Pecar e politicamente correcto. O lider peca e debe pecar
As virtudes foron feitas para os de abaixo e as grandezas (os pecados) para os de arriba.
Si queres ser politicamente correctos e chegar a algo na política, nos negocios, no espectáculo, etc. e estar na crista das ondas tes que ser avarento, mentireiro, soberbio, trapalleiro, vividor, falsario, violento e criminal se fai falla.
De cabeza, compre practicar os sete pecados capitais e esquecerse das táboas de Moises. Iso si: A práctica de todos estes pecados e vicios non che servirá de nada senón es capaz de converter aos outros en xenerosos, sinceros, humildes, leais, austeros, legais, serenos, humanos....
Unha cheirenta febre percorre iso que deron en chamar a Europa dos mercados, onde todos e todas nos sometemos de xeito humillante e vergoñento a uns xefes e xefas supremos chamados lideres. O mesmiño que na idade media, os líderes deciden a vida e destinos de toa a cidadanía. En cada espazo territorial ou ramo do saber ou do producir vanse creando líderes que someten ao resto ao seu capricho. Ate aqueles que levaban anos defendendo os dereitos da cidadanía a xuntarse, decidir, reclamar elixir ou rexeitar están afectados da mesma peste, e empéñanse en que todo isto é politicamente incorrecto. Son noxentos restos do pasado: Asamblearismo, resistencialismo, comunismo, utopías trasnoitadas, fórmulas inmobilistas e burocráticas de funcionamento da sociedade. En fin, tolerías de catro nostálxicos que a sociedade moderna ten superadas coa simple técnica da creación e renovación de líderes e de modas.
En fin, que o noso destino é ser líderes, se podemos, e senón conformarnos con ser escravos.
Se non es un triunfador ou triunfadora non es ninguén, e para trunfar tes que trunfar sobre alguén, dominar, someter ou humillar a alguén. Cando menos precisas dos estímulos, o da soberbia e o da avaricia; e se tes que empregar a ira, tal coma fan os mercados, emprégaa.
Non esquezas que moitas veces para ser triunfador tes que comezar coa envexa e mantela deica que poidas gozar da luxuria ou da preguiza. E nunca teñas escrúpulos en que outros ou outras non poidan gozar delas, é que non naceron para líderes ou triunfadoras coma ti, e sería un desastre que o intentaran. Que acontecería se os que nunca naceron para xefes ou para ricos lles deramos o poder de facelo? Que lles acontece aos obreiros se lles damos o paro ou 400 euro ao mes? Que se volven vagos e especuladores; e cobran os 400€ e por arriba adícanse a facer chapuzas e a defraudar ao Estado... Ademais eles non saben crear riqueza cando deixan de pagar impostos, iso sabémolo facer os líderes, a xente de negocios. Facer negocios non é roubar. Roubar é quitarlle os aforros aos que tanto levamos traballado para pagar baixas ficticias e axudas sociais a moitos tunantes.
Todo isto que estou dicindo non é pecado nin nada inmoral. Eu lévome ben cos doutores da Igrexa e danme a razón. Para amañar a nación compre ter ambición e dureza; e isto non é pecado é unha grande virtude.
Para gobernar ben un país non fan falla nin moitos partidos, nin moitos sindicatos nin moitas asociacións, nin moitas autonomías. Chega cuns poucos que manden e logo que teñan uns líderes que se poñan de acordo por arriba e os demais a traballar.
Sería unha sorte para Galiza que no nacionalismo seguiran tamén esta liña moderna de diálogo e consenso que xa seguen outros partidos e sindicatos e se rematase con esas vellas ideas de loitar e protestar. Até non da boa imaxe; e non sirve para nada. Mira de que lles sirve noutros países de Europa. Xa están parando de facer eses folclores.
Moitos pensan que estas ideas son conservadoras, pero diso nada. Son ideas do mais moderno, son as ideas que están trunfando en toda Europa e en todo o Mundo. Para que o capital se mova ten que ter liberdade e a xente debe ter tamén algún desafogo, algún divertimento como o fútbol ou programas entretidos de variedades na televisión; pero non aspirar a gastar o que non ten. Sabemos que sempre houbo ricos e probes e ten que seguir avíndoos. Sería unha desgraza que houbese moita igualdade porque senón os pobres non terían ambición, e é bo que a teñan, sempre que non se desmanden, claro está. Si os de abaixo se desmandan coa ambición compre pararlles os pes rapidamente e chamalos ao orde porque iso acaba en trafulcas e guerras e arruína a un país. E se fai falla man dura hai que ter man dura.
Pero moitas destas contendas arranxaríanse se os que dirixen dende arriba e fundamentalmente a prensa e os líderes e manda mais fosen levando a xente por bo camiño. A xente debe ter paciencia, resignarse e agardar tempos mellores. Os vicios están ben para os que os poden ter....
De tanto mirar para os pecados ate a min me entra a tentación de renunciar ao meu credo. ¡Que ben servía eu para ser doutro partido que non fora o BNG! Ao mellor ate servía para ser líder do BNG se fosen un pouco mais pecadores?