PENSAR POR NÓS MESMOS


Causa perplexidade observarmos como os Estados centrais e os emerxentes, malia as aparencias de procuraren acordos universais, están empeñados na práctica por veren de mellorar aínda máis a súa balanza de pagos por conta corrente e por facérense competitivos coa devaluación das súas moedas. A reunión do G-20 en Seul exemplificouno máis unha vez. Que significa isto? Simplemente queren vender os seus produtos, fortalecer o seu sistema produtivo, a única forma de afastarse dunha crise económica financeira, si, pero tamén estrutural, do sistema. Só así se poden ter baixos índices de desemprego. Nin China nin Estados Unidos de América (EUA) están ofuscados pola inflación. China pretende vender a cada paso máis fóra, alén de aumentar o consumo dentro. EUA pretende vender máis fóra e restaurar o consumo interno, devaluando, de forma indirecta, o dólar, inxectando grandes sumas no sistema. Nestes casos, sobra o diñeiro; outra cousa é que se invista sempre na dirección correcta para superar a situación, en beneficio das maiorías sociais, como acontece, sobre todo, no último caso.

O goberno español, en cabeza, e con seguidismo todos os gobernos autonómicos, sexan do PP ou do PSOE, nestas circunstancias, limítanse a someterse aos ditados do FMI e outros organismos globais, como o Banco Central e a Comisión Europea. Fan xustamente a política que non necesitamos: reducir o gasto público, recortar dereitos laborais e sociais, maior presión de impostos indirectos, menor progresividade dos directos, máis privatizacións, incluída as Caixas de Aforro, como bocado suculento para unha banca privada que, xustamente, polo descontrol existente, foi unha das responsábeis da crise financeira... Así é imposíbel combater eficazmente o desemprego. Haberá menos riqueza e repartida de forma aínda máis inxusta. Con esta política é imposíbel avanzar para saírmos do funil no que nos meteron: o estancamento e mesmo o retroceso económico, a deflación. A cada paso resulta máis clamorosa a falta de política industrial, agraria, enerxética e financeira propias. Non existe nin capacidade nin vontade de mellorar o sistema produtivo. Así as importación seguirán sendo abafantes, os acredores externos pola débeda privada e pública, en xeral, non só fondos soberanos senón os grandes fondos privados de pensións e alto risco cobrarán intereses esmagadores, o financiamento das empresas, nomedamente as pequenas e medianas resultará incerto, o paro non se reducirá. Esperar simplemente a que a economía alemá tire da do Estado español, ou que o consumo interne medre, coa precarización en ascenso, son fantasías...

Falemos de nós. Galiza ten a cada paso un sistema produtivo máis desequilibrado, reducido e sen perspectivas. Non temos agricultura, a industria e a enerxía reduce o seu papel. Vamos sendo saqueados, privados, dos sectores produtivos, que eran definidores e estratéxicos na nosa economía. Alguén pensa que pode o sector terciario, os servizos, sobre todo os de baixa cualificación e valor engadido, ser o alicerce dunha economía? Pode haber novas tecnoloxías se non hai sistema produtivo real, propio? A crise que estamos a vivir é unha crise de produción, para reforzar o deseño de quen produce e o que, facendo máis premente o deseño dos últimos trinta anos, un proceso de concentración sen precedentes, que impuxo, en concreto, a Galiza unha reestruturación da súa base produtiva tan prexudicial: sector lácteo, agrario, pesqueiro, naval, sobre todo, cara impedir un desenvolvemento autocentrado. Agora, após pasar por este calvario, Galiza está sendo de novo agredida: parece que hai que lle furtar o pouco que quedaba: o sector enerxético, o naval militar, alén de imposibilitar calquera opción de desenvolvemento propio. Estase revelando en toda a súa dimensión negativa o sentido da operación de integración no mercado europeo único: desposuídos de parte substancial da nosa base produtiva, xa é posíbel retirar as esmolas compensatorias e mesmo esixir a devolución dos cartos prestados a interese de casino no aquelarre da globalización financeira.

Temos que esforzarmos para a sociedade galega ser máis consciente do que pasa e por que, do que necesitamos: que nos deixen producir, termos un ente financeiro propio, unha Caixa ao servizo da nosa sociedade e da nosa economía ou un Banco Nacional propio, dotarnos de orzamentos públicos axeitados, establecer un sistema fiscal xusto baixo a nosa responsabilidade, priorizar o gasto público con fins produtivos e de mellora dos servizos públicos... Pór, en definitiva, en marcha as potencialidades económicas do país e responsabilizarnos do noso presente e do noso futuro. Se o papel do Estado español na UE xa é o dunha periferia sen algún peso, o de Galiza é loxicamente aínda menor, máis marxinal, como efecto da combinación de dúas políticas, a europea e a española, con deseños tan negativos que conducen sempre á nosa exclusión. Agora con descaro, Alemaña e Francia optaron por sacrificar a periferia europea, mesmo aplicando unhas receitas que reducen a capacidade de consumo, como consecuencia da precarización económica. Como sempre, máis agora ostentosamente, teñen unha opción bilateral descarada con outras potencias e outros países emerxentes en función dos seus intereses. Galiza non pode estar atada, subordinada a un Estado que a discrimina e marxina, e a unha política europea dese mesmo Estado que a anula, facéndoa aínda máis periferia dentro da periferia. É hora de abandonar un europeísmo suicida e pensar e axir desde a defensa da capacidade para decidir. Acreditemos, primeiro, en nós, pensemos e coñezamos as nosas necesidades, e actuemos sen complexos. Incluída a opción de, se o euro é un factor que impide mellorar e avanzar, saírmos da moeda única.