Persoas empregadas públicas, si grazas!

Persoas empregadas públicas, si grazas!

Cos empregados e empregadas públicas está acontecendo o mesmo que coa crise económica. As vítimas son tratadas como culpábels e os auténticos responsábels como salvadores.

O ataque contra os servizos públicos


A situación de desprestixio e desprezo que o goberno do PP está a realizar sobre as persoas empregadas públicas, unido aos estereotipos sociais, fan que o ataque aos servizos públicos sexa cada vez máis patente e intencionado. O camiño iniciado polo PP é ao mesmo tempo un ataque á sociedade pública de benestar co fin último de dar entrada ao sector privado nos servizos prestados pola propia administración.

Son numerosas as declaracións de empresarios que falan abertamente da ineficacia de certos servizos públicos e a súa proposta é suprimilos ou cando menos entregarllos ás empresas. E ante estas declaracións, existen pesonaxes coma Esperanza Aguirre que lle propón as mesmas empresas que están a construír os novos hospitais en Madrid que se queden coa súa xestión por trinta anos a cambio de non pagarlle a obra. Todo vale para facerse coa torta dos servizos públicos; unha das novas metas do capital.

Seguindo esta premisa neoliberal, durante o mes de febreiro e nun tempo récord (presentado o anteproxeto de lei a principios de mes e sendo aprobado polo parlamento o día 28), Feijóo saca adiante unha lei que reforma de forma profunda as concidcións laborais do persoal dependente da Administración autonómica. Entre os principais recortes que introduce están: reducción salarial por baixas médicas, redución de xornada e de salario ao persoal interino e temporal, modificación unilateral do convenio colectivo vixente para o persoal laboral, supresión do fondo de acción social e xubilación forzosa.

Numerosas mobilizacións do sector público galego (martes 7, mércores 8, xoves 9, venres 10, luns 13, martes 14, mércores 15, xoves 16, luns 21, martes 22, xoves 23, luns 27 e martes 28 ) deixaron patente o rechazo ás medidas de recortes impulsadas polo goberno autonómico. Ante esta brutal agresión, as persoas empregadas públicas loitan pola súa dignidade e realizan propostas para optimizar os recursos públicos. Xa non se trata só do recorte económico senón do insulto persoal á dignidade como persoa traballadora.

A esta situación temos que engadir as novas condicións que introduce a nova reforma laboral no sector público e que vai permitir pechar moitos servizos públicos substentados por persoal laboral en beneficio das empresas privadas.

As dobles varas de medir

Fronte a esta situación de rebaixas e recortes intencionados para a defenestración do público, son numerosos os sinais que nos indican que o camiño para o capital está libre; sen peaxe e sen barreiras.

Namentras o 86% das empresas do Ibex 35 operan en paraísos fiscais, os recortes nos servizos públicos son a única solución á crise do capital que impón o PP.

Por outra banda, cando a millóns e pesosas se lle denegan préstamos para vivir, os bancos tomaron a finais do ano pasado 489.190 millóns de euros do Banco Central Europeo (BCE) para tapar os seus buracos especulativos e que non terán que devolver ata dentro de tres anos.

O novo paquete de medidas de recortes na función pública galega non chega aos 70 millóns de euros, namentras o grupo empresarial Voz suma máis de 7 millóns de euros -publicidade á marxe- desde a chegada do señor Feijóo, a maioría sen concurso público.

Asistimos por unha banda a un recorte constante da sanidade pública e pola outra a conflitos de intereses entre as empresas construtoras de hospitais (coma o caso do novo hospital de Vigo) e o PP.

Estamos a ver coma as intereses privadas (en concreto as empresariais) se antepoñen ás públicas e seguen a crecer na suposta "crise". A isto temos que engadir a cultura do medo imposta polo mercado, e se te queixas entra en acción o Estado represivo (para exemplo as cargas policiais contra estudantes en Valencia).

Pola defensa dos servizos públicos

Coma persoas integrantes desta sociedade non podemos deixar que pouco a pouco se vaian destruíndo os nosos servizos públicos para ser devorados polas intereses empresariais que nada teñen que ver co ben común.

Xa para rematar, venme á mente a cita do reverendo Martin Niemöler (pastor protestante supervivente do Holocausto), que nos fala da necesidade de actuar antes de que non haxa ninguén que o faga por nós: "Primeiro viñeron a buscar aos comunistas - pero eu non era comunista, así que non fixen nada. Máis tarde viñeron polos social demócratas -pero eu non era social demócrata, así que non fixen nada. Despois arrestaron aos sindicalistas- e non fixen nada porque eu non era un deles. E logo viñeron a polos xudeus e despois polos católicos, pero eu non era nin xudeu nin católico e por iso non fixen nada. Finalmente viñeron a por min e arrestáronme - e xa non quedaba ninguén para que puidera facer algo ao respecto". Oxalá non sexa demasiado tarde para actuar a prol dos nosos servizos públicos e salvagardar os que aínda nos quedan.

O resultado é un ataque ao sistema educativo, sanitario, de servizos sociais, . . . Polo tanto, a loita e a defensa dos servizos públicos debe ser unha tarefa de todos e cada un de nós e o apoio ás reivindicación do sector público unha prioridade para toda a sociedade. Parafraseando un dos lemas empregado nas concentracións en defensa da función pública: "o público é servizo, o privado beneficio".

O ataque ás persoas empregadas públicas é unha estratexia máis no desmantelamento dos servizos públicos e a reforma da función públida aprobada, unha proba máis de que o obxectivo está claro.

OS NOSOS SERVIZOS PÚBLICOS SON POSIBLES E NECESARIOS !!!