Pensamento e alta velocidade

Pensamento e alta velocidade

O 24 pola noite houbo outra vítima do accidente ferroviario que os medios de comunicación ocultaron. E non teríamos que chamar a atención sobre ela -pola imponderábel comparanza coas vidas humanas- se non asistísemos a unha ringleira de obscenas exhibicións de danos colaterais que van desde os máis insignificantes da suspensión de festas até o perigo de contratos en adxudicacións estranxeiras, pasando polo insultante: “Que pena que la catástrofe ferroviairia nos impida expresar prudentemente nuestra satisfacción por los datos del paro” do deputado do PP. Refírome a suspensión das conmemoracións do Día da Patria por respecto á dor das familias das vítimas.

O certo é que non estaba a cabeza para outra cousa que non fóra a traxedia acontecida. A existencia dun vídeo do momento do descarrilamento, o feito de que ficara con vida o maquinista e outras probas contundentes abortaron o intento inicial de sementar as sospeitas sobre a posibilidade dun atentado co que criminalizar máis aínda ao nacionalismo. Esas imaxes da TVG na procura de declaracións que reforzaran a tese da explosión dá conta da putrefacción moral á que chegou a “trama” que nos goberna. Con todo, aclarado isto, unha xornada como a do 25 que tan outra estaba prevista, viñeron á cabeza de cada un de nós moitas imaxes evocadas polos acontecementos. Falaban nos medios de como moitos revivían o 15-M, outros o Prestige, e algúns misturas de recordos persoais, experiencias colectivas e mesmo lecturas.

Durante o longo día despois de reconto de dramas persoais tivemos tempo para lembrar cousas que non son de compartir porque só cada quen entende no máis íntimo. Outras seguro que máis dun coincidiría. Por exemplo, cantos dos asistentes a recente representación da obra de Carlos Santiago “A República de Guntián” non se acordarían das escenas relacionadas co AVE. Pois ben, entre esas cousas que rebulían na mente mesturadas coas mensaxes que chegaban sobre esta catástrofe, alí estaba un texto. Un fragmento. Un anaco do que prometía ser reflexión rigorosa e detallada sobre o mundo no que vivimos e no que morremos... ás presas.

Mágoa que ficaran inacabadas as cavilacións de Antón Losada Diéguez na súa “Teoría cuasi transcendental da velocidade”. Comezada a publicar na revista “Nós” no 1920, só quedaron manuscritos e borranchos que non completaron o obxectivo por el declarado: “o xeito en que a volta á Natureza é compatíbel co progreso e co perfeccionamento humano”.

Na súa demoledora crítica a acelerada sociedade capitalista apunta que as relacións esquematizadas e desarraigadas farán imposíbel a empatía coas vítimas dun comercio abstracto e globalizado. Isto foi despachado por analistas da súa obra como produto do seu conservadorismo relixioso, froito dunha fidalguía en extinción que se resiste ao seu exterminio proxectándose nun nacente nacionalismo no que refuxiarse diante dun confronto de clases no que non teñen nada que pintar. Mais o caso é que resulta revolucionario no seu cuestionar do espazo-tempo baleiro da ilustración burguesa, na súa crítica da substitución do diálogo polo intercambio de ordes matemáticas carentes de emoción (“os homes xa non falan cos homes”). Cando Losada presenta a necesidade de avaliar as consecuencias da relación distante coa paisaxe como consecuencia duns transportes que circulan cada vez a máis velocidade polo territorio chama a atención sobre os problemas da desconexión coa natureza, coa terra, co corpo.... e sen embargo é desprezado o seu potencial teórico que moitos non souberon ver cegados por interpretacións “progresistas” que lles impedían apreciar ao filósofo galego.

O pensamento deste guieiro intelectual das Irmandades da Fala inflúe nun Castelao co que compartiu veciñanza e militancia, e chegan a nós grazas ao “Sempre en Galiza”, conformando o ideario do nacionalismo galego contemporáneo. Mais tamén temos que recoñecer que non reparamos de xeito repousado nestas ideas que están no substrato do que expresamos a miúdo nos urxentes manifestos políticos. O caso é que cada vez os idearios son máis superficiais e a miúdo simplemente identificados cun persoeiro carismático volúbel e, desde logo, non fundado nun corpus doutrinario determinado.

Losada, como a maioría dos nacionalistas deste país, foi un activista e como tal, polas esixencias do momento, tivo que deixar a medias todos os seus proxectos intelectuais. Mais Castelao, deuse conta de que o traballo teórico forma parte do activismo. Logo do naufraxio do 36, viuse na obriga de fixar o marco doutrinal do nacionalismo como un acto máis da súa praxe mobilizadora no combate polo país.

Cando Bautista Álvarez bautizaba o “Día da Patria” e xunto coas novas xeiras de nacionalistas implementaba a súa conmemoración, xa podía circular polos carreiros abertos dos devanceiros ideolóxicos e erguerse sobre os ombreiros das xeracións anteriores a pesares de tronzarse a relación persoal xa que había unha obra escrita que iluminaba o camiño.

A suspensión do 25 de xullo do 2013 é o menos que se podía facer diante do desproporcionada da dor que se causou, a pesares de que os “desalmados” que xestionaron estes feitos nin sequera permitiran que se visibilizara este xesto. O nacionalismo pode e debe renunciar a celebrar o seu acto principal sen que iso supoña ningún prexuízo para o seu ideario, senón, pola contra, a afirmación de que este está ao servizo do pobo, das persoas que sofren, de quen é vítima inocente, etc. O importante é ter claro dito ideario, profundar nel, desenvolvelo e afortalalo para clarificarnos nos principios que farán que o ano que vén, outra volta, as rúas de Compostela volvan a ateigarse de conceptos encarnados nunha marcha emancipadora, nun rio de xente feito pobo, que concilie nas súas consignas e simboloxía a solución aos problemas filosóficos que Lousada deixou presentados nos seus escritos e que eran extensión de problemas humanos que aínda hoxe padecemos, acompañando o noso paso co pensamento, e o pensamento co noso paso, para camiñar cara facerse donos da nosa Terra, da nosa vida, do noso futuro.