Plan de Ordenación do Litoral: O PP ataca de fronte; a progresía abanea; o pobo responde

Plan de Ordenación do Litoral: O PP ataca de fronte; a progresía abanea; o pobo responde

O Plan de Ordenación do Litoral (en adiante POL), elaborado pola Xunta de Galiza é unha terríbel e descarnada exposición do deseño que ten o Partido Popular para a nosa nación:

- Non impón ningunha limitación ao sector enerxético, senón que propón a súa ampliación na costa, especialmente da eólica.

- Non restrinxe para nada as instalacións de acuicultura, senón que avoga pola súa extensión na nosa costa.

- Non limita as implantacións industriais existentes, algunha delas moi agresivas para o medio e non pon couto a implantacións futuras. Paradigmática é a defensa que fai de: ENCE-ELNOSA, ALCOA, Térmica de Sabón, Refinería, Ferroatlántica, conserveiras de Ribeira,...

- Defende os recheos conflitivos (algúns con sentencias firmes en contra) adoptando decisións aberrantes e contra natura como pór como asentamentos tradicionais naves e instalacións de moi recente construción.

- Non limita a implantación de infraestruturas obviando o tremendo impacto que teñen moitas delas. As referencias son sempre a evitar a implantación de edificacións e instalacións, nunca infraestruturas.

- Trata de consolidar a profunda alteración da capa vexetal do noso litoral acelerando a substitución do bosque tradicional polo alóctono de eucaliptos. A consecuencia son as ridículas protecións de bosque tradicional que se contemplan no documento, sempre evitando as zonas que tradicionalmente tiveron fragas ou soutos.

- Deixa sen protección amplas zonas de Dominio Público Marítimo Terrestre, utilizando subterfuxios para mantelo ocupado por actividades que deberían levantarse como moi tarde no 2018.

En todos os aspectos antes citados o POL é clara e extremadamente desproteccionista da nosa costa e do noso litoral, tratando de salvar as limitacións que pon a Lei Estatal de Costas.

O POL utiliza conceptos e criterios alleos á realidade galega coas conseguintes disfuncións e solucións aberrantes:

-A máis grave, a que máis resalta é a "Mellora Ambiental e Paisaxística". Parte da hipótese de que no litoral galego existía unha franxa de territorio libre de edificación entre o borde do mar e os asentamentos tradicionais, afirmación que se podería soster en costa aberta pero radicalmente falsa nas rías e na costa abrigada que sempre tiveron asentamentos a carón do mar. Con este estraño criterio chega a conclusión de que a totalidade de asentamentos como Illa de Arousa, Cambados, O Grove, Raxó, Combarro, Moaña, Oia, Camposancos, Camariñas, entre outros moitos, deberían ter estado sempre libres de edificación. En definitiva, que os galegos nos enganamos cando nos asentamos hai moitos séculos ao borde do mar.

- Utiliza criterios levantinos cando dá unhas proteccións absolutamente desproporcionadas a calquera rego ou posíbel rego de auga; maior proteción canto máis cativo sexa o curso de auga. Mentres carecen de protección ríos como o Ulla, o Lérez, o Eume, o Miño ou o Verduxo, hai regatos case inexistentes que chega a protexer medio quilómetro ao seu arredor.

Como consecuencia da aplicación dos criterios antes expostos, o resultado é que todo o que o POL ten de laxo e desproteccionista en relación á enerxía, industria, acuicultura, recheos, infraestruturas, eucaliptización e ao DPMT, convértese en rigor extremado e desproporcionado en relación á edificación residencial, dotacional e comercial, grande parte moi lonxe da costa e foral dos 500 m. da Lei e Regulamento de Costas e da LOUGA. En todo o litoral galego, afecta de xeito grave a máis de 50.000 vivendas construídas, a inmensa maioría de paisanos, e a moitos centos de naves comerciais, hoteis e similares, así como a un bo número de dotacións: centros educativos, sanitarios, instalacións deportivas, cemiterios, etc.

O POL contén unha inxente cantidade de aparentes "erros" que, en realidade son:

- Unha enorme e masiva manipulación intencionada dos dados obxectivos coa intención de aplicar os criterios aberrantes cos que foi elaborado, violentando así de xeito sistemático, a realidade obxectiva. Edificacións tradicionais que figuran como novas e ao revés, bosques que non son e os que realmente son non están, etc.

- Unha numericamente pequena cantidade, pero moi significativa desde o punto de vista da equidade, de modificacións coa finalidade de beneficiar a determinados propietarios, de xeito inxusto e arbitrario.

Fronte a esta clara agresión ao noso territorio do Partido Popular, os sectores supostamente máis "concienciados", "ecoloxistas", "progres", etc, prefiren non asumir a evidente realidade que teñen diante e buscan fuxidas do tipo "é moi complexo", "mellor algo que nada", "non podemos opornos por principio a un instrumento de protección", "estes asuntos deben estar por riba das loitas partidistas", "algo terá de bo". Da experiencia de ducias de charlas públicas tírase unha constatación clásica e evidente: son os sectores máis populares os que albiscan máis claramente o perigo, os que non teñen reparo en oporse a esta tremenda agresión e asinar ou exercer as medidas procedentes para evitala.

En definitiva, mentres o PP avanza sen timoratismos no seu duplo deseño de entregar o país ao grande capital e negar a nosa identidade, a progresía atópase moi incómoda cando ten que defender claramente a nosa nación e a nosa identidade. Mal aliado temos neses sectores, pero si podemos ter inmensa potencialidade nos sectores máis populares; reto do nacionalismo organizado será exploralas a fondo, freando así as agresións do Partido Popular e concienciando a nosa sociedade na defensa da nosa identidade e dos nosos intereses colectivos.