Pedagoxía mediática: Hibridismo e confusión

Pedagoxía mediática: Hibridismo e confusión

Entre outras moitas cousas interesantes e merecentes de atención, Sartre deixou dito en Huis clos algo realmente terríbel: "l'enfer c'est les autres". Partindo desa idea, os seus personaxes, condenados á convivencia nun presente indefinido, achan na ollada allea a auténtica tortura. Mais, cales son os erros cometidos para seren castigados? Pois un pouco os de todos, isto é, o egoísmo, a covardía, a mentira, o abuso... O asasinato tamén. Afortunadamente este último non está tan estendido na realidade.

Os habitantes dese cuarto fechado séntense únicos. Imprenscindíbeis. Por iso a asfixia, pola tensión constante. Polo tedio. Verse retratados/as nos ollos do resto e soportar o seu afán condúceos a un suplicio interminábel. Garcin, Estelle e Inés están obrigados a soportarse. Eis a cuestión: a convivencia como "castigo".

Segundo isto, podemos considerar que a idea de Sartre ao respecto da humanidade nesa obra é claramente pesimista, pois deixa ver nidiamente unha falta de confianza na nosa capacidade de recuperación e entendemento. Daquela, tendo conta da súa vontade de observación e análise, podemos deducir que esta visión cáustica procede do desencanto, da profunda decepción experimentada ante iso que entendemos como estupidez que, segundo o diccionario, significa "dificultade notábel para comprender as cousas", algo que provocou no escritor o desexo de denunciala.

Desta eiva -da estupidez- derivarán o inmobilismo, a desidia e, xa que logo, a falta de compromiso e o cinismo. A sociedade vira as costas á reflexión e segue o camiño indicado para formar parte dun cadro inmenso que o sistema elabora por medio do "oficialismo" reflectido nos medios de comunicación e a súa pedagoxía terapéutica para sermos como se espera, obedientes. Nun movemento "uniformemente acelerado" entramos no abstracto e espeso continuum da imbecilidade colectiva, na afectación snob e pretenciosa, na homoxeneización.

É comodísimo. Clónicos e con sentido común -entendendo por "común" o que a maioría considera "sentido" na súa literalidade, en tanto que refrendado por unha estraña experiencia abstracta, de orixe descoñecida- imos tirando. Tal sentido, adoptado e adaptado para a nosa tranquilidade, transfiresenos a través dunha educación fondamente sexista que cómpre deconstruír, e da publicidade -tanto directa como subliminal- que proxecta os "valores" do capitalismo. Así nos adestran, na medida en que nos inoculan o discurso, paulatinamente, e por diferentes vías. Poñelo en cuestión é xa fariña doutro costal. Moi poucas persoas o farán, sobre todo se a análise implica autocuestionarse. Entón, mellor seguimos como estamos.

Eis un dos valores do grupo humano que vive dentro do cadro máis grande de todos: a permanencia. Sendo esta unha permanencia cuxo berce non é a inquietude por preservar a identidade ou conservar unha determinada visión do mundo considerada interesante, mais o temor constante polos cambios e o afán tendencioso, que dese medo deriva, por facer ver que esoutras maneiras de sentir e de interpretar a realidade social son de seu sectarias e se retroalimentan, o que conleva emprobrecemento e atrancos. Así, os habitantes do cadro grande poden perseverar nas súas certezas. Estar tranquilos.

A visibilización destes cadros, aparentemente tan sinxela, non é doada para os seus habitantes. Moi poucos caen na conta de que "a normalidade" na que habitan é cuestionábel dado que existen outras realidades sociais alternativas. Algo tan cotián como ir mercar alimentos pode servirnos aquí para amosalas. O simple feito de acudir ás tendas pequenas ou ás grandes superficies, xa dá conta da existencia de dous planos diferentes da realidade. Un minoritario. Outro moito máis amplo. A diferenza estriba, fundamentalmente, en que o individuo que vai ao supermercado, nin escolle, nin sente que forme parte de cadro ningún. Acode á boutique alimenticia por comodidade. Só iso. Pola contra, a persoa que merca, conscientemente, e non por azar, no ultramarinos exerce o seu dereito a elixir porque os visibiliza sen dificultade.

O mesmo sucede coas tendas de roupa e o seu estilismo. A moda ofrece un atuendo aceptado de xeito maioritario. A premisa da que se parte é sinxela e inconsciente, "lévase moito". Daquela, todas as persoas que non sigan as "tendencias" quedarán fóra por charramangueiras e pasarán a constituír tribos urbanas que, a súa vez, encorsetan a imaxe conformando un cadro distinto do maioritario, mais un cadro tamén que, por suposto, pode e chega a asfixiar. Daquela, é o noso un tecido social que sub-mete as conciencias para que non saian nunca fóra da gran matrioska que sostén a mentira capitalista.? Pódese vivir nos perímetros da mentira? Cal é o prezo?

Son demasiadas preguntas para un mundo tan pequeno, mais a cousa está clara: vivimos nunha especie de patchwork, o cal a súa principal eiva é a desaparición do individuo en favor da amalgama que implica un mal entendido "pensamento de grupo" froito da pretendida homoxeneización que anula a vontade, ese elemento fundamental que permitiu a Roberto Assagioli -creador da Psicoloxía Psicosintética- aunar a multiplicidade do "eu" na unicidade, conciliando así as ideas propias coas compartidas.

Isto supón a aceptación da discrepancia, a xenerosidade da escoita activa e a consciencia de que temos dereito ao noso "sentido común" -propio e particular- que non ten porque coincidir sempre co do resto. Afortunadamente.

Sobre este asunto do "sentido común" viría á perfección a frase de Saramago -extraída da súa novela "O home duplicado"- na que se fai explícito o rexeite das verdades prácticas e establecidas. A frase en cuestión é esta: "Non te deixes enganar, o sentido común é demasiado común para ser realmente sentido". Noutras palabras, convén distanciarse, contemplar todo dende distintos ángulos, "desencriptar" as realidades ocultas coexistentes e, a partires de aí, elaborar un pensamento propio, que non reproduza a enfermidade da autocompracencia na extravagancia nin no exhibicionismo intelectual, sempre frío. Sen alma de seu.

Daquela, nin idiotas, nin distantes. Sempre á procura do ser, da súa radicalidade orixinaria, próximos e agarimosos. Mais esta procura do "eu" non é doada en absoluto. A dificultade radica na diáspora interior, pois estamos e somos estrañamente multiplicados/as.

A idea de unidade do individuo -que nada ten que ver co individualismo- esmorece, como xa indicamos arriba, en favor dunha autoidentidade colectiva e psicótica, determinada polos grupos de amigos tradicionais -amigos in praesentia- , polas redes sociais -amigos in absentia- e os medios de comunicación que nos desquician. Somos o que facemos no grupo, pero tamén o que dicimos ou aceptamos, somos o que vestimos, o que podemos controlar, o que ocultamos...

Isto sempre foi así, pois é sabido -e recoñecido-, que as persoas teñen de seu certa versatilidade que as fai elásticas e permeábeis, algo moi enriquecedor en tanto que as amplifica e redondea, rescatándoas dunha rixidez extrema que remataría por deixalas varadas nun punto indefinido, sen posibilidade de evolución, o cal, obviamente, sería terríbel.

No entanto, cando falamos da multiplicidade do "eu", non nos referimos á versatilidade, mais á confusión na difusión deste individuo que máis que múltiple en si mesmo, é un ser fragmentado, vítima do hibridismo e da exaxerada relativización, nas que o autoconcepto e autoconciencia desaparecen.

A sociedade de consumo facilita esta fractura delirante. Grazas a ela poderemos manter unha actitude consciente ou pasota. Seremos quen de afondar no coñecemento, saber "a medias catro cousas" ou desprezar calquera idea mediante a ridiculización argumentando que é sublime de máis... E teremos o dereito, e o exerceremos, ao infantilismo sine die ou nos recoñeceremos adultos/as con só nove anos... Así somos, principalmente porque lo valemos.

Con tantas posibilidades en potencia dilúese o discurso e, con el, o compromiso. Eis o risco desta atractiva ditadura poliédrica. Coa personalidade fracturada pola pluralidade andamos moi confusos/as. Perdémonos en diatribas que nunca se acaban e isto que, tan boa pinta ten de entrada, por parecernos liberador de corsés, deriva nun suplicio constante.

Quen son?. Boa pregunta!. Pois depende. En "Alicia no país das marabillas", Lewis Carroll anticipábase á crise identitaria da sociedade capitalista, postmoderna e globalizante, coa pregunta capciosa da eiruga. "Quen es?" preguntaba o animal. Loxicamente, a rapaza contestaba: Alicia. Porén, esa resposta non explicaba nada. Moitas nenas poderían chamarse así. A cuestión de fondo era ben distinta. O que a eiruga quería saber tiña que ver co seu modo de sentir o mundo, de pensalo e interaccionar nel. Se nos preguntasen isto a nós tampouco teríamos unha resposta clara. Depende, diríamos. Aquí e agora son reservado/a, mais tamén podería ser cordial e comunicativo. Neste contexto a miña actitude é solidaria, mais nestoutro actúo de xeito mercantilista. Ese ou esa son eu: un exiliado: alguén de fóra que descoñezo: "conservador de esquerdas": intelectual e mentiroso: liberador e verdugo, todos podemos selo en certa maneira...

Isto podería non rematar xamais, tal é a nosa inmensidade inconsciente. Ante semellante esquizofrenia de criterios polivalentes, como abstraerse? Se persoas como Belén Esteban, poden suscitar interese, até o punto de provocar debate, e dar lugar a un estudo de doutoramento, parece obvio que todo se confunde, a flema fará que poñamos en valor o "cachondeo" sobre este ou outros semellantes.

Así, á marxe de que esta muller sexa unha vítima dos medios, está claro que nós contribuímos -aproximadamente cinco millóns de persoas ven "Sálvame"-, que desdramatizamos a ridiculización pública da intimidade e aceptamos que esta ten un certo carácter interactivo na medida en que podemos emitir xuízos de valor a propósito desta ou doutra persoa que apareza na ventá mediática.

É o capitalismo e a súa deriva nihilista. É o desprestixio da sutileza e o cuestionamento constante da integridade cando o individuo, a día de hoxe, converteuse nun clon multiforme, mediático, videoidiota, pueril e profundamente egoísta, ocultando toda a súa mediocridade no culto polo snob como forma de exhibición pública.

E chegados a este punto, pensar no autoexilio proposto pola poeta Mina Loy, podería servirnos de axuda, entendendo tal emigración interior non coma unha fuxida, mais como a arela constante do autocoñecemento, da distancia que cómpre ter presente para a análise social e a propia -sobre nós mesmos/as- procurando unha visión panorámica xenuína e averiguar cal é o núcleo da estraña pluralidade que nos habita e que ha constituír o punto neurálxico sobre o que asentar o pensamento, esa base firme, sempre modificábel e prospectiva que nos conduce, inevitábelmente, á humildade, a máis construtiva postura política para que a aprendizaxe propia estea sempre en activo.

Daquela, parece claro que o pensamento hase enriquecer se conciliamos o individual co colectivo, se nos negamos a tragar ese cóctel de verdades sistémicas herdadas do "sentido común", procedente, a súa vez, da educación conservadora recibida que, valéndose dunha certa ilusión de "modernidade", centrada esta no individuo, á marxe do colectivo e do compromiso organizado, pretende despistarnos do asunto central do grave problema padecido pola multitude solitaria e confusa -que non convive, mais se soporta- converténdonos en cómplices da exclusión social e do abuso grazas á distracción fundamental de calquera sociedade capitalista: o consumo enfermizo de ideas, personalidades, persoas e obxectos. Loxicamente, é este consumismo feroz o que nos leva ao devandito nihilismo que se exhibe, publicamente sen pudor, e que implica a infantilización progresiva da sociedade e a consecuente incapacidade de compromiso.

Os medios de comunicación serven pois, esencialmente, de instrumento educativo para fomentar e fornecer o necesario ronsel de "mentiras útiles" -as "verdades prácticas" de Foucault- que permita paliar a sensación de aillamento das persoas, diversificar e fracturar o seu pensamento individual, mediante a relativización constante e psicótica, e impedir a reflexión que conduce, inevitabelmente, á aceptación do compromiso, do necesario desprendemento do eu na procura do beneficio común. A cousa está clara, o poder anestesiante dos medios de comunicación é obviamente un parche.

Interesa pois visibilizar que a ferocidade do capitalismo afecta non só ao ambito público, mais tamén á intimidade, dende o momento en que erosiona a afectividade, a imaxinación, a empatía, a calma, o esforzo...

Ás veces soñar con voar é o único xeito de chegarmos a facelo, de elevármonos do chan e darmos un salto.