Pensamento diverso: unidade nacionalista. Que máis?

Pensamento diverso: unidade nacionalista. Que máis?

Non compartillo cos privilexios exclusivos. Moito menos coas exclusións por razón de pensamento ou sistemas de ideas, na tribo nacionalismo. Entendo, que esta praxe e a que nos guía a todos, no peor dos casos, a moitísimos que acreditamos nesta necesaria e insustituíbel organización. Non é acaso así? Xerminamos con ideas plurais, así crecemos e maduramos. Vivimos, sempre, con diversas sensibilidades políticas, unhas veces só de coloridas belezas e outras de grande fundo ideolóxico. Comparamos as nosas opinións, unhas veces xuizosamente e outras desafortunadamente. Viva, a dialéctica da contrastación de opinións xuizosas no noso espazo nacionalista. O debate ben intencionado só nos pode engrandecer colectivamente. Quen pode negar está premisa? Moitos vimos exercitando isto ao longo dos anos na nosa actividade política. Esta é unha das características e cualidades supremas do nacionalismo. Iso creo eu.

Mais, amigos lectores desta plural revista de pensamento nacionalista. A min chégame ao íntimo un fondo desacougo. Un triste presentimento. Que provén deses feitos, deses comportamentos, que se me cravan insistentemente nos miolos pensantes e que suceden ao meu redor, que corroboro nestes días. Esas manifestacións ou conductas que considero espantosamente demoledoras dentro do noso mundo político. Algunhas até foron ditas publicamente. Prácticas, que, a boa fé, até podo considerar menores e non identificábeis no conxunto, a ningún colectivo, pero que podo afirmar, sen dúbida ao equívoco, que están logrando danar dun xeito abafante o proxecto nacionalista

Hoxe, pervírtese o nacionalismo querendo excluír a pluralidade e diversidade. Hoxe, dánase ao nacionalismo exteriorizando os debates. Hoxe, paralízase ao nacionalismo sendo irrespectuosos coas decisións colectivas. Hoxe, convulsiónase o nacionalismo tensionando en extremo. Hoxe, ridiculízase ao nacionalismo sendo cínicos e vaidosos. Hoxe, destrátase ao nacionalismo poñendo o personalismo por riba das decisións colectivas. Hoxe, faise escarnio do nacionalismo desprezando o seu ideario político. Por certo, en que ideario político está a defensa do idioma, dos operarios, dos sectores produtivos (autónomos, pequena e mediana empresa), dun poder financeiro que sirva a Galiza? Tamén, se adultera ao nacionalismo, terxiversando o ideario político dos que temos no marxismo un diamante filosófico, por certo, ben pulido, e para pola sempre ao servizo das necesidades das maiorías sociais da nación Galega. Así foi ao longo da nosa historia. Sei que a vida digna, destas maiorías, só é posíbel nunha Galiza liberada, é ese obxectivo, é o mais notábel, até diría, que único. Ollade, digo que se dana, ao nacionalismo, e non a tal ou cal partido ou organización social. Que grande irresponsabilidade teñen os que así exercen co nacionalismo. Razoarase, isto sempre existiu, non é nada novo. Direivos que o grao que está atinxindo a situación é moi novo, moi novedoso. É moi preocupante para os que afirmamos que o nacionalismo e a súa unión é a garantía, máis pronta, para acadar os nosos obxectivos libertadores. Poida que a única. Que mágoa. Hai que banir os comportamento colectivos e mesmamente os individuais que nos deterioran. A albura ética implora por todos nós.

Si os que así axen o fan por mera vaidade, é unha desgraza . Se o fan porque albiscan outras posíbeis alternativas ao marxe da unión, son unhos irresponsábeis, inconsciente, e no peor dos casos, persoas con ideas alonxadas da nacionalista. Persoas que nada adeprenderon da nosa propia historia. Xa pasamos por iso, e a historia levouno á unión de todos. Pensade, estamos ante un fenómeno experimentado e demostrado. Engánanse a si, e aos que podan acreditar neles. Calquera mancadura é perniciosa, moito mais agora, cando somos a mellor alternativa á crise. A única na Galiza. Crise, que por certo, foi creada por poderes e pensamento contrarios aos nacionalistas ou aos que forman parte do seu sustento.

Bon, que ninguén se desanime e perda a convición nos nosos valores, no noso presente e futuro, moito menos na nosa historia. É posíbel que sexamos golpeados, abaneados para perder algún froito. E tamén é posíbel que o lodo da realidade nos faga tremer polas convulsións. Mesmamente que non nos consintan avanzar como pretendemos. Pero o desánimo ou esmorecemento, que nos pode aturdir en algunha conxuntura, superámolo batallando polo que consideramos xusto e necesario, para a maioría da sociedade galega. Superámolo sendo consciente do que somos e polo que loitamos. Son, quizás, moi pragmático, pero quero que a xente nos xulgue polo que fagamos agora, e non polo que poidamos facer mañá. O noso compromiso, o dos nacionalistas, nestes momento, é a única vía de superar a situación coa menor mancadura posíbel. A indiferencia, agora é un crime. De nós depende, que a borrifa nos molle o menos posíbel.