Pero, quen é deus?


De todos os inventos da humanidade, o peor de todos, o que máis sufrimento, opresión , dor e morte causou e segue a causar e DEUS, non hai nada na historia da humanidade que servise tan ben ao poder para xustificar todo o que se fai e ademais facéndoo "polo noso ben".

Cando o ser humano hai apenas uns miles de anos empeza a tomar consciencia do que é, pero non comprende todo o que hai arredor del, cando se pregunta pola súa vida, qué pasará despois de morto, por qué chove... É como un neno pequeno que recorre aos seus pais para sentirse protexido do exterior, entón aparece deus, algo que o explica todo, algo que cando temos medo nos axuda. Primeiro era un deus múltiplo, cada cousa tiña o seu espírito, había un deus ou espírito para cada cousa, sobre todo daba tranquilidade, porque estaba aí, xa non estábamos sós.

Os primeiros estados comprenderon axiña o poder de estar cos deuses, de ser os representantes deles na terra, incluso de selo eles mesmos. Aínda hoxe o rei de Marrocos é a cabeza da igrexa no seu pais (por ser descendente directo de Mahoma), ou a raíña de Inglaterra é a cabeza da igrexa anglicana, en España mesmo igual que Franco o rei é tal "por la gracia de dios", vaia "gracias" teñen algúns.

Desde os primeiros estados, guerreiros e relixiosos sempre estiveron na cúpula do poder, e sempre se serviron as relixións dos estados e os estados das relixións para imporse ao inimigo, ao infiel, ao que pensaba diferente ou simplemente ao que pensaba.

É unha cuestión simple de desenvolvemento físico e intelectual como un neno ou nena pasa desde a infancia a traveso da convulsa adolescencia até un ser humano adulto, onde entre outras cousas dáse conta que os seus pais non son deus, senón outras persoas como el ou ela. E por iso, entón quen é deus?, un ser omnisciente, omnipresente, eterno... É nada!, aparte de que cada un poda chegar a esta conclusión por si mesmo, hai cousas que axudan bastante clarexarse.

Na natureza hai un principio moi simple, básico pero infalíbel, unha cousa é como é porque senón non sería tal. Un paxaro pode voar porque ten ás, e se non as tivera nin voaría nin sería un paxaro, chegar até este animal levou millóns de anos de evolución e non foi o traballo dun ser supremo nunha mesa de deseño (e se o pensamos un pouco dámonos conta do infantilismo de tal conclusión), entón todos os erros evolutivos, extincións e demais acaso ocorreron cada vez que tivo que formatar o ordenador?. Non quero perder o tempo nisto senón nas consecuencias que para a humanidade ten tal invento.

Ante un medio externo duro, difícil e que crea medos, todas as relixións souberon aproveitar moi ben esta idea (deus), que mellor forma de someter á xente que recorrer aos medos máis profundos, aos instintos máis básicos. Que mellor maneira de aceptar todo o que se lles impuxera que facelo convencidos de que por moi mal que se pase na "outra vida" vai ser recompensado.

Primeiro temos a deus, que nos da tranquilidade, el vainos salvar, espiritualmente claro!, o caso é saber onde está o condenado espírito.

Despois temos a vida eterna, garantida no ceo, nirvana ou como se chame, se nos portamos ben, é dicir facemos o que nos mande o poder, non cuestionamos nada, asumimos a opresión, a miseria, a fame, a guerra o que faga falta. "bienaventurados los que sufren porque alcanzarán el reino de los cielos". Pero se nos rebelamos, pobres de nós!, o sufrimento eterno é o que nos agarda, porque vamos ir ao inferno. Hai que "aceptar o que nos veña" porque é a vontade de deus.

E algo que se repite con calquera relixión, desde as que teñen só unha vida terreal até as que falan de continuas reencarnacións até o "perfeccionamento final". A xustificación das clases no poder, a humillación dos individuos no individual e no colectivo para someterse aos "designios del señor", é algo consubstancial ás relixións.

Por iso é tan importante ter o control dos medios de educación do estado, para así desde pequenos empezar a formar seres dóciles e asustados, o ceo para os bos e boas, o inferno para as malas e os malos, nunca vaias contra as regras ou estarás condenado, sempre houbo pobres e ricos, deixa que todo siga igual...Infíltranse por todos os buratos co beneplácito do estado porque a relixión é fundamental para manter o sistema.

Pero se alguén sae mal parado nisto, son as mulleres. Como reprodutores dunha sociedade opresiva as relixións o son moito máis con quen xa está oprimida, gardando para elas a peor parte de todo este conto, empezando por deus que por suposto é home até os mais ínfimos niveis das súas estruturas e máis das súas normas, colocan á muller nunha situación de paria entre os parias. Cantos millóns de mulleres morren ao ano no mundo porque a igrexa (chámalle como queiras) négalles ate a súa sexualidade, impedíndolles usar incluso a mais mínima planificación familiar?, poder disfrutar do seu corpo como o fai un home, e ter unha vida digna sen ser escrava dunha familia numerosa nin arriscarse a morrer con cada parto, como ocorre na maior parte do mundo co silencio cómplice das igrexas.

É esta igrexa de bandullos ben cheos, arrimada sempre ao poder e o poder a ela, a que nos ameaza con o inferno, a que bendice as tropas antes de ir á carnicería (chámanlle guerra), a que bendice ditadores. Este deus co que algún presidente até falaba en primeira persoa ( Bush facíao e faino), o que ten ao seu carón á xente importante, é un V.I.P. máis, o que fixo o mundo en seis dias (o sétimo colleu unha baixa). E aínda hai xente que acredita nel!.

Para maior hipocrisía aínda din isto de "la verdad os hará libres", desde logo que si!, por iso eles encárganse de agochala, de impedir que a xente poda pensar, de cubrir todo baixo un manto de ocultismo "los misterios del señor" , para eles hai que asumir o que nos ven dado, pensar é perigoso porque podemos ver a verdade. A verdade de ter que asumir nós a nosa salvación como seres humanos e como individuos, neste mundo.

Acabar dunha vez con as mentiras das relixións, as que nos impiden desenvolvernos como individuos (xa que deus está por riba de todas as cousas), deus non existe, so nós nos podemos liberar, pero liberarnos dos que nos oprimen para crear un mundo máis xusto. Marx dicía que a relixión é o opio do pobo, é verdade en toda a extensión do que o opio como droga significa, a alienación primeiro e logo a morte.

Eu non acepto que un relixioso da relixión que sexa me fale de moralidade, non acepto isto, xa que para min a moralidade atea e claramente superior á de calquera relixión polo feito de ter no ser humano o seu punto de partida e o obxectivo final. Non me someto nin me someterei a ningún deus, o peor invento con moitísima diferenza da historia da humanidade.