Pertence Núñez Feixoó ao Tea Party?

Pertence Núñez Feixoó ao Tea Party?

Usar palabras, conceptos ou expresións descontextualizados pode levar a conclusións absolutamente falsas, perversas, manipuladas e a contradicións absolutamente flagrantes. Os exemplos son ben abundantes, pero sempre queda capacidade para a sorpresa, para novos falseamentos e manipulacións cada vez máis grotescas.

O Sr. Núñez Feixoó, nas súas intervencións públicas estanos a deixar un ronsel de razoamentos deste tipo que, aínda que moi reiterados, non deixan de sorprendernos. Ben coñecida é a súa teima en declararse defensor do idioma mentres impulsa o maior recorte que se recorda na Autonomía aos dereitos lingüísticos, burla de Castelao incluída, así como as súas proclamas de potenciar e defender o sistema público de sanidade, ensino e protección social, mentres se adica a recortalos e privatizalos.

Sabía que o Sr. Núñez Feixoó, nos seus discursos, tiña feito citas de Manuel María e de Celso Emilio Ferreiro absolutamente manipuladas e levándoos á situación de que aparentaren ter sido uns defensores das ideas e das políticas que impulsa o PP na Xunta de Galiza.

Aínda posto sobre aviso con estes antecedentes, non puiden menos que arrepiarme cando o vin en vivo e en directo no acto de entrega dos Premios da Deputación de Pontevedra celebrada o 5 de Agosto do 2010. Sería longo describir todos os detalles da súa profusa e tremendamente desafortunada actuación, pero creo que cos dous seguintes feitos podemos facernos unha idea cabal:

- Citou a famosa frase de Berthold Brecht sobre os que loitan un día, unha temporada ou toda a vida. O autor, anticapitalista visceral, criouna para os que loitan contra o capitalismo na procura dun sistema máis xusto e máis humano. Don Alberto tivo o santo valor, máis ben desfachatez, de aplicalo ao labor dun empresario e dos representantes da patronal, indicándolles que loitaran toda a vida polas súas empresas e por iso eran imprescindíbeis; como capitalistas, claro, como representantes do sistema contra o que loitou Brecht.

- Despois de repetir un montón de veces "galeguidade", "a importancia da galeguidade", etc, cando chegou a hora de escoitar o himno galego, pasouse boa parte da interpretación falando e ríndose co Presidente da Deputación, Rafael Louzán, ambos na presidencia do acto, sen amosar o máis mínimo respecto polo noso himno. Que pasaría se o Xefe do Estado, o Presidente do Goberno ou mesmo Núñez Feixoó se risen na interpretación do himno español?.

O Tea Party, a extrema dereita norteamericana, aqueles que batallaron frontalmente para manter a segregación racial, os que sempre se destacaron e destacan por limitar os dereitos dos negros e das minorías, os herdeiros do Ku Klux Klan, acaba de descolgarse coa perla de reclamar a herdanza do mártir dos dereitos civís Martin Luther King e o seu famoso discurso, "I have a dream" (teño un soño), incluída manifestación no mesmo lugar, Lincoln Memorial, e na mesma data, 28 de Agosto, que a "Marcha sobre Washington" de 1963 liderada por Luther King.

As coincidencias son tan evidentes e caracterizadas que descartan calquera posibilidade de que sexan coincidencias. Comprobado que actúan igual, cabe preguntarse: que conexión existe entre o Tea Party e o PP de Núñez Feixoó? Será don Alberto supernumerario asociado estranxeiro do Tea Party?