviando que aquí mesmo, si, na Galiza, hai un poderoso movemento na sociedade que contra vento e maré resiste, organízase e avanza.
Velaí o mérito do nacionalismo galego. Non son unicamente valos económicos e políticos os que cumpre derrubar para erguermos unha patria libre, xusta e próspera. Hai outros tamén moi poderosos, que teñen a ver coa ideoloxía que acompañou -e acompaña- o proceso de dominación. O derrotismo, o desánimo, a desmoralización, o pesimismo, o negativismo permanente aínda instalado (en boa parte como consecuencia desa historia) en sectores do noso pobo existe, está aí. Ou a crenza infundada na nosa suposta incapacidade para axir colectivamente e construír instrumentos políticos, organizacións, na defensa do noso.
Porén, malia a esa apariencia de rendición, con ingredientes de conformismo, indecisión e paciencia infinita, cumpre defender a tese contraria: A resignación non vai con nós. Galiza é un pobo maltratado, si, mais digno. Sabe defender o seu con coherencia e, se cadra, con maior contundencia que outras nacións do noso contorno. E o nacionalismo galego non só non é alleo a esta realidade, senón que é actor protagonista da mesma.
Non é explicábel, senón, o recente suceso da Folga Xeral na Galiza, o combate contra o Decreto do carbón, a defensa da nosa lingua coas masivas mobilizacións convocadas pola Plataforma Queremos Galego, a loita do sector naval, ou o sector marisqueiro da ría da Coruña reivindicando o seu dereito a producir, que son algúns dos exemplos -felizmente hai moitos máis- que esborrallan a estereotipada e interesada imaxe dunha Galiza humillada, resignada e obediente que non é quen de reivindicar o que lle corresponde en xustiza. Nada máis lonxe da realidade. Contrastemos o dinamismo social galego (coas limitacións que sabemos) con outras realidades próximas. Con Portugal ou con España, poño por caso. E cadaquén que chegue ás súas conclusións.
As guerras gáñanse con efectivos militares, claro está, mais tamén con doses de autoafirmación na poboación e moral nas tropas. E nós precisamos iso mesmo tamén. A convición da vitoria. É certo, baten en nós, mais non son quen de nos derrotar. Aí estamos os nacionalistas. E é un orgullo formar parte dun exército, probabelmente desorganizado, recoñezámolo, con material obsoleto, tamén, mais con ideas claras e cunha entrega desinteresada que o fai heroico. Nunca o esquezamos: Sairemos adiante como pobo se estamos convencidos e convencidas de que podemos facelo. Transmitámolo e creámolo.