Penúltimo atentado cultural
Cando falamos de involución na política española e galega actuais, cando nos referimos a un proceso de desmantelamento e de vaciado do cativo marco competencial da autonomía (autoanemia, máis que nunca...), pode haber quen pense que tais afirmacións son, sen máis, armas de ataque ou de descualificación política. Moi polo contrario, revélanse a cada paso máis exactas, á luz de novas medidas gobernamentais que visan, tout court, o desaparecemento da Galiza. A última proba témola na anulación do capítulo orzamentario de axudas ou subsidios destinado á actividade das asociacións culturais. Vexamos as cifras:
- No orzamento público do ano 2009, para actividades de asociacións provinciais ou de rango inferior, a cantidade consignada foi de 370.000 euros; para actividades de asociacións supraprovinciais, a mesma cantidade; para a promoción de clubes de leitura, 122.000 euros; para a mellora en equipamentos e locais, 400.000 euros.
- No ano 2010, eis as cantidades, reflectidas na mesma orde: 200.000 euros; 300.000 euros; 160.000 euros; 300.000 euros. A redución efectuada foi de 302.000 euros.
- Na previsión de 2011, para actividades das asociacións culturais figuraban 50.000 euros + 250.000 a cargo dos orzamentos de 2012 e para equipamentos, 300.000 euros. As ordes de 2011 foron suprimidas en senllas resolucións publicadas no DOG de 15 de Setembro e de 18 de Outubro do ano en curso.
A gravidade destas medidas é maiúscula. En nome de a Galiza ter unha lingua propria e unha cultura distintiva, nace a cativa (no duplo sentido: pequena e cautiva) autonomía galega. En nome do mesmo, prevese no Estatuto de Autonomía (1981) a creación do Consello da Cultura Galega (que se funda en 1983) e mais do Fondo Cultural Galego (non nato). En nome do mesmo, por lei 9/1984, créase a CRTVG, que funciona desde aquela, coas súas dúas sociedades, a radio e a televisión públicas. En nome do mesmo, créase o extinto IGAEM (hoxe, AGADIC), o Centro Dramático Galego ou outras axencias culturais alimentadas con diñeiro público.
Pois ben, todo isto non foi por obra e graza da súpeta ou milagrosa galeguización dos xestores autonómicos galegos, senón por toda unha meritísima historia das asociacións culturais pro-galegas que, desde os primeiros anos sesenta do século XX e con innúmeras dificultades, emprenderon unha actividade de restauración do nome da Galiza, no seu teatro, literatura, historia, música... ou outras manifestacións posíbeis, sempre coa espada de Damocles da censura-prohibición enriba. No réxime autonómico, non se produciu a reparación necesaria e o recoñecemento preciso a este labor. Sempre houbo que pelexar por que aumentasen os escasos fundos destinados ás asociacións culturais, a despeito de seren elas as que oferecían e oferecen un programa de actos aberto a toda a sociedade, plural, gratuíto e con vontade de (de)mostrar toda a potencia cultural galega actual, o que cabezas e mans galegas son quen de facer e de difundir.
Ben se ve que tal labor resulta perigosísimo, cando se lle corta a cabeza orzamentaria que, insistimos, de forma mínima -subsistencia-, estaba presente nas contas oficiais. En 1999, cando se anunciou por vez primeira o proxecto de construción da Cidade da Cultura, vaticinamos o que agora está a acontecer: a seca orzamentaria para todo o que non fose alimentar o monstro superfluo. Non podemos dicer que a nosa posición fose ben comprendida daquela. Os feitos, agora, dannos a razón. Os incendios arrasan hectáreas e hectáreas de monte; a espada flamíxera dos actuais capataces da Xunta destrúe lingua e cultura proprias, para arredondar a faena de arrasadura de todo o que cheire a galego.
Involución, desmantelamento, españolización a marchas aceleradas, submisión estúpida e estupafaciente á globalización rampante onde o que non leve o carimbo imperial e o dos satélites servos non debe ser admitido. Non o consintamos. A cultura propria non é unha "riqueza", non un adobío: é o noso ser, a nosa maneira específica de estarmos no mundo e formarmos parte da Humanidade.