Persiste a mentalidade colonial

Persiste a mentalidade colonial
Non se falou moito del nos meios españois, mais acaba de morrer unha das figuras máis emblemáticas da historia recente da África, Robert Mugabe, dirixente do Zimbabwe durante case 40 anos, desde a declaración de independencia en 1980 até que foi deposto no golpe militar de 2017.

Para entender o papel que desempeñou hai que indagar na escura e descoñecida –por ocultada e silenciada– historia da colonización da África.

Mugabe, de etnia shona, nasceu no que naquel momento se chamaba Rodesia do Sul, colonia do Imperio Británico desde 1923. En 1965, o goberno colonial dirixido por Ian Smith emitiu unha Declaración Unilateral de Independencia e instaurou un sistema de dominación por parte da minoría branca similar ao apartheid da África do Sul e da Namibia, aínda que sen o característico sistema de bantustáns.

Este novo estado paria que se pasou a denominar Rodesia baseouse na segregación racial onde unha minoría conformada por 225 000 brancos dominou e reprimiu máis de 5 millóns de persoas negras, negándoselles de facto o direito ao voto e expulsándoas das mellores terras mediante a aplicación da Lei sobre a Propriedade da Terra de 1969 que reforzou a colonial Lei de Asignación da Terra anterior.

Inspirado polas ensinanzas do Marxismo-Leninismo-Maoísmo que guiou as loitas de libertazón nacional na África colonial e máis alá naquela altura, Mugabe liderou o Exército Africano para a Libertazón Nacional do Zimbabwe (ZANLA) na súa implacábel guerra de guerrillas contra o rexime racista e colonial. Foi xulgado por sedición e aprisionado durante 10 anos (1964-1974), durante os cais se lle denegou a autorización para acudir ao funeral do seu fillo que morreu con 4 anos. Após a súa libertazón encabezou a Unión Nacional Africana do Zimbabwe (ZANU, máis tarde: ZANU-Frente Patriótica) con base na República Popular de Mozambique, presidida por Samora Machel (FRELIMO), que se independizou de Portugal no 75.

Após o derrubamento do goberno racista na vitoriosa Segunda Chimurenga (‘Loita Revolucionaria’) e a fundación da República de Zimbabwe, co fin de ceibar o país do xugo colonial, Mugabe emprendeu unha ambiciosa política de reforma agraria, con medidas que visaban a redistribuír máis equitativamente a terra entre a minoría de granxeiros brancos e a maioría negra sen terra.

É xustamente por isto que a narrativa filocolonial e imperialista se empeña en retratalo como un brutal ditador, un monstro que levou o país coñecido como o breadbasket of Africa (‘o celeiro da África’) ao desastre económico –versión dos feitos parcialmente desmentida, por outra parte– sen parar a perguntarse sobre os motivos profundos da fallada reforma.

Lendo entre liñas, o paternalismo condescendente que caracteriza o colonialismo que subxace a esta visión transloce claramente: non se poden deixar os cobizados recursos naturais dos países da África nas mans dos irresponsábeis negritos subdesenvolvidos cuxo papel se debe limitar simplesmente a executaren as ordes dos seus amos brancos, por propria natureza máis intelixentes. En definitiva, serve para ilustrar a suposta inferioridade d@s negr@s que, no fundo, non dista moito do discurso supremacista máis extremista.

Ao igual que Winston Churchill, erixido como sacrosanto e intocábel herói cuxos crimes xenocidas son totalmente tabú no Reino Unido, Mugabe é lonxe de ser irreprensíbel e o seu historial político está repleto de luces e sombras. Bo exemplo disto é a súa descualificación da homosexualidade como algo “alleo aos valores africanos, importado da Europa”, chegando a descreber as persoais homosexuais como “culpábeis dun comportamento sub-humano” e de seren “piores que cans ou porcos”. Aínda que cabe acrescentar que existen claros indicios que apontan a que a homofobía institucionalizada presente en moitos países africanos modernos sería tamén unha consecuencia directa do legado das pragas da evanxelización e do colonialismo provintes da Europa.

No entanto, os meios sistémicos optan por non daren moita importancia a este aspecto, preferindo centrase nos abusos dos direitos humanos que sen dubida cometeu, incluídas a persecución e mesmo a matanza dos seus opositores. Mais aínda así, a hipocrisía do imperialismo non ten limites ao utilizar os abusos dos direitos humanos sob o mandato de Mugabe como pretexto velado para salvagardar os intereses da clase dominante, ao tempo que o Reino Unido e os Estados Unidos seguen a vender armas à súa prezada aliada, a Arabia Saudita, sabendo que son utilizadas para matar civís no Iemen.

Infrinxindo descaradamente a doutrina da fe cristiá que pregoaron por todo o mundo como alicerce esencial do proxecto colonial que ensina que primeiro hai que tirar a trabe do seu proprio ollo antes de tirar o lixo do ollo alleo (Mateus 7:3), os imperialistas non se ruborizan ao calumniaren calquer persoa que se coloca no seu camiño. Así, ao tempo que se esmeran en envilecer sen paliativos a imaxe de figuras como Mugabe, nas aulas de historia das escolas calan as atrocidades cometidas na Rodesia e no resto do Imperio Británico. Supoño que pouco se fala tamén na Bélxica e na Franza das atrocidades cometidas no Estado Libre do Congo (actual República Democrática do Congo) ou das torturas practicadas polo exército francés durante a Guerra de Independencia da Alxeria.

Abofé que Mugabe non foi nengún anxo, mais por algo será que a súa figura se transformou nun foco de odio da extrema direita supremacista, nostálxicos dunha Rodesia imaxinaria onde ‘todo estaba mellor con Smith’. Así, por exemplo, Dylann Roof, que matou 9 persoas afro-americanas no masacre que perpetrou nunha igrexa de Charleston (EUA) no 2015, gostaba de lucir as insignias do rexime racista da Rodesia e publicou o seu manifesto nun sitio que tiña por nome The Last Rhodesian.

Mais os extremistas non son os únicos. Por algo será tamén que os meios sistémicos occidentais se ceban tanto con Mugabe, implicitamente en contraposición –aínda que non o digan abertamente– ao rexime colonial que derrotou. Talvez sexa porque son os portavoces dos herdeiros do colonialismo que se lucraron e seguen a gozar da pillaxe dos recursos naturais e humanos do continente africano, sen falar da Asia e das Américas...

O que realmente lles proe aos que aínda hoxe se resisten a renegar dunha vez por todas aos prexuízos e privilexios herdados do colonialismo e imperialismo europeus tan recente non son os abusos dos direitos humanos que gostan de abandeirar, mais recoñecer o direito de cada povo a tomar as rédeas do seu destino soberanamente mediante o lexítimo exercicio do seu direito à auto-determinación.