Perfil
A angueira de cada día -a persoal- e a que sentimos dos milleiros de seres humanos oprimidos.
Pode desaparecer ante horizontes de luz; hai refachos con datos e con suxestións de probabilidade de solución nesta situación perturbadora. Os períodos historiados da humanidade presentan situacións tan dificis como esta.
Levo tempo debruzado no coñecemento dos séculos IV.V d. C. A segunda metade do IV e a primeira do V -silenciados na historia oficial das escolas- poden axudarnos á análise da segunda metade do XX e do decenio do XXI. Lonxe de seren aqueles séculos, IV-V, escuros, eran de angueiras e de creación literaria e social novidosa.
Para nós é Prisciliano quen nos racha a tea daquela Galecia a protagonizada polos "suevos". No Mediterráneo é Agostiño de Hipona quen aluma por séculos: coas "Confesións" fai entrar na cultura a intimidade humana; coa "De civitade Dei"danos unha filosofía e unha teoloxía da historia. Nas dúas vibra a súa persoal intelixencia para a serenidade dos habitantes do Imperio Romano: a cidade humana pode xerar bens, a cidade de Deus é sempre de amor. "Sero te amavi", di San Agostiño, en referencia á súa fe en Xesús de Nazaré, porque é serodia frecuentemente a toma de decisión positivas. Como Agostiño de Hipona se doía da caída de Roma -finis Romae finis mundi- mais confiaba na recuperación da paz -romana e cristiá- penso que estamos a confiaren nun novo tempo histórico, inda que tamén me doio da perda daquela Galiza que soñara Otero Pedraio e construía D. Castelao.
Advirto, efectivamente, concordancias en propostas políticas, en proxectos cristiáns, en constantes invencións científicas etc, que han de callar en novos modos de produción.
O debate global está a polarizarse; cada día se evidencia máis o sector de empeño na continuidade do neoliberalismo. Botín, do banco de Santander, fala de máis diñeiro para os bancos, pero non de máis salario e seguridade para os obreiros. Cos "financeiros" que saquearon, pretenden os neoliberais, esa dereita empedernida e vitoriosa, a continuidade dun sistema económico e social de uns poucos ricos, de milleiros de pobres e de millóns de mortos de fame. E con esa dereita están científicos, relixiosos, multitudes alienadas...
Á fronte, comeza a estenderse o pensamento dunha esquerda de afirmacións comúns: dar pasos cara unha democracia participativa; poñer á luz a trampa habitual da corrupción pública e privada. Non é a débeda pública a que creou esta crise, tivo e ten máis peso a privada. Non son os gobernos os corruptores máis destrutivos; son os banqueiros, os empresarios, quen asumiron o poder e converteron aos políticos en subordinados. Ese "contubernio" finanzas -poder político- ten que ser exorcizado e substituído pola participación de todos os axentes da produción na xestión e na distribución,
Non vale que sistemas que poden lembrar estas afirmacións, teñan fracasado; estamos noutro momento histórico, noutra mentalidade, noutra capacidade técnica e científica para sernos capaces dunha formación social humana.
Cabe felicitar a cantos buscan, dialogan, debaten estes vieiros para solución sa de consenso. É hora de esquecer eses "dogmas" históricos de nación estado, de linguas e culturas grandes e outra menores. A humanidade de todo o planeta terra ten consciencia de sermos humanos, logo igualmente dignos de vida humana. A observación de inmigrantes de calquera parte do planeta evidencian a capacidade intelectual e a saúde moral desas poboación de aparente retraso. Con Prisciliano, con Agostiño e con tantos humanos que traballaron pola igualdade e bondade humana, un anaco de ilusión para unha nova convivencia universal.