Pedagoxía na sociedade galega sobre a necesidade do nacionalismo

Pedagoxía na sociedade galega sobre a necesidade do nacionalismo

Unha das maiores frustracións que sinto no desempeño do cargo de Alcalde prodúcese cando algún veciño no despacho da Alcaldía comeza a esbardallar contra todos os políticos. Cando inicia a súa intervención crítica co consabido vos os políticos vivides a conta do pobo, a conta nosa, afastados da realidade gozando de prebendas cos cartos de todos, etc. Tamén sinto a mesma frustración cando alguén para acadar a solución dalgún problema que lle afecta non dubida en ofrecer o pagamento do que faga falta e promete recompensar xenerosamente. Se ben é certo que son comportamentos minoritarios entre as persoas que un atende non deixan de chamarme a atención por canto pretenden homologar o noso comportamento institucional as formas e hábitos que nos sempre tratamos de combater e desterrar da práctica da nosa actuación institucional municipal.

Cando lle indico que non todos somos iguais e que a política municipal nacionalista non só non lle afecta negativamente senón que grazas a mesma pode gozar dun capital social básico de servizos públicos que se traduce nunha importante rede de servizos e de goce de calidade de vida en equipamentos e actividades, cando lle indico que grazas a política municipal nacionalista a dinamización económica do concello ofrece unhas posibilidades de emprego e de actividade comercial e industrial importantes pondo en valor os nosos recursos e potencialidades ou cando lle indico que grazas a esta mesma política municipal nacionalista o valor do seu propio patrimonio se ten revalorizado en contraste coas políticas que outros gobernos están aplicando o seu discurso inicial de que todos somos iguais queda mais matizado.

Estes exemplos poden servir de mostra da necesidade de facer a máxima pedagoxía na sociedade e nas institucións sobre a importancia da política agora mais que nunca para facerlle fronte a situación actual. O traballo tan intenso do BNG no ámbito institucional ten que ser apreciado na sociedade en base a un maior esforzo no contacto social, na visualización das nosas propostas, na posta en valor colectiva das nosas iniciativas, dos nosos logros, do noso compromiso con todos os afectados polas políticas que esta aplicando o Partido Popular para que poida apreciarse directamente a utilidade do BNG.

A posta en valor do nacionalismo na base da sociedade como elemento aglutinador fronte a estas políticas que empobrecen a xente e arruínan a Galiza debe estar presente tamén no noso traballo diario, e non só no ámbito estritamente político senón tamén en todos os campos da nosa actuación social, no día a día.

Combater os prexuízos, os tópicos que negan a realidade diferenciada da nosa nación, o seu dereito a existir a poder decidir soberanamente, a potencialidade de Galiza para poder ter unha vida propia non subordinada, defender con orgullo a nosa identidade, a nosa cultura, o noso idioma é algo que debemos facer en todas as nosas relacións xa sexan familiares, laborais, veciñais, deportivas de ocio, etc. No debate e reflexión do BNG para cambiar algúns aspectos do noso traballo penso que estes son algúns dos que debemos abordar.