Pasos cara o decrecemento (II)
O coñecemento máis popular acerca da Teoría do Decrecemento engloba distintos aspectos que inciden sobre as opcións individuais que veñen recibindo o nome de Downshifting ou desaceleración. Cómpre descartar de antemán iniciativas que agochan percepcións subxectivas ("espirituais") e polo contrario examinar outras opcións que asumindo plantexamentos unicamente baseados na ciencia poden resultar de interese para profundizar na Teoría do Decrecemento.
O Downshifting xurde como un intento de cuestionar o actual modelo consumista pero sen chegar ás concepcións máis extremas da "Vida Sinxela" ou "Voluntary Simplicity". A desaceleración é unha variación da forma de vida na que se reduce o consumo pero na que se pretende manter a nosa comodidade diaria. Inicialmente non conleva por tanto modificacións sustanciais do estilo de vida individual pero permite ir afondando en iniciativas que reduzan a "pegada ecolóxica" de cada persoa ou familia. Cada un pode tomar as medidas que estime oportunas en cada momento según as súas características individuais.
A desaceleración do consumo individual depende do nível inicial de consumo e do nível que poda ser alcanzado finalmente, aínda que resulta evidente que o que se pretende é reducir o consumo e iso xeralmente require un esforzo que se verá recompensado cun menor impacto ambiental individual pero tamén cunha mellor economía.
Exemplos prácticos de Downshifting poden ser os seguintes:
- Solicitar créditos só cando sexa imprescindible. Non solicitar créditos ao consumo (para facer viaxes, mercar un electrodoméstico, etc).
- Cancelar todas as tarxetas de crédito menos unha, reservándoa para as emerxencias.
- Ter una soa conta bancaria e pagar sempre en efectivo.
- Contabilizar os gastos por escrito.
- Facer un mesmo as reparacións do fogar.
- Renunciar ao coche, ou utilizalo o menos posible. Examinar alternativas de transporte compartido dispoñibles na nosa cidade (carsharing e carpooling). Consultar por internet ou por teléfono os productos e servizos antes de usar o coche, isto pode ser moi beneficioso para evitar desprazamentos innecesarios.
- Usar o transporte público.
- Reducir e compartir o uso do coche nas viaxes vacacionais e reducir o uso do avión.
- Consumir menos carne ou peixe. Se consumimos carne ou peixe 7-8 veces por semana pódese pasar a 5-6 veces por semana sen esforzo. Deste xeito non teremos os inconvenientes nutricionais de ser vexetariano (carencia de determinadas vitaminas e aminoácidos), e reduciremos o consumo excesivo de carne que pode provocar exceso de peso, ademais de ter un maior impacto ambiental que a produción de vexetais. O peixe pode ser máis sano nutricionalmente pero a situación de sobreexplotación da pesca é un dos maiores problemas ambientais que está a ocasionar a sociedade consumo.
- Vivir o máis preto posible do traballo, de xeito que se poda comer en casa e ir e vir andando.
- Reducir o estrés todo o que se poda. Non levar reloxio se non o necesitas.
- Facerse socio da biblioteca para non ter que mercar moitos libros nin revistas.
- Sair de compras só cando sexa necesario, e comparar os precios con outras tendas. En xeral contrastar máis os prezos nos productos de maior valor económico. Hai persoas que mercan sempre no supermercado máis barato pero logo contratan unha hipoteca sen examinar distintas posibilidades, seguramente que o sobreprezo desa hipoteca resulta varias veces máis oneroso que todo o que se poda reducir en alimentación ao longo da vida.
- Mercar productos locais, productos ecolóxicos e productos de comercio xusto. Formar parte dunha cooperativa de consumo ecolóxico é moi beneficioso tanto para a saúde como para o medio ambiente.
- Non mercar produtos sobreempaquetados.
- Mercar produtos de segunda man.
- Reducir o consumo de auga, luz e calefacción no fogar.
Os que realizan algunhas destas cousas, ou outras similares, e adquiren hábitos de vida máis ecolóxicos reducindo o consumo transfórmandose en "downshifters", unha nova "especie" de persoas que comezan a ser numerosas nos países máis desenvolvidos. Estímase que existen 12 millóns de downshifters en Europa. Aínda que moitos non saiban o que significa a palabriña o certo é que xa viñan realizando desaceleracións do seu consumo antes de saber que podían ser calificados de semellante maneira.
Paradoxalmente o Downshifting xurdiu nos anos 80 despois de que algúns yuppies en Estados Unidos se fartaran do traballo extenuante e da carencia crónica de tempo. Decidiron adoptar estilos de vida máis sinxela aínda que representara unha merma dos ingresos aos que estaban habituados.
Sen dúbida o Downshifting non é unha ruptura do modelo de produción e consumo pero o certo é que permite intervir na nosa vida diaria e practicar individualmente. As opcións individuais de mudar un estilo de vida consumista por outro no que a calidade de vida dos cidadáns pase a un primeiro plano non son suficientes. Na listaxe de ligazóns podemos ler o artigo "Esquezámonos das duchas cortas" no que se pon de manifesto que as estruturas colectivas da sociedade son moito máis importantes que as opcións individuais do consumo nas nosas casas. A pesar de que non comparto algunhas das afirmacións que se fan no texto resulta de gran interese e utilidade o devandito artigo para chegar a outras posibilidades "colectivas" ou sociais do Decrecemento.