Percorrer o futuro. Un esbozo de novela

Percorrer o futuro. Un esbozo de novela

Só unha mente tan lúcida e complexa como a dun sabio interestelar da categoría de Ijon Tichy, director do Instituto do Tempo e impulsor do vasto e ambicioso Programa de Corrección Telectrónica da Historia, foi capaz de anticipar a dislocación espazo-temporal que ía chegar a producirse no inicio da Era chamada Especulativa, en plena fase de Emprendimento 1. As variables de espazo e tempo, consideradas con anterioridade como elementos de comportamento equivalente e calidades basicamente isomórficas, pasaron a comportarse, e polo tanto a ser consideradas, como valores interdependentes pero, á vez, de carácter antagónico. Ata tal punto que, mentres a espacialidade se instalaba nunha dimensión difusa, global, indefinida e con proxeccións de valor metafísico, o tempo e a súa percepción sensorial non facía senón reducirse e adelgazarse de forma exponencial chegando a provocar a disolución do futuro e a inutilidade do concepto mesmo de porvir e a reconversión de todos os seus compoñentes nun Presente permanente e perpetua e constantemente reelaborado. Dicía Tichy, e cito de memoria, que, dese modo, os nosos antecedentes colectivos pasaban a converterse na nosa filiación particular e todo futuro probable se tornaba nunha referencia improbable, ignota e escura.

Así chegábase a ratificar a certeza dunha valoración meramente supervivente da proxección a escala humana que cancelaba toda prospección futurible, con excepción da realizada por un pensamento tecnolóxico-predictivo disposto a interrogarse seriamente acerca das posibles innovacións tecnolóxicas a materializar nun próximo futuro, sen atreverse a considerar ningunha hipótese acerca do seu condicionamento sobre os modos de vida nin en relación coa súa influencia sobre as formas de relación ou articulación social. Cuxa exemplificación máis recorrente e publicitada correspondera ás chamadas predicións de Isaac Asimov, redactadas no 1964 da Era Común, e que pretendían enunciar os avances concretados cincuenta anos despois. Aínda que non lograba clausurala por completo xa que o seu uso subsistía na consideración esperanzada de pensamentos mesiánicos e fundamentalistas, baseadas nun hipercoherente e confortable fideísmo, a partir das súas múltiples variables meramente apoloxéticas ou sinistramente catastrofistas. E que tampouco excluía unha terceira posibilidade, social e racionalmente aceptada, aínda que de escasa utilidade inmediata e de carácteres máis ben lúdicos e narrativos, abordada basicamente polos novelistas e outros pensadores envorcados cara á ficción e a fantasía, a poder ser, mesmamente científica.

Seguindo esta última liña de pensamento, e a partir da súa alternativa máis abertamente desenfadada, de raíz pseudoliteraria e pretensións para nada científicas, permitinme imaxinar, e, en confianza, trasladarvos, o esbozo argumental dunha previsible novela que transcorrería no horizonte dese próximo futuro inexistente, pero que se nos vén enriba, e no que espero chegar a cobrar os incalculables dereitos de autor que me deparará a súa segura conversión en guión cinematográfico.

Nun horizonte no que a nosa visión da sociedade tal e como hoxe a concibimos e ata as palabras coas que pretendemos explicala non nos servirían para comprender unhas novas realidades que, por forza, nos obrigarán a unha reelaboración en profundidade dos nosos referentes conceptuais, dos seus termos e das súas aplicacións, para intentar verbalizar e, con iso, tratar de apropiarmonos do que, doutro modo, sería literalmente incomprensible. Pido desculpas por substituír o rigor polo artificio literario para facelo posible, pero o futuro, entre outras cousas, seranos alleo aos seres do pasado.

A variable asumida para a caracterización dese mundo debería de ser xenérica e impersoal para conseguir a complicidade dun público lector que se puidese recoñecer nalgúns trazos e elementos da ficción sen que nunca se considerase fiel e persoalmente retratado. Calquera parecido con persoas ou situacións reais ou virtualmente existentes será, pois, unha pura coincidencia.

Nese futuríbel, globalizado e universal, a evolución da sociedade e as súas formas de vida estaría fortemente condicionada pola existencia dun minúsculo sector da poboación cuxa capacidade de control, intervención e poder é inversamente proporcional á súa incidencia a nivel demográfico. Son os dominantes. Unha verdadeira casta, na que se tende a permanecer por tempo indefinido e á que se accede de forma moi restrinxida, que condiciona de forma angustiosa e á vez abusiva as capacidades e recursos vitais do conxunto da sociedade pola súa ilimitada e máis que esaxerada voracidade para a transferencia e acumulación incesante dos recursos colectivos e a súa inxerencia na toma de decisións acerca de todo o que crean que lles afecta. Afirman crear riqueza, a función social que en aparencia os define, pero nada crean ou acrecentan por si mesmos senón as novas fórmulas de distribución e circulación dos bens existentes cuxa última finalidade é a de incrementar o seu particular beneficio nunha repartición tanto máis desigual canto máis acelerado e produtivo. Séntense seres imprescindibles e superiores e reclaman para si as calidades propias dos semideuses; para o que buscan a calidade impersoal (recoñécense non nas súas persoas senón nas súas obras) e a invisibilidade social imprescindible para garantir o exercicio do verdadeiro poder en acto e a capacidade predictiva augural que lles permita construír o futuro previsible en función da prevalencia dos seus propios intereses fronte aos xenerais; o que adoita provocar frecuentes e imperdoables erros cuxas consecuencias se soportan fatalmente, non obstante, polo conxunto da poboación.

Noutro nivel máis propiamente humano, pero non menos importante, sitúase un segundo sector dentro desta escala social. É o dos diferentes grupos dos chamados subordinados. Un estamento moito máis amplo, diversificado e difuso que o anterior, intimamente convencido de que sen él sería totalmente imposible a existencia dunha dinámica social coherente e ata a mesma vida xa que, aínda que, na práctica, entusiastas servidores dos dominantes, se senten imprescindibles como elementos articulador entre aqueles e o resto do corpo social, con efectos máis sedantes que revitalizadores; xa que teñen tendencia a se crer socialmente dinamizadores, se ben a súa función sexa basicamente encantadora e de efectos paralizantes. Falan de proxectos pero serven a intereses ben definidos nun labor incesante (considéranse os auténticos e xenuínos traballadores responsables, para o que non dubidan en acumularse soldos e competencias diversas que, doutro modo, ninguén podería cubrir con idéntica eficiencia) no que o que se proclama e o que se practica carecen de relación e ata se presentan manifestamente disociados; e cuxa calidade ou valor aglutinante, que algúns estudosos cualifican como unha enfermidade viral, é a da ambición irrefreable. Sábense excluídos da casta superior pero todos e todas, xa que a súa condición carece de toda identidade de xénero, teñen a secreta esperanza de chegar a integrarse nela con independencia de se se asimilan ou non ás esixencias e calidades requiridas. Considéranse posuidores da capacidade de acción pero non son senón meros seres executores dos designios supremos. Adoitan vivir, máis alá dos recursos que llo posibilitan, dos seus sonos e ilusións e o seu máximo alimento é a palabra. Son o instrumento básico de toda dominación e do mantemento e a perpetuación da orde social, valorado non polos seus efectos positivos senón por ser avaliado como o menos malo dos posibeis reais.

A escisión e descomposición das desaparecidas clases medias, que, como o seu nome indica, non estaban situadas en ningunha parte do espectro social, xerou igualmente outro grupo intermediario claramente diferenciado: o dos dependentes, ao que algúns identifican abusiva e interesadamente cos subordinados. Outra corporación con estatuto social recoñecido e fundamental para a reprodución evolutiva do sistema; pero de calidades notoriamente diferentes con respecto ao grupo anteriormente considerado. Non parecen existir diferenzas substanciais entre as dúas nin nas súas capacidades intelixíbeis, nin no seu grao de formación e capacitación, nin na conformación dos seus referentes ideolóxicos orixinarios, nin tan sequera nas súas remuneracións salariais básicas (complementos, á parte); pero se se constata un trazo diferenciador ou distintivo que os individualiza e afasta do sector precedente aínda sendo equiparables numericamente e que non é outro que a súa denodada resistencia a incardinarse no ordenamento establecido e, polo mesmo, posuidores dunha infidelidade excluínte e insubordinada. Caracterízanse por exercer a crítica real (e non meramente verbal) acerca do existente, teñen a vontade de propoñer formulacións alternativas efectivas e a capacidade de formular transformacións profundas sobre a base das súas dúbidas ou á mera constatación das debilidades e carencias cotiás polo que pareceran chamados a constituír a alternativa previsible á orde constituída; o cal sería verdadeiramente factible se non se estendese entre os seus integrantes a infección do mesmo virus que afecta aos subordinados: o da ambición persoal desmedida. Dende as profundidades dos lóbulos occipitais de moitos e moitas dos dependentes xermola o irresistible anhelo de converterse nos neosubordinados chamados a substituír aos menos eficaces paleosubordinados cando non, de forma aínda máis mistificadora e perversa, a renacer como compañeiros dominantes, novos proxectos de semideuses. Poden, ambivalentemente, ou cambiar o mundo cara a fórmulas de maior e mellor repartición ou o lanzar en renovadas formas de depredación desigual. E ese abismo, de natureza insondable, retrae e impón...

Unha parte igualmente importante da sociedade dese futuro soñado estaría constituída pola categoría dos marxinados, que a acentuada aceleración dos intercambios a nivel especulativo chegou a acrecentar de forma considerable e significativa. As súas condicións de vida son absolutamente precarias, a súa proxección persoal e social incerta e as súas capacidades e o valor de uso que as posibilita irregular e totalmente inestable. Os marxinados poden selo por vontade propia, como consecuencia do seu rexeitamento máis ou menos frontal en relación ao existente, ou, as máis das veces, residuos colaterais dun sistema incapaz de asegurar unha distribución máis equitativa dos recursos co nivel de acaparamento establecido, consecuencias non desexadas dos erros cometidos. Son, sen ter conciencia diso, a verdadeira masa crítica da que poderían xurdir as posibilidades reais dun cambio social factible e positivo e os que, ao tempo, serían os e as máis capaces de garantilo xa que o virus da ambición desmedida é menos virulento, aínda que non neutralizado, entre os seus integrantes.

Fora xa basicamente da corporación social claramente definida están os grupos dos excluídos que, constituíndo o sector numericamente máis extenso, non forman parte dun sistema que nin os recoñece nin os atende nas súas necesidades. Xa que, curiosa perversión dun futuro imaxinado, as carencias e obrigas desta parte da poboación e dunha boa parte dos marxinados se atende socialmente, non a partir dos recursos do resto da sociedade ou de quen máis bens posúen, senón que se recadan e detraen entre os dependentes e, en menor medida, os subordinados os que, por vía impositiva ou polo exercicio de solidariedades elementais a nivel familiar ou meramente humanitario, reducen a inxustiza e contribúen, ao seu pesar e de forma pouco consciente, ao reforzamento e a retroalimentación da orde imperante. E con iso, sen desexalo, favorecen aos intereses dos dominantes. O seu rexeitamento visceral cara ao resto da sociedade é máis reactivo que transformador e o seu recurrente desalento tende a reducir aínda máis a súa capacidade reactiva.

As pantasmas que asediarían a ese mundo inexistente serían as do cataclismo resultado de catástrofes naturais de dimensión mundial ou cósmica, un posible renacemento dos totalitarismos, nas súas variadas fórmulas polimórficas, a instalación das crenzas como resposta ás dúbidas e o espectro do terrorismo. Un factor de descomposición que se non existise tería que ser inventado, pois é o alento de todas as guerras das que xorden os futuros terroristas (aínda que se provocasen coa xustificación de erradicalo) e a mellor xustificación para infundir o medo colectivo e recortar as liberdades individuais e colectivas en nome dunha común defensa ante o inimigo que non se percibe. Pero non quixera destripar o desenvolvemento futuro do argumento.

Como en toda historia que se prece o noso relato incluirá unha trama amorosa, pois este é un sentimento que nos estimula e anima aínda que non adoitemos practicalo con asiduidade. Unha fermosa dominante e un consciente e loitador marxinado rompen o equilibrio social en busca da súa realización persoal e a partir do desexo e non do cálculo. E tamén deberá de ter un núcleo de sabedoría que se esforza por preservar a memoria do que nunca se debeu de esquecer e que ampara o amor dos nosos heroes de papel, os verdadeiros semideuses da nosa trama.
Con todo, confeso que non sei como poder acabar con esta historia; porque, por moito que me esforce por asumir o papel de narrador, estou intimamente convencido de que só poden chegar a escribila decenas de millóns de homes e mulleres responsábeis e que saiban soñar no seu futuro.